Morreu Carlos Díaz Martínez

Por agardada que fose, a nova petounos moi fondo. Esta mañá morreu o noso benquerido amigo o editor Carlos Díaz Martínez. Editor de estirpe, documentalista da nación, Carlos foi un mestre de humanidade xenerosa a quen non sabemos agradecer todo e tanto que nos ensinou.
Editor emigrante, ocupouse da edición príncipe de Cemiterio privado de Celso Emilio Ferreiro e de tantas outras iniciativas culturais e políticas da Galicia desterrada durante a Ditadura. Xa en Galicia teimou por enriquececer co seu coñecemento os proxectos editoriais d’ A Nosa Terra, Espiral Maior, Artesa (ese obradoiro de beleza e poesía) e de Xerais (onde dirixía dende hai unha década a nosa liña de Álbums de postais, nun traballo de recuperación de memoria gráfica das cidades e vilas do país do que nos sentimos tan orgullosos).
Carlos era un editor artesán, minucioso, comprometido coa fasquía do libro coma síntese da expresión cultural. Haberá ocasións de recoñecer devagariño a obra que nos deixa para a memoria. Mañá na Coruña será incinerado na intimidade, como quere a familia. Hoxe todas as nosas beizóns para el e para os seus, desgarrados por tan terrible perda. Que a Terra dos teus soños che sexa leve, compañeiro!

Actualización (08-04-2007): No artigo da semana recordo a figura de Carlos.

O BNG de Vigo esixe a expulsión de Valadés

Onte á noite douscentos militantes, que conformaban a asemblea do BNG de Vigo, aprobaron por ampla maioría esixir definitivamente ao Consello Comarcal a expulsión de Pedro González-Valadés polo feito de ser membro da Asociación Galega de Amizade con Israel. Aínda que o caso non está pechado, xa que o Consello Comarcal deberá decidir en consecuencia e mesmo habería a posibilidade de que a decisión fose retificada pola Dirección Nacional, esta votación amosa a posición de intransixencia na que se volve colocar a agrupación do BNG vigués. Para entender o caso ven coma anel o artigo de hoxe de Alfredo Conde. Síntome profundamente decepcionado pola incomprensible derrota cara o abismo que colle o BNG en Vigo, fose en temas estritamente políticos coma o de Valadés, sexa nas súas posicións sobre o urbanismo onde leva todo o mandato desta corporación coincidindo coas posicións de Chema Figueroa. Unha tristeza.

Etiquetas:

Salon du livre de Paris

Gustei moito deste cartel.

Enrique Líster

Etiquetas:

Dia do libro Infantil: o cartel en galego

Eis o texto en galego do Cartel do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil 2007 que reseñamos aquí hai unha semanas. Pode lerse e imprimirse premendo sobre a imaxe.

David Rodríguez premiado

O noso admirado David Rodríguez resultou gañador absoluto da Iª edición do premio de teatro radiofónico convocado pola Radio Galega pola súa obra O bambám. A obra de David resultou vencedora tanto para a audiencia como para o xurado que destacou, segundo a noticia publicada por Vieiros, “a limpeza e a claridade expresiva da obra gañadora, a aposta polo teatro conversacional e a creación dunha atmosfera densa e fluída á vez”.
Os medios literarios e teatrais compostelanos quedaron pampos coa noticia (David é un perfecto descoñecido para eles), mais para os que acreditamos, dende hai tempo, no talento literario formidable de David, a noticia non é máis ca un xusto recoñecemento que tiña que chegar. Bo será que se repasen, agora, algunhas anotacións do seu blog, o funambulista coxo, e comprobarán que non esaxero unha miga. Outro autor que emerxe da xeración blog?
A edición do texto gañador e do resto das obras finalistas témola moi adiantada na editorial. Aparecerá nun volume xunto a un cedé coas gravacións emitidas pola Radio Galega. Creo que será unha publicación moi interesante. Hoxe, beizóns para O Fuco. Un refacho de aire puro para a nosa literatura.

Xelís de Toro

Xelís de Toro, un dos nosos narradores máis orixinais, mantén dous espazos na rede que reomendo non perder: o SEN (Sindicato do Escritor Nervioso) e o espazo laboratoro. Alí poden lerse artigos, contos e textos inéditos, poemas para nenos e cinco poemas sonoros. Xelís traballa dende hai anos en Inglaterra como editor free lance internacional, o que non lle impide continuar escribindo na nosa lingua. Dentro duns poucos meses publicaremos unha edición actualizada e revisada de Seis cordas e un corazón, a súa primeira novela asinada co alcuño de Roque Morteiro. Un autor a revisitar.

Etiquetas:

Estupenda actriz

Pareceume moi bo. (seis minutos).

Vía: Empezar la jornada

Marilar Aleixandre en Budapest

A proxección da literatura galega no exterior é unha tarefa complexa que require un traballo demorado e sistemático por parte de todos. Afortunadamente cada vez son máis frecuentes as noticias da presenza dos nosos autores e autoras en eventos internacionais.
Estes días soubemos da viaxe de Marilar Aleixandre a Budapest para participar, entre os días 29 de marzo ao primeiro de abril, no festival internacional de poesía Europoetica Sacra, que este ano ten por tema “escribir no límite”, relacións entre linguas, poetas que escriben en linguas minorizadas / distintas da materna. Marilar foi convidada polo Instituto Cervantes que apoia este festivalcomo fan, tamén, o Instituto Goethe, o Instituto Italiano de Cultura, British Council… Polas múltiples referencias que vimos na rede (non entendemos nin papa de húngaro) semella que este festival de poesía ten moita proxección. Os nosos parabéns a Marilar.

Actualización (28-03-07): Galicia hoxe amplía a información cunha interesante entrevista a Marilar.