De profundis
Beizóns para Miguelanxo e Nani!!!

Hoxe coñecín o programa definitivo de Enredad@s as Xornadas sobre Mocidade e Internet que organiza en Santiago o Consello da Xuventude de Galicia en colaboración coa Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e as tres universidades galegas. O simpático da cuestión é que coinciden nas mesmas datas e case no mesmo horario co noso Simposio sobre as Bibliotecas. Os organizadores convidáronme a participar, o día 17 de novembro, nunha mesa redonda titulada “Hai un galego na rede”, xunto con María Yáñez, Marcus Fernández, Javier Pedreira (“Wicho”) e José Manuel Lage Tuñas. Nas xornadas haberá debates e conferencias de responsables en España de Google e Microsoft, ademais dun curso de formación (tres días) sobre “Weblogs: o meu espazo na rede. Comunicación e Marketind” impartido por Edan Xestion. Semella que cada día é maior o interese en Galicia pola literacidade electrónica. 
“Bibliotecas, Lectura e Edición” serán os tres eixos sobre os que xirará o IIIº Simposio “O libro e a Lectura” que organizará en Santiago a AGE, en colaboración co Consello da Cultura Galega, durante os días 16 e 17 de novembro.
O debate sobre a situación bibliotecaria, o fomento da lectura e os contidos das futuras leis do libro e de bibliotecas serán os temas centrais dun programa artellado arredor de catro conferencias e outras tantas mesas redondas.
Avance do programa
O xoves 16, na primeira sesión de mañá, abrirá o Simposio a intervención de Hilario Hernández, director da Biblioteca da Fundación GSR de Peñaranda de Bracamonte que analizará o estado actual das bibliotecas e do fomento da lectura en España.
A continuación, celebrarase unha mesa redonda sobre a situación bibliotecaria en Galicia, na que participarán Xosé Lois Navaza, Mariluz Corral e un representante da Consellaría de Cultura.
A sesión de tarde ocuparase das bibliotecas escolares e do fomento da lectura no sistema educativo non universitario. Abrirase coa conferencia de Pilar Pérez Esteve, asesora do Ministerio de Educación, á que seguirá a mesa redonda sobre as bibliotecas escolares na que participarán Cristina Novoa, Cristina Ameijeiras e Carme Loriga.
Abrirá a sesión da mañá do venres 17, a editora Rosa Serrano, presidenta da Asociación de Editores do País Valenciá, que abordará o papel dos editor no fomento da lectura. A continuación celebrarase unha mesa redonda sobre bibliotecas e Novas Tecnoloxías, na que participarán Ana Bande, Catuxa Seoane e unha persoa en representación do Proxecto Meiga.
O venres pola tarde, haberá un panel de experiencias de animación bibliotecaria no que participarán Isabel Blanco, Gabriel Beceiro e un representante da Biblioteca Nova 33. Poñerá ramo ao Simposio unha conferencia da escritora Rosa Aneiros sobre o papel da biblioteca. As persoas interesadas en participar no Simposio ou en recibir máis información deben dirixirse á Secretaría da AGE.
No panorama da prensa impresa en lingua galega Tempos novos é un referente indiscutible de rigor e calidade informativas. O veterano mensual de Luís A. Pousa foi alicerzando o seu proxecto de publicación de pensamento progresista, mellorando as súas calidades de edición e deseño, aumentando a súa publicidade ata conseguir ofrecer un produto de gorentosa lectura.Actualización: (23-10-2006): Na canle de Tempos en Vieiros publícanse algúns contidos aos que fixemos referencia.
Onte deuse a coñecer o fallo do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2006. O que desgrazadamente non aparece en medio impreso ningún (ou eu non o vin) é que na acta do xurado aparece como finalista Rúa Carbón, a novela de Marilar Aleixandre (un feito que nunca sucedera no premio). Polo que sabemos a última votación entre as dúas obras finalistas foi axustadísima (5-4). Outra vez comprobamos que a fronteira para acceder ás portas da gloria sempre é ben estreita. 
Unostiposduros propón unha escolma dos dez libros básicos sobre tipografía. Recomendan ler todos…
 Chegan máis novos títulos do prelo. A novela O club da calceta de María Reimóndez é o máis recente. Velaí o texto que contracuberta que preparamos para presentala:
“Seis mulleres moi diferentes entre si acoden a clases de calceta, un lugar onde converxen as súas frustracións pero, tamén, un lugar onde toman conciencia da súa situación e da necesidade de superala. Inspiradas na figura liberadora da tía Davina, Matilde, Anxos, Rebeca, Elvira, Luz e Ferananda van facendo ás lectoras e lectores partícipes da súa historia desde un multiperspectivismo que desfai os fíos dunha sociedade machista.
Inés Fernández remítenos esta invitación para asistir ao IIIº Certame de Curtametraxes Secuencia Cero que se celebrará esta semana no Verbum (non desaproveitar pasar pola cafetaría). Unha cita interesante.
Un amigo agasállanos coa noticia da exposición de Dylan na Morgan (a biblioteca novaiorquina onde está depositado o Pergamiño Vindel, esa peza patrimonial que deberamos reclamar que volvese a Galicia). Dúas boas excusas para volver a NY. Quen puidese!

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
