A paixón pola palabra

Pawley, de quen xa levo aprendido tanto, descobre un texto magnífico sobre Cando petan na porta pola noite, o extraordinario libro de Xabier (cúmprense dez anos do seu Premio Nacional). Xa devecemos por ler novos textos destas Seven Women; sen dúbida, son lectoras de moito criterio.

Brétemas licenciado

Tomando nota de María, hoxe licenciei estas miñas brétemas. Creo que o espírito de todos os que participamos na rede é o da lectura –definida por Erza Pound como a arte da réplica– e o da cultura libre.
Participar na comunidade virtual é un dereito e unha opción que cadaquén asume con total liberdade. Razóns estas que amparan legalmente as licenzas de Creative Commons que, de xeito ningún, recortan os dereitos recoñecidos pola lei. Como editor comprendo o lexítimo dereito que lle asiste a aqueles autores que queiran deixar “en aberto” ou sen cadeado os seus textos na rede.
O dito: o que apareza nestas brétemas pode ser usado, copiado e publicado, sen pedir permiso ningún, sempre que non se faga con fins comerciais e se cite a súa procedencia.
Parabéns a Fernando Garrido e a culturagalega.org polo traballón de preparar a versión en galego destas licenzas, adaptadas ao ámbito xurídico español polo profesor Ignasi Labastida, da Universitat de Barcelona.

Vigoblog

Dende hai un par de meses visito VIGOBLOG, un blo colectivo e bilingüe que ven realizando achegas sobre a cultura urbana viguesa.
Vigo é unha cidade revolcada, que posúe un pulmón cívico envexable e unha anemia política abominable. Paradoxo que aconsella seguir este sitio onde se denuncian, sobre todo, os atentados ao noso litoral e ao noso patrimonio perpetrados silenciosamente nesta Arcadia feliz de Corina, á que contribuíu tanto a asentar a enleada inconcebible entre o BNG e o PSOE.
A pesar de que non comparto algunhas análises, paréceme un espazo moi recomendable. Engádoo aos meus enlaces.

Triunfo dixital

Grazas a Millán soubemos do inicio do proceso de dixitalización da totalidade da colección de Triunfo (1962-1982).
Somos moitos os que nos educamos na esquerda lendo esta revista, nacida como un noticiario cinematográfico e que, logo, se converteu en referente indiscutible da loita polas liberdades no Tardofranquismo e nos días da Reforma Política. Imposible esquecer as súas portadas a prol da amnistía ou tantos artigos de Ferrín, Vázquez Montalbán ou Haro Tecglen.
O traballo de dixitalización, realizado coa colaboración da Universidade de Salamanca, aínda é moi incipiente (apenas uns cantos números); sen embargo, non dubido que pode constituír unha ferramenta moi valiosa para a recuperación da memoria dun tempo decisivo.

Nace OQO

Hoxe varios medios anuncian a aparición dos primeiros catro libros de OQO editora, o proxecto dunha nova editora de álbum infantil multilingüe do que tiveramos noticia na Feira de Boloña. A calidade e o interese dos libros, concibidos como espazos de creación literaria e plástica, está asegurada. Esta é unha moi boa nova para a edición galega. Parabéns e feliz travesía a Eva Mejuto e ao resto do seu equipo.

Novas de "Oeste"

O xoves pasado estiven en Urroa con Manolo e decidimos retrasar a aparición de Oeste ata o outono. A trama desta novela estensa, o manuscrito avulta 400 páxinas, arrinca o 18 de agosto de 1936 na Dársena e na Praza de María Pita onde os sublevados queiman unha chea de libros, o mesmo día no que matan a Casal e Lorca.
Oeste é unha novela de estrutura arbórea, que debuxando unha especie de esfera, esculca o que ocorre á marxe da vida. A prosa é densa e artisticamente moi ambiciosa.
Estou entusiasmado. No xornal gratuito Cañas do mes de agosto aparecerá outro pequeno adianto do texto.
Foto: Manuel Vilariño.

Novo valor

Afortunadamente algún dos premios literarios deste ano están achegando voces novas e case inéditas ao panorama literario galego. Aire novo, si señor! Despois da de Carredano, aparece a de Carlos Freire Cordeiro, o gañador do Vº Certame de relatos por entregas de La Voz de Galicia. O certo é que eu xa coñecía a este escritor de Moaña polo seu labor como crítico do Faro da Cultura. Despois do momento moi emocionante da entrega do cheque (as súas palabras non expresaban impostura ningunha), tiven a oportunidade de falar con el durante uns minutos. Contoume que era a primeira vez que se presentara a un concurso de narrativa, que non tiña nada publicado de ficción e que axiña amigara na mesa co resto dos finalistas. Estaba feliz. Ten trinta e cinco anos, estudou filosofía, fixo o máster de xornalismo, mais a súa teima é ser escritor. Iremos lendo con moita atención a súa novela.

16-07-2005: Na primeira entrevista, Carlos expresa a súa admiración por Hammett (Acio sanguento é unha homenaxe a Colleita vermella) e polo Tren nocturno de Amis.

17-07-2005: Onte Carlos Freire fai un interesante comentario a este post. Salienta tamén a súa participación no traballo colectivo de crítica no Cartafol. Como así é, creo que merece ser subliñado.

Precisan moita froita

Os meus amigos téñenme escoitado contar moitas veces unha anécdota pavera das longas conversas que levaron en 1991 a formación do primeiro goberno tripartito de Vigo (o que presidiu Carlos G. Príncipe e o primeiro no que participamos os membros do PSG-EG e BNG). Despois de tres xornadas e a punto de constituírse a corporación, a negociación estancábase por mor do reparto das concellerías e por diferenzas de criterios sobre a elaboración do novo Plan Xeral. Daquela, Manuel Soto, que a pesar de renunciar á alcaldía (unha condición que impuxemos dende o PSG-EG), levaba o mando do equipo socialista, propuxo parar o debate e mandou chamar aos responsables da cafetaría do concello para que trouxesen froita, “moita froita que precisamos osixenar a cabeza”. Bocatas de queixo con anchoas, mazás, laranxas e moitos winstons de batea (o que fumabamos daquela) contribuíron a pechar o acordo, despois de máis de doce horas, ás cinco e media da mañá.
As comisións negociadoras do novo goberno terán que sentar mañá e non se poderán erguer ata conseguir o acordo que todos agardamos; aínda que quizais como van as cousas precisen de moita froita (aconséllolles cereixas, xa que agora, a maioría dos políticos non adoitan fumar). Non teño dúbidas que acadarán o bendito acordo.

As feridas dunha crise

Das declaracións da rolda de prensa que fixemos onte maré resalta que “o incumprimento do prezo fixo dos libros nas grandes superficies, o déficit da rede pública de bibliotecas e a dependencia do circuíto escolar nas vendas ameazan o mundo editorial galego”.
Pola súa banda, La Voz salienta que os editores “falaron do «delicado momento» que vive o mundo do libro, que ten na «incerteza» aos implicados na edición, distribución e comercialización. Nese contexto deron a coñecer a súa proposta alternativa ao modelo de gratuidade do libro de texto mediante o sistema de préstamo que a Xunta vén aplicando dende o 2003. A AGE propón estudar modalidades de copagamento”.
A información de Vieiros, impecablemente documentada, subliña que o aumento da produción acentúa a crise e os problemas do sector.

Prezo fixo

Hoxe presentamos en roda de prensa o portal. A verdade é que quedou moi ben. Aproveitamos para expresar a nosa preocupación pola situación tan delicada que está a vivir o prezo fixo dos libros, sobre todo desque se xeralizou a política de descontos do 25%, e para reclamar do futuro goberno unha política que considere ao libro como sector estratéxico e o aumento da oferta de lectura pública como un dos seus obxectivos primeiros. Como recollerán as nosas declaracións os medios?
Na reunión da tarde avanzamos no deseño do Simposium do 27 e 28 de outubro, que xirará arredor do tema “O libro, a creación literaria e as novas tecnoloxías”. Pretendemos convidar a intervir a unha chea de blogueiros. A vindeira semana pecharemos o programa.