Roupa tendida


Rúa Poboadores. Vigo. Foto. J. Albertos

A roupa tendida do meu querido barrio de Poboadores, tan pretiño de onde nacín, xa non ten cabida dentro do Vigo epidérmico que pretende a nosa alcaldesa. No artigo de onte reflexiono sobre a beleza da cidade.

Novo Estatuto

Na presentación do documento Pablo González Mariñas, paragrafando a Protágoras, expresouno con claridade: “Estas bases para a redacción dun novo estatuto toman a Galicia como medida das cousas”.
O BNG ten unha magnífica oportunidade para partindo deste texto sólido abrir un grande diálogo nacional arredor da reforma estatutaria. A esperanza agromou este sábado en Compostela.

Comentarios reintegracionistas

Despois de varios días sen poder abrir o blo, leo os comentarios reintegracionistas sobre a miña proposta de ensinar lingua e cultura galegas nos centros de ESO de España. Agradezo estes textos que amosan un entusiasmo e unhas conviccións parellas ao seu escaso coñecemento sobre a recepción da nosa cultura en España e nas comunidades portuguesas e brasileiras (o concepto de “lusófonas” debería ser evitado polo seu carácter reducionista e de centralismo lisboeta que supón)
Desde hai máis de vinte anos, cando foron aprobadas as primeiras normas da RAG, considero que a posición reintegracionista, sen dúbida honesta e cargada de razóns e estudos, e a conseguinte batalla ortográfica que defende, constitúe un obstáculo para que a nosa lingua recupere a súa precaria saúde entre a maioría da poboación galega e gañe prestixio entre todos os seus usuarios. Por moito que nos doa, debemos asumir que, aínda que procedan dun tronco común, o galego e o portugués son dúas linguas diferentes.
Superada esta desputa interminable, que tantas enerxías estraga, poderiamos tirar o valo que mantemos con respecto a Portugal e Brasil, promovendo en Galicia o ensino do portugués (unha carencia clamorosa do noso sistema educativo e da inmensa maioría dos galegos) e intensificando a tradución e o coñecemento da nosa literatura en Portugal, Brasil e no resto de comunidades de fala portuguesa.
Esta é a miña opinión, conformada no contacto continuado con editores, escritores e amigos portugueses e brasileiros cos que desde hai anos manteño unha relación estreita e que manifestan a súa perplexidade diante desta polémica. Insisto, é unha humilde opinión de quen asume que non posúe unha caixa abarrotada de certezas e ten o seu norte e a súa alma comprometida na causa da lingua nosa.

Saudades do Río


Rio de Janeiro

A visita de M. tróuxonos as saudades todas da familia nosa do Río e do Cabo Frío. Falamos e falamos do estado da esperanza, do desfile dos blocos da Portela, dos libros e discos que compartimos ou das palabras e da memoria da avoa… M. marchou para alá entusiasmado coa edición galega da novela de Nélida e cargado coas últimas novidades. Soñamos coa presenza algún ano da literatura nosa na Festa Literaria Internacional de Paratí. Valoramos a posibilidade de promover unha Semana da Cultura Galega no territorio paulistano.

Aterraxe branca

Onte aterrei nun aeroporto ineditamente branco. Á saída do taxi sentín a sequidade que provoca a neve, contaxiando unha extraña ledicia neste día de traballo ao ralentí. A media tarde atopei no aeroporto un caos tremendo. Centos de voós cancelados; grupos irados de xubilados que levaban once horas agardando para viaxar a Canarias e xuraban meterlle un candollazo ás malditas pantallas; colas longuísimas para mudar as tarxetas de embarque reguladas pola Garda Civil. Demoreieme no quiosco entre os libros que prometían o éxito inmediato para os executivos.
Como era posible que entre estes milleiros de persoas durante tres horas non recoñecese rostro amigo ningún? Cando xa non ía nin o móbil, por mor de que toda aquela xente pretendía aliviarse contándolle a alguén o que pasaba, comprendín a ansiedade e o desacougo que provoca a soidade. Cando xa perdera a esperanza, as pantallas anunciaron sorpresivamente o noso embarque. Aínda debemos agardar unha hora en pista. Despegamos entre unha nova nevarada, mentres eu seguía enguedellado na prosa intelixente de Landero. Chegando a Peinador caligrafei no caderno:
“Ninguén sabe porqué, mais contar prodúcenos pracer, recrear con palabras o que vivimos. Cando narramos á experiencia real engadímoslle a imaxinaria ou a emotiva. Será iso é o que nos causa pracer?”.

Estudar galego na ESO fóra de Galicia

Coñezo por galego.org a presentación por parte de Esquerra dunha proposición non de lei, relativa á incorporación e/ou fomento da lingua catalana no ensino secundario e universitario. O deputado Joan Tardà (o que falou en catalán no Congreso) propón incorporar unha asignatura optativa de lingua e cultura catalanas na ESO, así como fomentar os estudos de lingua e cultura catalana nos centros universitarios do conxunto do Estado. A proposición foi aprobada pola Comisión de Educación, co voto en contra só do PP.
Velaí un camiño moi interesante para construír outra España respectuosa e curiosa coas linguas de todos. Só cando os rapaces estremeños ou cántabros coñezan mellor o galego ou o catalán (algúns porque o estudan, a maioría porque nos seus textos o tratamento destas linguas non é unha anécdota dun temiña de recheo), poderán valoralo tamén como un patrimonio seu.
Algun dos deputados galegos debería presentar inmediatamente unha proposición semellante para a nosa lingua. En Galicia existe, por riba, o paradoxo de que, a pesar de contemplarse legalmente a posibilidade, non existen centros de secundaria onde se imparta o portugués como segunda lingua (o francés é hoxe a optativa maioritaria na ESO), outro dos disparates que amosa a curtedade de miras da nosa política lingüística, ao que non é alleo o profesorado de galego e o conflito reintegracionista.
Ademais, sabemos da existencia de estudos preliminares por parte do Goberno para presentar nun futuro próximo no Congreso unha lei das linguas de España. Un debate moi interesante no que desde Galicia debemos participar activiamente e no que propostas como as de Tardà terán que ser contempladas.

Barnabé


20-02-2005

Cómpre visitar Barnabé.

Inédito de Noriega Varela


Inédito de Noriega Varela.

Maribel Abraira envíame a reprodución dun poema que hai máis de sesenta anos Antonio Noriega Varela escribiu con motivo do pasamento dunha mestra familiar súa. Non coñecía a caligrafía do mindoniense poeta da montaña. Ben bonitos son os dous primeiros versos. Quedan xa gardados para sempre nesta memoria electrónica.
Resultados
Produciume máis alegría o resultado portugués có do noso referendo. O primeiro abre portas para a esperanza (sobe ese simpático bloco), o segundo amosa a febleza real entre nós do proxecto de construción europea e a incapacidade de saír da marxe por parte do nacionalismo político galego.

1%


Cidade da Cultura, Peter Eisenman

A Voz dá conta das medidas do Plan da Lectura e dos contidos das leis do libro e de bibliotecas que debateremos o vindeiro venres no plenario da Mesa do Libro. É imprescindible contar con financiamento suficiente, tanto público coma privado, para que estas medidas poidan ser eficaces. A idea do canon do 1% das obras públicas para fomento da lectura é clave para que esta arquitectura non sexa de papel mollado.

Obradoiros de escrita


Patricia Castelao (inédita) 2005

Onte, a caixa de correo deparoume o mellor agasallo para comezar o día. Joan Carles envíame unha mostra da maqueta nova colección infantil que estamos coeditando con eles e cos vascos. O traballo de Patricia, unha das novas ilustradoras galegas (con experiencia no traballo de animación) é magnífico. O seu figurativismo ondulante, un chisco daliniano, xa me gustara moito na edición dos contos prodixiosos e me rendeu definitivamente no libro de Álvaro.
A finura da burbulla
No día dei nova volta a unha Galicia pragada de aroma amarelo. Ao mediodía xantar en Torre con sumilleres para preparar a guía 2006 (o cava que bebemos foi un descubrimento, sobre todo pola finura da súa burbulla). Á tarde vin o traballo que Xurxo nos está preparando sobre a Terra dos Acordos, expléndido será o retrato de Galicia profunda e máis tradicional que alí pervive. Á noite presentación en Muralla do libro dos meus amigos rodarianos. Volvín escaganllado e aburridísimo escoitando as liortas entre señor do bigote co noso vello presidente, agora lixeiramente arrepentido. Non hai volta: teñen moita razón.
A paixón da escritura
No acto, os rodarianos defenderon a pulsión da escritura como estratexia de animación lectora. Propoñen crear obradoiros de escrita que permitan a creación e recreación literaria colectiva. Leron e cantaron textos dos seus obradoiros, algúns moi paveros. Escribir para gozar da alquimia das palabras. “Escribe, canalla, escribe!” é o seu detonante.