Está vendo o arquivo da categoría » espazo_lector_nobel

Resultou interesantísima a presentación de onte na Libraría Internacional de Ourense d´ As sete mortes de Leopoldo Pardo, a primeira novela de Jorge Emilio Bóveda no catálogo de Xerais e a terceira protagonizada por este «desheroe» ourensán tan singular, que se move na vida só baseado nos intereses económicos. Gustei das palabras do presentador, o poeta Eladio Medel, que foi enfiando cos seus poemas unha lectura da novela, na que caracterizou ao protagonista como «un desheroe, un monstro que aparece como un incordio non querido» e na que relacionou as sete vidas do gato de Leo, coa súa reencarnación en figuras como Curros Enríquez, Tomás Bóveda, Castelao, Eduardo Blanco Amor ou Breogán.

Pola súa banda, Jorge Emilio Bóveda salientou que nesta terceira entrega da serie de Leopoldo Pardo, despois de Asasinato no centro comercial e A morte vén en chancletas, desenvólvese un enredo sobre os comportamentos sociais e morais no ámbito da cultura galega. «Localicei a novela na nosa Auria e propoño unha reflexión fonda sobre o que aquí atopamos hoxe, aínda que corresponde ao lector identificar as refencias. As sete mortes de Leopoldo Pardo é unha novela de escarnio e maldizer, unha novela espello do que vemos, do que nos atopamos e do que somos nós. Pretendín ofrecer unha mestura dos xéneros populares coa cultura galega. Sei que nesta intención ten moito que ver o feito de que o meu pai nos permitise enfrontarnos ao cinema fantástico. Como escritor pretendo atopar a miña propia voz e creo que un xeito de innovar é combinando o xénero popular, neste caso o thriller, con obxectos icónicos da cultura galega. En definitiva, facer combinacións raras para conseguir unha voz propia capaz de ofrecer unha lectura amena e crítica da realidade».

Cousas_de_Papá_Espazo_Lector_Ourense_15-10-2016

XG00256601Onte ao mediodía participamos na libraría Espazo Lector Nobel de Ourense na presentación do libro disco de poesía infantil Cousas de Papá. Un acto no que participaron activamente moitos picariños que cantaron e bailaron coas cancións que compuxo e interpretou Héctor Lorenzo, sobre os poemas moi imaxinativos e visuais de Raúl Pato. Un libro disco, ilustrado por Blanca Barrio, que ten por fío condutor a figura dun pai algo toliño «capaz de soñar soños soñados nunha noite de vento ventado» ou que contan «como se peiteaba unha serea nas augas do Miño». Tras as palabras de Raúl e Blanca, Héctor interpretou oito dos dez temas do disco, debullando os ritmos da bossa nova, o rock ou o swing galego. Corenta minutos divertidos e emocionantes protagonizados pola música e a poesía para os máis novos.

Onte 1092: Arnoia

bretemas —  20 de Setembro de 2014 — Deixa un comentario

53859cab7e403-arnoiaUn grupo de quince editores galegos visitamos onte as instalacións de Arnoia. Tras vinte e sete anos de funcionamento as cifras da distribuidora de Ponte Caldelas, tanto polo número de referencias da súa base de datos (máis de catro centas mil, das que máis da metade contan con stock no almacén) como de editoriais (2.000) e clientes (6.000) aos que ofrece servizos, a converten na distribuidora de libros máis importante de todo o norte da península. O seu espírito fundacional de empresa educativa galega e súa súa vontade de servizo e de innovación constante levou a Arnoia a desenvolver un modelo de distribución editorial integral que no actual proceso de hibridación do sector supuxo nos dous últimos anos a dotación dunha plataforma de distribución de libros electrónicos (Arnoia ebooks) e a creación dun novidoso servizo de impresión baixo demanda (Arnoia IBD). Ademais Arnoia apostou pola libraría cultural implantando a franquicia de Librerías Espazo Lector Nobelvinte e oito librarías), así como o portal de venda en internet imosver. Pola súa facturación, polo seu número de empregos, como polo seu proceso de internacionalización, hoxe Distribucións Arnoia é unha das primeiras empresas culturais galegas. Merece o recoñecemento de todo o sector.

Tras a inauguración da magnífica libraría de Espazo Lector Nobel non hai dúbida que Pontevedra, como cidade do libro galego, é boa vila e dá de ler a quen pasa. Foi o de onte un serán de ledicia no que participamos do entusiasmo da apertura dunha nova libraría no que ata hai uns meses fora o local dunha entidade bancaria. Un feito do que non tiñamos precedentes, o de que milleiros de libros ocupen o espazo antes dedicado as finanzas. Esta proeza do equipo de libreiros de Nobel racha coa tendencia de peches de librarías do que tantas veces nos lamentamos con melancolía, ao tempo que supón unha reivindicación da libraría como espazo cultural de encontro cidadán. A aposta pola presenza destacada e preferente do libro galego, así como polo fondo cultural constitúen as trabes deste ilusionante proxecto libreiro. Consolidar a tendencia de volver as librarías, tamén en Galicia, semella posible. Beizóns e a mellor sorte para Espazo Lector Nobel de Pontevedra.