Tender pontes
Todos os datos que recabei dos meus veciños, testemuñas dos feitos, coinciden en sinalar que a actuación policial desta mañá na Gran Vía foi desproporcionada e contribuíu a apupar unha situación que non está xa para moitas chiquitas. A folga do metal vigués contra a precariedade é un conflito socialmente moi serio que debería ser abordado por parte dos gobernos con maior sensibilidade.Para min é moi significativo o protagonismo que nas mobilizacións están tendo os obreiros mozos das contratas (amosando o seu descontento con petardadas estrondosas e argallando os saltos cos celulares, o que entoleceu un pouco máis á policía), os fillos e case netos das xeracións que protagonizaron as loitas do setenta e dous e da posterior reconversión naval. A pouco que se escarve nesas feridas, e hoxe a policía comezou a escaravellar, a folga pode quedar fóra do control dos sindicatos e estenderse a outros sectores.
Con máis dunha ducia de detidos en comisaría e un bo número de contusionados nos sanatorios dificilmente pode abrirse un vieiro para unha negociación serena dun convenio e dun conflito que vai moito máis alá da reivindicación salarial e que, pola contra, amosa o malestar xeracional cun sistema de produción industrial baseado na temporalidade e na flexibilización das conquistas realizadas polos obreiros nos últimos trinta anos.
Mañá o Conselleiro de Traballo debería vir de mañanciña a Vigo e reunirse coas partes para tender pontes e arrefriar os ánimos. É o mínimo que pode facer un goberno progresista.










