MARCO
Creo que é un erro de vulto da Consellaría de Cultura xustificar a redución de 100.000 € destinados para Marco en base ao criterio de que nos orzamentos de 2006 pretende equilibrar “as achegas que se dedican a outros museos de arte contemporánea e a outro tipo de museos”. Tampouco xustifica este recorte que a Dirección Xeral do Patrimonio vaia investir un millón de euros na musealización dos restos arqueolóxicos romanos atopados na rúa Márques de Valladares. Van ser, entón, os criterios de compensación localista os que xustifiquen a política cultural do bipartito? Vaise seguir repartindo o orzamento en función de territorios ou en base a criterios da excelencia e interese sociocomunitario e cultural de cada un dos proxectos? Cales son os criterios da política museística do actual goberno? Que relación ten todo isto coa anunciada remodelación do proxecto da Cidade Cultura?Marco é o máis interesante e rigoroso proxecto museístico nacido en Galicia no novo século. Afortunadamente, o museo vigués de arte contemporanea foi, en moi pouco tempo, capaz de proxectarse fóra dos lindes do rabioso localismo vigués converténdose en referencia internacional e modelo de política cultural innovadora. A súa xestión profesionalizada e independente, a calidade da súa programación e dos seus proxectos de investigación e difusión, o seu compromiso inequívoco coas diferentes expresión da creación artística actual e coa construción da memoria recente merecerían un apoio moito máis entusiasta do equipo de Cultura.
Agoiro que o recorte anunciado por Bugallo (compensado cunha achega de 150.000 € do Ministerio de Cultura) constituirá un magnífico agasallo para Corina Porro, que así escenificará un novo episodio de vitimismo localista (decontado, como sucedeu cos recortes dos voos de Iberia, presentará publicamente unha ampla lista de déficits culturais vigueses: inexistencia de bibliotecas, carencia dun teatro municipal, retrasos nas obras do Auditorio…).
Porén, o recorte constituirá outro bumerán envelenado para o grupo municipal do BNG que colabora de forma activa durante toda a lexislatura co PP na aprobación dun Plan Xeral que, dende hai dous meses, ninguén coñece en que fase concreta da súa tramitación se atopa. Mentres, o “dividido” ou “desaparecido” PSOE local (quen manda aquí?), sen dúbida, aproveitará a polémica para facer unha breve incursión nos medios e apuntar con tiracroios a uns e a outros.
Unha situación de tolos. Definitivamente, Vigo é unha cidade estrépito, politicamente anémica, que semella non ter arranxo nin espazo para a racionalidade e a esperanza. Coas cousas desta guisa imos ter Corina e Figueroa para varios mandatos. Este Vigo revolcado é unha das pezas mestras da calculada estratexia de recuperación do goberno autonómico concibida por Alberto e os seus xoves asesores.
















