Campo do Fragoso I

DEBUT PROMETEDOR
Dous alustros de xenialidade foron suficientes para intuír que neste regreso do inferno da segunda podemos aspirar a volver gozar do xogo da serpe. Un xenial esquerdazo de falta indirecta de Gustavo López, a memoria daquel equipo que tanto nos fixo soñar, e un cacheirón de tiraliñas do batallador Baiano, tras outra subida veloz de Núñez, abondaron para noquear a un ordenado e teimoso Málaga. Porque o domingo gozamos máis coas marabillas que intuímos poden chegar no futuro que coa beleza do xogo que presenciamos. Durante a maior parte do encontro, a pesar de manter o debuxo táctico polo que apostou Fernando Vázquez (4-2-3-1), e coa excepción do derradeiro cuarto de hora, faltounos case sempre a pelota e o control do tempo de xogo, as dúas variables que fan a un equipo indiscutible gañador. Empregando este esquema, temos moito que mellorar no encaixe do xogo dos medios pivotes, onte Giovanella e Iriney (botouse en falta a Borja Oubiña), para proporcionar así maior solidez a defensa (a grande incógnita da eficacia do equipo) e permitir gañar terreo con maior facilidade á creatividade endiañada de Fabián Cannobio. Con todo, non temamos: o debut foi prometedor. Neste novo Celta intúese que hai moito talento e alternativas abondas para que os celtistas entoemos adoito en Balaídos a rianxeira.

Cinema do Mar

Esta edición xaponesa do novo disco de Carlos (aparecida a mediados de xullo) inclúe temas de bandas sonoras ( The Mission, The Godfather, Barry Lyndon) e algunhas versións de temas clásicos (como a do bolero ou a do adaxo do Concierto de Aranjuez, que xa tocara en Castrelos o pasado ano). Xa me presta telo!!!

En Xapón

Salvador Rodríguez adoita ofrecernos cada domingo no Estela unhas magníficas reportaxes, un xénero cada vez menos frecuentado na prensa. Hoxe publica unha excelente e documentadísima sobre a presenza da música galega en Xapón. Sen caer en tópicos nin en grandilocuencias, tan frecuentes cando falamos da nosa proxección internacional, debulla a presenza dende hai anos no país do sol nacente de Milladoiro, Luar na lubre, a Real Banda e Cuchús Pimentel.

A reportaxe informa tamén da xira que Carlos Núñez está realizando. Fedellando na web atopei noticia da estrea de Mar adentro e da edición en Xapón dun novo cedé do noso gaiteiro máis internacional (do que a reportaxe xa daba algunha noticia): Cinema do Mar. Espléndidas noticias para a nosa industria cultural.

Galicia selección


Galicia selección.

Actualización (31-08-2005): en marcha.

Actualización (01-09-2005): Velaí o Castanhinho.

Descontos nos libros de textos

Txetxu proporciona algunhas claves do funcionamento da política de descontos nos libros de texto que nestes días acometen algunhas grandes superficies. Carrefour asegura contar xa con 200.000 reservas (un millón e medio de libros, o 7% de todo o mercado español) que serán vendidos cun 25% de desconto, o que suporía (aseguran eles) un aforro de seis millóns de euros para os seus clientes.
Estes descontos, autorizados polos gobernos do PP e non modificados polo actual de Zapatero, non poden superar nunca o 25% do prezo sen ive, porcentaxe que coincide co desconto que lles realizamos os editores. U-lo beneficio para estas grandes superficies? Como poden rendabilizar os custos da xestión das reservas? Cales son as razóns de semellante política “social” destas grandes superficies? Que repercusións terá esta política para o sector libreiro tradicional (o de proximidade)? Son compatibles co espírito da política do prezo fixo? Como encaixarán coa futura lei do libro, prometida hai un ano pola ministra Carmen Calvo, e coa política de gratuidade que se anuncia?
En como se despeguen todas estas incógnitas e na dotación de lectura pública que se realice está boa parte da viabilidade do noso sector. A verdade é que as perspectivas, con tantas idas e voltas, con tantos pasos adiante e atrás dos responsables do ministerio, non parecen moi alentadoras.

Vellas Maxestades

A verdade é que eu sempre fun dos Boíños. Sen embargo, impresiona a forza desta foto recente das Vellas e Satánicas Maxestades que acaban de iniciar a nova xira. Aquí pódese gozar de balde de catro das cancións do novo cd, A Bigger Band, que sairá á venda o 5 de setembro. Unha gozada.

"O libro e as novas tecnoloxías"

Hoxe por fin convocamos o IIº Simposium sobre “O libro e a lectura” que nesta edición xirará arredor d’ “O libro e as novas tecnoloxías”. Seis conferencias, tres mesas redondas e un panel de experiencias (en total: trinta e dous ponentes) nos que se pretende reflexionar sobre o impacto das tecnoloxías dixitais sobre a edición, entendida como o proceso de creación editorial, fabricación, comercialización e promoción da creación cultural escrita.
Xa está confirmada a presenza como conferenciantes de Millán, Rogerio Santos e Leovigildo García-Bobadilla , así como a realización de debates sobre o futuro da edición e as NN.TT., a presenza do libro galego na Internet, e os blos e a creación cultural; así como un panel de experiencias sobre o emprego das tecnoloxías dixitais na promoción da lingua galega.
O Simposium -patrocinado por CEDRO, celebrarase os días 3 e 4 de novembro nas instalacións do Consello da Cultura Galega– está dirixido a profesionais da edición, profesorado e a todas aquelas persoas interesadas no mundo do libro e das NN.TT. Para asistir pode solicitarse información aquí.

Nin patacón

Non deixaron nin unha cadela. Non o van ter doado.

Escritura para a rede

Vía libro de notas atopo un artigo interesante que constitúe todo un manual de estilo para a escritura na rede. Para o autor, claridade, sinxeleza e concreción, así como unha axeitada xestión dos enlaces son as claves para obter un texto lexible na rede.
Para sacarlle máis partido a este artigo, aconsello imprimilo e lelo devagariño no papel. É indubidable que a lectura en pantalla ten as súas vantaxes e os seus inconvenientes. Mágoa que moitos textos na rede non o teñan en conta. Cómpre unha aprendizaxe desta técnica da escritura para a rede, poderemos tirar moito proveito.