Carrilanos en Verín
A presentación de onte foi moi emocionante. Trescentas persoas acudiron a un acto onde se falou moito e onde se cantaron os romances e coplas da vía. Carrilanos é un libro e un DVD, os dous soportes preparados por Rafael Cid, que recupera a memoria viva dos homes da vía, esas quince mil persoas que durante trinta anos traballaron nas obras do treito do ferrocarril entre Puebla de Sanabria e Ourense, a obra de enxeñaría máis importante da Galicia do seu tempo. A presentación demostroume, outra vez máis, o papel do libro na recuperación da memoria, xa que unha vez impresa transfórmase en construción cultural colectiva.Os milleiros de pulmóns feridos polo mal da vía (a silicose), o papel da Pasionaria Blanca (tamén chamada a “Desenterramortos”), afolga de Ourense do trinta e dous ou a morte do enxeñeiro Fernández-España foron recordados nun acto, onde a señora Lola de Pedroso e o seu home Herminio (ambos os dous na foto, durante o acto) vivificaron o romance de “Pepe de Veiga de Nostre” e as “Coplas do 20 de maio”. A axuda de Xosé Lois Foxo, de Merche de Leilía e de Eloi Domínguez (concelleiro do BNG de Verín) foron vitais para que o acto acadase unha grande brillantez.
Os carrilanos supervivientes e os seus familiares e veciños marcharon felices sabendo que a súa epopea quedou gardada para sempre nas páxinas dun libro e nas imaxes dun magnífico documental. Rafael Cid, o teimoso argalleiro da recuperación do carrilanismo, ten razóns abondas para estar satisfeito.








