Moitos blogueiros

Entre os asistentes á festa, ademais dos membros dos xurados, de escritores, editores, libreiros, críticos, xornalistas e persoal da editorial e da nosa comercial, había moitos blogueiros (Ian, Fuco, Nalló, Lolo, Kavafinho, Náufrago, Jaureguizar, Cabrafanada, María e Cesare), fotógrafos (Lobato, Magar, Cal, De Arcos, Vicente) e ilustradores (Lázaro, moi felicitado polo libro; Villalobos; Fino, un dos xurados; Uhía, entre outros moitos).
Coa excepción, dunha ampla representación da Corporación de Redondela (que moito axudou na festa), de Xavier Senín (o subdirector Xeral de Promoción Cultural da Consellaría de Cultura, que se desviviu por atendernos), do presidente e xerente do IGAEM e dun responsable do BNG, non había apenas outros políticos (dificilmente podiamos competir coas eleccións). Agradecemos a presenza de todos as persoas que acudiron ao noso convite. Mágoa, que o reducido do aforo, impedise que puidésemos convidar a moitas outras.

Ramalliños de luces


San Simón, 11-06-2006, 22:58.

Onte marchamos felices das illas: os dous textos premiados prometen calidade, as pezas de Treixadura solemnes, as intervencións foron emocionantes e, o que para nós era o máis importante, cremos que as trescentas persoas que viñeron pasaron un bonito serán.
Antes de embarcar, con todos os convidados xa no peirao, púxenme un pouco nervioso. O catamarán non podía atracar e debemos agardar media hora (longuísima para min) polo vice-patrón da confraría para que movese un pesqueiro que ocupaba o acceso dos viaxeiros. Logo, xa todo correu ben.
Tiñamos ilusión por pechar a noitiña (para nós tamén a celebración do XXV) cuns ramalliños de luces. E resultou moi emocionante ver o ceo iluminado. Mañá volvemos á nosa rotina. Hai moito por facer.

XXV

Ás portas dos actos de mañá, fanme diversas entrevistas para que valore os vinte e cinco anos do traballo da editorial. Insisto no que creo foi o noso maior anceio: contribuír á profesionalización e modernización do noso sector. Desde a fundación, fomos diversificando a oferta do libro galego, normalizando as relacións cos autores (contratos, pagamentos de dereitos…), insistindo na importancia da promoción e comunicación editorial (co obxecto de desvelar a tea que tapa a nosa edición), e, tratando de mellorar a calidade do libro galego, tanto no tratamento do texto coma do deseño e dos materiais. Creo que algo fomos avanzando, tanto nós coma o resto das editoras. Un éxito colectivo, pois.
Non nego que estamos orgullosos do que fixemos (a pesar dos moitos erros nos que incorremos, sen dúbida), mais tamén, estamos insatisfeitos, xa que o noso soño normalizador aínda queda moi lonxe. Non somos autocomplacientes. Queremos que este aniversario sirva para a autocrítica e para afrontar con maior determinación os retos de futuro.
En todo caso, celebraremos mañá con alegría esta fantasía colectiva de pular pola edición en galego, a tarefa que aos profesionais da editorial nos move cada día. Obrigados quedamos a todos os que nos apoian e estimulan, tanto cos seus parabéns como coas súas críticas (tan necesarios uns coma as outras). Beizóns.

Dicionario inglés-galego na rede

Souben hoxe da existencia do primeiro dicionario inglés-galego na rede. Probaremos como funciona (ten máis de cinco mil entradas). Parabéns para os seus autores, que xa teñen ofrecido outras valiosas ferramentas para a lexicografía informática galega.

Len os políticos?

Náufrago propón un debate entre os tres candidatos sobre literatura. Confesa que é unha fantasía electoral. Eu entendo que é unha proposta tan oportuna como necesaria. Se o actual presidente e Touriño accedesen a celebralo (Quin, afortunadamente é o único que comparece), sería unha proposta moi clarificadora sobre quen é quen.
Teño o convencemento de que os políticos que non leron na súa vida un cento de novelas (canto menos cinco por ano, a media dun lector avezado) e medio cento de poemarios dos imprescindibles dificilmente van ser capaces de ofrecer e comunicar con verosimilitude un imaxinario ilusionante aos seus electores (diso trata a política, de propoñer esperanza e consolo, moito máis ca de xestionar un orzamento).
Neste campaña non se fala apenas de cultura nin de libros (a non ser para prometer a gratuidade dos de texto) nin, sequera, se enuncian promesas de caixón como aumentar a dotación bibliotecaria pública por habitante (estamos moi por baixo da media recomendada pola UNESCO) ou investir un euro anual por habitante na promoción da lectura.
Creo que non se fai, por que, con honrosas excepcións, a maioría abrumadora dos candidatos e candidatas len moi pouco ou, sinxelamente, nunca o fan (cal será a última novela galega que leron Méndez ou Alberto?). A cultura en Galicia continúa sendo para a maior parte dos políticos un adorno de culturetas nacionalistas, cando, non é novidade ningunha, que na actual sociedade da información está chamada a converterse nun sector económico estratéxico.
Gostaría coñecer cal é o programa dos tres candidatos sobre a industria cultural e a sociedade da información en Galicia (refírome ao que din nos mitins, non ao que escribiron os especialistas do ramo nos tochos). Sería moi clarificador sobre cal é a súa aposta auténtica polo futuro.

Jaureguizar premiado

Coñecimos hoxe que Cabaret Voltaire de Jaureguizar resultou gañadora do Premio de Novela García Barros convocado polo concello da Estrada. Unha alegría por tratarse dun amigo e dun autor moi admirado por min, que ve recoñecido así o seu traballo. O único que me magoa, e que debo aceptar con resignación, é non ter a posibilidade de optar a editala, xa que nas bases deste concurso aparece a obriga de que a obra gañadora sexa publicada por Galaxia, editorial que colabora no xurado do premio.
Considero moi desacertada esta política, consolidada dende hai moi poucos anos, consistente en que premios convocados por entidades públicas pechen a posibilidade de que o autor ou a autora (o único posuidor lexítimo dos dereitos de explotación comercial da súa obra) escolla a editorial na que quere publicar o seu texto. Téñoo reiterado en moitas ocasións e obrado en consecuencia (a nosa empresa non participa en ningún destes acordos). O respecto escrupuloso do dereito de autor, ao que tantas veces nos temos referido, pasa tamén por non ter que pagar peaxes de ningún tipo. Ou non?

Sen tabaco

Teño fachendeado moito que vou á oficina, sobre todo, a fumar e, logo, a traballar no ordenador e falar por teléfono (unha simplificación que lle acae ben a moitas das miñas xornadas). Témome que non vou poder seguilo facendo durante moito tempo. Hoxe recibín un comunicado do noso departamento de relacións laborais que anunciaba a prohibición de fumar en todas as instalacións da empresa a partir do 1 de xaneiro de 2006 e ofrecía, ao mesmo tempo, axuda médica a todos os empregados que quixeren abandonar esta adicción. Estou feito un lío: se non podo fumar na oficina, que vou facer alí? Con todo, agradezo a dilixencia dos nosos responsables de riscos laborais e non estoutros medios máis expeditivos empregados por aí. Sen embargo, dúbido moito que tome ningunha decisión tan radical durante esta semana.

Agradecidos, Fernando


Fernando Vázquez, o grande.

Fernando Vázquez o grande xa nos devolveu a primeira. Os que temos corazón celeste quedámoslle moi agradecidos.
Tras unha longa década de ouro, a do Celta europeo de fantasía electrizante, nunha mesma tempada contemplamos incrédulos como tocabamos con moita dignidade o ceo da Champions e, poucos meses despois, precipitabámonos no baleiro do inferno da segunda. Horacio Gómez e os responsables técnicos non souberon, ou non puideron, prolongar o ciclo feliz protagonizado por unha xeración de futbolistas talentosos que nos permitiron gozar dun xogo marabilloso e soñar co horizonte dos títulos maiores (mágoa, que só conseguísemos unha Intertoto!). Co descenso recuperamos a nosa condición natural de equipo “sobe e baixa”, e a impotencia que de forma irónica recolle a cantiga d’ A Roda (“Sempre andan dicindo para o ano que vén, e pasa outro ano e outro tamén”). Situámonos, nin máis nin menos, onde sempre estivemos, o que non constituíu unha traxedia, aínda que nos doa.
Fernando Vázquez, unha persoa culta e criteriosa, entendeu perfectamente está situación. Sen caprichos, contando cos restos do naufraxio que lle deixaron (as “figuras” millonarias, que marcharon ao escape, coa excepción de Edu, dalgún xeito cedido no Betis, fracasaron alí onde foron), con moi escasas incorporacións de calidade (Cannobio, Vryzas e Perera) e apostando de forma paciente pola canteira deseñou unha estratexia arriscada, que nos vai levar a primeira. Fernando conseguiu, contra vento e marea, afianzar un patrón táctico, considerado por algúns seareiros pouco vistoso (as opinións sobre as cuestións artísticas son moi diversas e respectables) mais, que sen embargo, se demostrou moi eficaz (os resultados están aí) para desenvolverse con éxito nunha categoría tan liorteira coma esta segunda división. Vázquez soubo cohesionar, arredor do seu modelo de xogo, a un grupo que viña derrotado e dotalo da fortaleza psicolóxica e da autoestima precisas para acometer a tarefa común do ascenso (a maior parte dos clubs non o conseguen o primeiro ano e outros caen nun pozo aínda máis profundo). Con esta afouteza do adestrador, que soubo asumir moitos riscos, acadáronse diversas remontadas fóra de Balaídos que situaron ao equipo á fronte da táboa clasificatoria, nunha segunda volta, obxectivamente, memorable, a pesar das dificultades recentes provocadas pola lesión de Oubiña, o eixo e o corazón do seu modelo táctico.
Debémoslle a Fernando a posibilidade de soñar co valor da canteira –o que nunca fixeran os adestradores da idade de ouro–, subindo ao primeiro equipo a máis de media ducia (e os que virán no futuro) de futbolistas novos. Esta é a mellor noticia celeste que recibimos nos últimos anos. Non debemos impacientarnos polo xogo que vimos este ano, estou certo que no futuro volveremos gozar coa fantasía da serpe. Co seu traballo honesto, Vázquez puxo esta tempada os alicerces para construír un novo soño. Debemos agradecerllo e animalo para que a vindeira tempada en primeira profundice no seu proxecto deportivo. Hoxe estamos moi felices.

Si home si

Chegou o grande día: Josito xa ten blo. Ben que o coñezo, recomendo visitalo diariamente.

Premios nas illas


Illas de san Simón e san Antonio

O venres, antes da reunión dos xurados, estivemos visitando a illa onde o sábado celebraremos o anuncio do ditame dos Premios e a celebración do noso vinte e cinco aniversario. A intervención arquitectónica, promovida por Cultura e concibida por Portela, quedou moi vistosa e semella respectuosa co medio natural e co patrimonio xa construído. Camiñando polo paseo dos buxos impresiona saber que baixo aqueles mirtos se viviron xornadas de alerta e agonía. Teño a convicción que estes Premios, tanto por celebrar neste espazo de beleza desborda como polo contido das intervencións previstas, van ser moi emotivos. Agardo que o tempo nos acompañe (esta é hoxe a miña primeira preocupación).