Filias e fobias

De volta do mestrado (catro horas de clase agotadoras cun grupo de trinta e oito persoas moi pacientes), respondín a toda mecha un cuestionario sobre filias e fobias que tiña pendente. Tratábase das típicas trangalladas sobre películas, cadros, libros, escritores, prendas de roupa ou pratos preferidos ou odiados, que tanto gustan nos suplementos de fin de semana dos xornais. Respondéndoo comprendín que tiña moitos amores onde escoller e, sen embargo, moi poucas fobias que expresar con determinación (coa excepción dos libros asinados por este señor). Cales son as razóns deste comportamento tan piadoso? O máis difícil foi escoller á fobia por un pintor e por un prato. En fin, paxaradas para botar unhas risas.

Xurados de lectores

Onte, tras a reunión do xurado (deixaron tres novelas finalistas que anunciaremos en nota de prensa o luns) tivemos un cea moi pavera. Falamos, era inevitable, moito do estado da esperanza e, tamén, da liada na que os metéramos. A pesar de traballar, en apenas mes e medio, doce novelas (de forma gratuita e vocacional) todos estaban satisfeitos e orgullosos de participar na experiencia.
Sigo crendo na pertinencia deste tipo de xurados literarios non profesionalizados e absolutamente independentes, onde cada persoa asume a súa tarefa como unha responsabilidade vital de primeiro orde. Sempre resulta moi emocionante escoitalos falar de forma tan apaixonada das súas lecturas. Coincidiron en que non había unha novela favorita e que o nivel fora moito máis elevado do que eles agardaban. Pois iso, a agardar as relecturas das finalistas que farán ao longo da vindeira semana.

El Pais

Un dos efectos primeiros do inicio da campaña é que reducimos á mínima expresión (coa excepción das da Feiras do Libro) o número de presentacións. Comprobamos que a maior parte dos medios nestas xornadas lles prestan, aínda, menor atención que adoitan noutras. Con todo, sei dunha nova interesante: El Pais dedicará o sábado de reflexión unhas cantas páxinas de Babelia á literatura galega. Incluirá unha entrevista co noso patriarca (lin a primeira versión e pareceume moi boa) e un repaso de autores, libros e xéneros. Ben se pode comprobar estes días o interese deste xornal pola campaña (dedícalle máis páxinas ca algúns medios galegos). Incluirá, tamén, un artigo diario de Manolo. A cousa promete.

Magic time

Teño xa do trinque o disco novo do grande león de Belfast. Esta é unha querenza de vello que nunca decepciona. Recoméndoo.

Reivindicar o militante

Varias presentacións e a intensa elaboración dos orzamentos impedíronme postear estes días atrás.
As viaxes pagaron a pena. O fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia propuxo na presentación de Compostela a necesaria reforma da Lei de Normalización lingüística con argumentos ben convincentes. Na de onte en Torre, Vito volveu reivindicar a palabra militante, que definiu como “aquela persoa que está no mundo activamente, coa pretensión de aportar algo”, lembrando os bonitos versos de Neruda: “poderán cortar todas as flores, mais nunca serán os amos da primavera”.
Os vindeiros días tamén serán ben cumpridos en atafegos: mañá á noite primeira reunión cos xurados e o sábado á mañá mestrado en Compostela para falar das feiras internacionais do libro. Cando terei tempo abondo para ler? Isto preocúpame cada vez máis.