"A Nosa Terra" centenaria

No artigo da semana sintetizo o texto da laudattio sobre o centenario d’ A Nosa Terra que preparei para A Noite da Edición 2007. Non teño dúbidas do papel esencial desta publicación: “O centenario proxecto editorial e xornalístico A Nosa Terra representa –pola súa insólita permanencia e capacidade de innovación e adaptación a cada momento histórico, pola súa inquebrantable lealtade co noso idioma e cos anceios de autogoberno– o papel esencial que nos corresponde aos editores en lingua galega: facer país promovendo a civilidade e a galeguidade dende a lectura na lingua de nós.”

Etiquetas: ,

Encontros de Mariñán

Suso Pensado publica n’ O levantador de minas unha crónica moi completa dos debates do V Encontros de Mariñán sobre os ámbitos da tradución no que presentamos unha ponencia sobre a narrativa traducida para o galego.

"Ao pé do abismo" de Rosa Aneiros

A de Eyré é a primeira anotación que leo sobre o precioso libro de textos xornalísticos e crónicas literarias de Rosa Aneiros. Un título ao que volveremos nos vindeiros días. Recoméndoo vivamente.

Etiquetas:

Calendario de Librarías

Comunicación Cultural dá conta da publicación dun Calendario de Librarías 2008 publicado pola Federación Internacional de Libreiros. As imaxes son bonitas. Non hai libraría española ningunha. Podería ser unha boa idea emular a esta iniciativa entre nós. Hoxe a defensa da libraría independente é un eixo da nova folla de ruta para a lectura galega.

Etiquetas:

Premios da Edición 2007

Eis o resultado dos Premios da Edición 2007 fallados onte na Coruña. Para min o máis interesante da velada celebrada no Aquarium, ademais da nosa ledicia polo premio recibido polo libro de Agustín Fernández Paz (un recoñecemento alboral a unha obra que presinto vai dar moito que ler), foi a magnífica intervención institucional de Alfonso García Sanmartín.
En apenas sete minutos, o presidente da AGE debuxou con claridade meridiana a folla de ruta do sector editorial privado galego para os vindeiros anos: aposta polas políticas de lectura pública, modificación do sistema de préstamo, modernización e formación do sector e consolidación da estrutura e funcioamento gremiais. Palabras oportunas e firmes (mágoa que non aparecese sequera unha pequena referencia a ela na información nos medios) para recuperar a autoestima e o traballo solidario dos editores galegos. Boa falta fan!
O vindeiro ano, a cuarta edición desta Noite da Edición celebrarase en Vigo.

Rexina Vega, dúas entrevistas

Tras a presentacións de Cardume, hoxe apareceron senllas entrevistas con Rexina Vega (mágoa que a da ANT non se poida enlazar na rede, un problema que debe solucionar o novo diario dixital).

Etiquetas:

"O señor Lugrís e a negra sombra", o anuncio

Como xa fixeramos o pasado ano, desde onte se emite en TVG un anuncio d’ O señor Lugrís e a negra sombra, a novela de Luís Rei Núñez. Pode verse dende a páxina de Xerais.
Etiquetas:

Portadas 2007 (Faktoría K de libros) V

Faktoría K de libros ten moitas portadas onde escoller. Estas dúas parécenme magníficas.

Animalario.
Deseño de Kanchana Arni e Gita Wolf.

O señor Ibrahim e as flores do Corán.
Deseño de Marc Taeger.

Etiquetas: