Fran Bueno

Onte presentaron a nova edición de Viñetas, onde este ano haberá unha exposición de Fran Bueno. Para min constitúe unha enorme alegría comprobar que a aposta teimosa de Fran saíu adiante. Asentado en Francia, dende hai algúns anos, publica nos Estados Unidos, con éxito a súa serie Noble Causes.
Fran comezou a publicar con nós, facendo moito libro de texto (páxinas e páxinas de cómic) e ilustrando algún merlín. Logo, foi un dos primeiros que apoiaron o proxecto de Golfiño, onde creou con Marilar a serie “Os escachapedras”. Sempre crimos que podería seguir os pasos de Miguelanxo. Non nos equivocamos. Sentímonos moi orgullosos do seu éxito internacional.

Novo fragmento de "Oeste"

Acaba de aparecer publicado outro fragmento de Oeste, a nova novela de Manuel Rivas, na revista Cañas.

Flora, La Niña, a quen Samantha, con máis envexa que sorna, chama A Liña, e mesmo ás veces A Liña da Concepción, está a interpretar un baile inusual en La Academia. Todo o seu corpo se expresa cunha seria implicación. A percusión dos pés de Flora conta unha historia de suspense no tamboril da tarima. Semella que só se refrean para escoitar. Poderían estar a contar o que sucede esta noite baixo o mesmo tellado. Hai tempo que os espectadores atentos saben que o baile de Flora deixou de formar parte do entreter, do animar, a medida que o seu corpo se foi afiando. Aínda que cando baila, pensa Samantha, as mans debuxan a lembranza dos corpos que foron. Esmirrada non está. É outra cousa. Cando non chove, todo o día pegada ao muro do Rompeolas. Ao vento mareiro do Orzán. Como un congro no secadoiro. Ao sol, como un animal da pedra. E agora dálle pola leria cos boxeadores, que xa podían vir facer gasto ao local. Non vai adelgazar! Xa o poeta lles chamou, a ela e a esa outra á que chaman Kif, que por algo será, “as heteras da intemperie”.
–A min non me soa nada ben –dixera Samantha, cando leu a Elexía a Flora e Kif.
–Pois ese poeta, por suposto con nome figurado –dixo Flora, sabedora de que títulos tiñan vara alta con Samantha–, é todo un señor médico. Proctólogo, para máis inri.
–E iso que é?
–Médico do pompis.
–Iso debe ser unha mina –dixo Samantha despois de cavilar se lle estaba ou non a tomar o pelo.
–Xa sabía que te ía interesar.
–Non está mal a poesía. As heteras da intemperie!
A Samantha non lle gusta que vaia tan de veras no espectáculo. E menos que saia de bailaor, en branco e negro, con pantalón e todo, o pelo recollido no sombreiro, e atreverse cunha farruca. Toda a vida por bulerías e a boas horas vén con estas. Dar a nota. Co entendidos que son na Coruña. Que até entenden de jazz.
–Agora, de vella, dálle polo arte.
Mais hoxe tamén escoita. Está no faiado, a axudar no parto de Milagres, e entende o código morse dos tacóns.

–Milagres? Ese non é nome serio para unha puta.
–Eu non son puta. Eu veño polo dos colchóns.
–Os colchóns?
–Si señora. Para lavalos e espelir a la.
Samantha estivo a piques de escachar a rir. Milagres era como unha aparición que repetía un contrasinal. Cando ela chegara ao barrio tamén dixera algo parecido. Tamén ela viña a espelir os colchóns. Ía dicirlle que na cidade xa había quen espelira a la. Na colchoería de Panadeiras, alí abaixo, coa súa grande horta, que se convertía no verán nun xigantesco manto de la a levedar co sol, coa alegría da la cando espile tamén todo o peso, toda a canseira. A fatiga entalada da la. Só que a ela, a Samantha, cando non era Samantha, que o que tiña que espelir xa era ela, espelir o seu corpo, levedalo e mazalo, e nun colchón de poma de millo ou de cortiza picada. Espelir e entrepernar.
–Milagres, eh? Pois eu tampouco son o Papa. Chámate como queiras.
Cando chegou, pensou en botala. Máis que inxenua, parecéralle de poucas luces. Decatouse axiña de que o que en realidade tiña era medo, moito medo. Xa había tempo que Samantha perdera a noción de medo, ou iso crera, mais a chegada de Milagres desenganouna. Había un remoto fío familiar entre elas. Por iso lla mandaran, con esa referencia. E iso púxoa furiosa por dentro. Foi ese detalle o que espertou o medo da longa anestesia. Como se lle meteran un furón na tobeira da memoria. Alí diante tiña a nena con corpo de muller. Unha nena que xa levara de todo enriba da cabeza. Unha nena que viña do medo da aldea e ía cara o medo da cidade. Dunha escravitude a outra. Darse un tempo. Esa foi a desculpa para non mandala de volta ao primeiro medo.
–Si, señora. Eu veño para espelir os colchóns.
–Os colchóns? Os colchóns e todo resto. Vas traballar como unha burra. Veña.
Acordou do faiado. Levantou a trapela e dixo no escuro: “Imos arranxar un sitio aquí. Unha cova no ceo”.
Agora está aí, a morder un pano branco, está a suar un resío que enchoupa a luz da lámpada e da candea que María Soliña, a mociña que ás veces canta fados, lle puxo a san Ramón Nonnato cunha fita de cor. Ten os ollos de medo asidos aos dela. O seu suor é frío porque ela está a doar todo o calor, a quentar toda a redoma do faiado. Samantha recorda e cala: É unha sorte para ti que esteas aquí, pois se cadra na aldea estarías soa, a desangrarte, e a casa tería os oídos tapados, e ninguén te estaría a ollar, ninguén devolvería o calor ao teu corpo.
Os tacóns de Flora son o latexo da casa. Transmiten un código de puntos e liñas que resoa polo estucado das paredes, soben polas escaleiras, abren as trapelas. É tan intenso, está tan perto o baile, retumba no teito, como se Flora bailara no tellado á luz do faro, que algo a distraen dos golpes de dentro, porque ese corpo que vén, ceo santo, é máis grande que ela.
Milagres non o sabe, mais Samantha púxolle debaixo da almofada unha chave para axudar no parto, para axudar a que se abra a porta esa da vida, a cona, dispensando, aínda que máis confía en que lle axude a infusión de ruda que lle recomendou a comadre. Porque hoxe a boa muller é comadre, mais tres meses antes viñera de aborteira. Non o podía crer, o do embarazo da moza. Cando o soubo, cando se decatou que non andaba rara, senón preñada, ou as dúas cousas, rara e preñada. Conseguiu disimular coa saia e as enaguas e cunha faixa de la que lle daba varias voltas á roda do corpo. Calada, fuxidía, todo o día a traballar, de costas, a cociñar, a facer as camas, e moi cedo a durmir no seu faiado.
–Tes frío, nena?
–É a humidade.
Samantha resumiu rumbosa cun aceno de xeografía corporal o seu vestiario de catro estacións: A bata de seda, o colar, os brincos, e a boquilla de fumar exipcios.
–Pois busca quen che agasalle un colar de ouro. Tapa moito.
Seguro que algunha das outras, as moi lerchas, o sabían. Se era así, non entendía o segredo. Cómplices do ocultamento, que favor lle facían? Poñerlle unha esfera de espiñas enriba da cabeza. Samantha tendía a interpretar calquera contrariedade na casa como algo persoal, fora o que fora. Como unha conspiración contra ela. Mais ela deixara medrar as unllas. Xa non era o primeiro ollo que lle arrincaba ás contrariedades. Ela vencera. Xa non se deixaba montar. Era ela quen escollía, quen montaba, por gusto, por diñeiro ou por capricho. Nos últimos tempos, só o facía polas tres cousas á vez. Por que o faría esa parva? Por que o faría Milagres?
–Chamade á Viúva.
Non conseguiran que a moza soltara prenda. A Viúva, que así, entre elas, só entre elas, chamaban a aborteira, aínda que tamén a trataban pola Boa Muller, ou a Comadre, segundo a encomenda, pois ben, a Viúva dixo que a crianza xa estaba lograda, que xa pasaría dos seis meses e que o mellor agora era levantarlle a espiñela á futura nai, que ben se lle vía que a tiña caída. Un brazo máis longo que o outro. Tres dedos de distancia. E que non lle deran de comer lebre porque se non a criatura ía durmir toda a vida cos ollos abertos. Isto dixérao en ton de broma. Non era moi corrente, o que falara en broma. Cada frase dirixida ás mulleres tiña a medida dunha braza e significaba sempre algo que cumpría gardar. Un día, moi seria, díxolles que o útero era unha “cámara sagrada”. As infeccións eran causa de moita mortandade. Así que falaba da hixiene como dun credo.
–Vas levar unha sorpresa, Samantha.
–Que sorpresa?
–Ai!

© Manuel Rivas Barrós

Rivas ao teatro

Manuel Rivas anunciou no programa El ojo crítico de hoxe, retransmitido dende a Feira, que acaba de rematar unha peza de teatro, O heroe, que será estreada por Sarabela no vindeiro mes de novembro, con motivo do vinte e cinco aniversario da compañía ourensá dirixida por Ánxeles Cuña. O heroe desenvolve o conto homónimo, protagonizado por un ex-lexionario que se transforma en subversivo. Xa se ve que o vindeiro outono ven cheo de novidades.

Un libro por galego

Hoxe varios medios fanse eco dos datos do noso informe sobre a situación da edición en galego.

Actualización: 09-08: Galicia hoxe desprega máis información, recollendo a información que presentamos na roda de prensa do pasado 12 de xullo. Quedamos tan pampos como agradecidos.

Cambio para Vigo

Hoxe no artigo semanal decidín abrir o debate cidadán sobre a necesidade dunha moción de censura. Touriño e Quintana deben tomar cartas no asunto, se non queren ter aberta unha perigosa vía de auga para o seu goberno.

Máis novas da Feira

De Silgar saímos pitando para Torre, onde quedara a media tarde con Camilo para revisar o orixinal do libro de ensaios novo. Acordamos titulalo A terra cantada.
Logo entrevisteime con Xoán Abeleira, que nos entregou hai varios meses un sorprendente libro fotográfico e biográfico sobre Man. Vaise titular A pegada de Man. Xoán está moi preocupado por cál pode ser o destino do museo de Camelle que deixou o artista alemán. O libro, agardo que o poidamos ter rematado antes de finais deste ano, pode ser un elemento que contribúa a salvar do esquezo ou mesmo impedir a desaparición de traballo artisticamente tan valioso e singular.
As presentacións da tarde foron un fervedoiro de xente. A agradable sorpresa foi a presenza a título persoal da nosa conselleira Ánxela Bugallo. Un detalle que moito lle agradecimos os editores. As palabras do poeta Ignacio Chao na presentación do libro de Ramiro foron certeiras, á altura da elegancia e ambición dunha obra das que penso van perdurar.
Mañá aconsello seguir, á hora do café, El ojo crítico que será emitido desde a feira. Arrate Sanmartín, a directora do programa, solicitoume información sobre a nova novela de Rivas, que será un dos entrevistados do programa. Coa xornada de onte, din por rematada a Feira deste ano. Xa me gustaría que o resto correran coma foi esta.
A verdade é que me sinto moi cansado e un pouco melancólico. Mañá, despois de resolver na oficina uns cantos asuntos urxentes (a pesar de ser agosto, o teléfono e as urxencias non paran), agardo poder coller unha semana de descanso. Na casa xa estamos os tres chapando as guías.

Silgar

Onte ao mediodía presentamos o libro de Alvarellos na praia de Silgar. Foi a primeira vez que organizamos un acto literario nun areal, con boa parte dos asistentes preparados para darse un baño.
Aproveitamos para dar un paseo (a 35º) por esta cidade galega de vacacións. Comprobei que é unha mágoa a destrución sistemática e concienzuda da paisaxe natural de beiramar para converter esta vila mariñeira nun parque temático formigonado por onde pululan milleiros de veraneantes; con todo, aínda é o concello español que posúe maior número de bandeiras azuis.
Xaime Corral, o libreiro de Nós, despois da presentación, convidounos a xantar e logo levounos a Padriñán, onde o seu amigo M. creou hai dous anos a partir dunha pequena explotación familiar a Adega Eidos. Esta bodega pareceume un proxecto empresarial precioso. Tecnoloxía de última xeración (laboratorio, barricas e proceso de produción totalmente informatizado), arquitectura integrada na paisaxe, deseño atractivo e moderno dos produtos. Magníficos!!!
Nun mesmo día e nun mesmo concello, comprobamos que hai dous xeitos moi diferentes de entender cál debe ser o noso futuro: o da Galicia emprendedora, innovadora e respectuosa coa tradición, que procura aumentar o valor polo traballo; e o da Galicia colmatada e sumisa, que aspira a aumentar o valor polo negocio inmobiliario. Eu aposto polo modelo substentable dos Eidos.

Tres libros de política

Estes días ando ultimando a edición de tres libros, que pretendo aparezan no outono, doutras tres persoas claves para entender Galicia nos últimos corenta anos: unhas conversas políticas e literarias con Méndez Ferrín, unha recompilación de traballos de Xosé Luís Barreiro Rivas sobre a guerra (O que eu sei e Bush non sabe), e un novo libro de ensaios políticos de Camilo Nogueira. Os tres falando a corazón aberto de Política, propoñendo rotas na cartografía do devir do noso tempo.
Forma parte das miñas esperanzas que un dos maiores beneficios que vaia achegar o novo goberno conxunto é propiciar na sociedade civil un gran debate sobre o futuro do país (Estatuto, financiamento, autogoberno, políticas sectoriais…), devolvéndolle así a dignidade e a racionalidade ao debate político. Nesa perspectiva pretendo presentar estes tres libros de política, protagonizados por tres persoas imprescindibles que teñen moito, moito que dicir na configuración deste novo tempo.

Xerardor poético

Efectivamente, o xerador funciona de forma impresionante. Velaí o primeiro poemario electrónico galego. Poetas e editores convencionais debemos tomar moi boa nota. Beizóns para os aduaneiros.

Día de Feira

Onte vivín un día moi intenso na Feira de Torre. Xantei cos Sumilleres n’ O Secreto onde ultimamos os criterios de edición da guía 2006; da man destes expertos comer e beber coma reis está asegurado: o cava, o ribeiro e a ventresca á grella estaban, sinxelamente, formidables. Logo, entrevisteime con Isabel Castro Vázquez, a profesora que presentou en Towson a primeira tese de doutoramento sobre a obra de Manuel Rivas, texto que acordamos publicar o vindeiro ano. Máis tarde, estiven na nosa caseta falando un pedazo con J. (o noso heroe) e, xa, pouco antes de comezar as presentacións, coñecín ao meu admirado Martin Pawley (quedou pendente o noso café e a nosa conversa) e falei un anaquiño con Josito, María e Rosa (dúas mulleres sol).

As intervencións do serán foron magníficas. Sofía de Labañou e Souto estiveron moi lúcidos, cantando e contando (dous narradores oriais de estirpe), chegando Sofía a transformar co seu esconxuro dúas botellas de chapapote en dous litros de licor negro de café. Xenial!!! Logo, na segunda sesión, Pepe Neira relatounos as aventuras do primeiro rei galego da Amazonía e outros sucedidos da súa memoria inagotable emigrante.
Para rematar o día, Carlos e Xurxo convidáronos a cear no Monte Alto nécoras, percebes, navallas e abadexo (outra marabilla!!!). Baixei para Sal de madrugada, fartiño de tanta enchenta e máis contento cun cuco, conducindo amodiño e arrolado polo moumeo de Keita. Esta xente toda de Torre é unha marabilla. Quen pode facer réxime con eles?

Actualización 21:05: María subiu unha bonita reportaxe fotográfica da tarde. Non se lle escapou nada.

Actualización (2) 23.30
: na feira tamén parolei con naúfrago (escritor e grande animador cultural de Sal) e comentamos a sá envexa que como vigueses nos daba o bo ton da feira de Torre. Como se ve, e sen querelo, este serán xuntou a un bo fato de blogueiros (comentamos que se sabía que en Torre tamén estaba o máis grande polemista, mais eu non falei con el, coas ganas que tiña).