«A forza das minorías» Congreso IBBY, Compostela 2010

Gustoume o o proxecto gráfico deseñado por Xan López Domínguez para o espazo web do Congreso do IBBY 2010 en Compostela.

Xa se coñecen algúns dos primeiros nomes de conferenciantes, seminarios ou de actividades dunha cita extraordinaria e decisiva para o sector editorial galego.

[Poden colocarse banners no blog e descargarse folletos co avance do programa]

Barbantia

O traballo do editor permíteme viaxar moito polo país sexa para presentar as nosas novidades ou sexa para contactar con autores ou colectivos que nos poidan achegar novos contidos. Unha experiencia que me permite ir coñecendo o tecido asociativo do eido cultural e literario, moito máis dinámico do que, xeralmente, se reflicte nos medios impresos e moito máis valioso do que, tamén xeralmente, recoñecen as diversas administracións (sexan as municipais ou a Consellaría de Cultura). Hoxe a promoción da cultura galega, fundamentalmente nas vilas e comarcas, non se pode concibir sen contar co traballo voluntario e xeneroso dos membros das asociacións culturais, ateneos e liceos recreativos (algúns animadísimos na súa actividade galeguista como os de Ourense ou do Saviñao).
Entre as asociacións culturais máis dinámicas que coñezo Barbantia é un dos casos máis destacados. Este grupo de amigos e animadores culturais de toda a comarca do Barbanza organizan conferencias, presentacións de libros, debates; promoven unha liña coidadísima de investigacións e de publicacións (libros e un formidable anuario de estudos), ademais dun mensuario en colaboración coa edición comarcal de La Voz de Galicia e un espazo de intercambio electrónico. O esforzo dos membros de Barbantia, como o doutros colectivos culturais do voluntariado, debe ser apoiado con maior xenerosidade e agarimo pola actual Consellaría de Cultura. Iso é o que vimos agardando dende que se produciu a alternancia no Goberno.

Etiquetas:

Nova directiva para a AGE

Hoxe eliximos unha nova xunta directiva da asociación de editores. Producíuse unha profunda renovación de persoas e unha continuidade do proxecto de profesionalización do gremio, iniciada polo equipo presidido por Fernán Vello. Ábrese, pois, unha etapa moi esperanzadora –encabezada por un dos editores máis veteranos e comprometidos co libro galego, Alfonso García Sanmartín– para a que agardamos os maiores éxitos.

Etiquetas: ,

Cambios na AGE

Hoxe na asemblea da AGE decidiuse que as eleccións para elixir nova Xunta Directiva serán o luns 19 de xuño. Miguel Anxo Fernán Vello, o noso presidente, amosou o desexo de entregar a testemuña a un novo equipo. Os que colaboramos estreitamente con el, durante estes dous anos de intenso traballo, non podemos máis que agradecerlle a súa xenerosa dispoñibilidade e o seu talento diplomático que permitiron elevar a unidade, autoestima e a profesionalidade do gremio de editores galegos. A normalización do traballo da asociación nunha cultura de transparencia e diálogo, a intensa participación dos editores na elaboración do anteproxecto da lei do libro, a colaboración leal con outras entidades profesionais do sector, o inicio dunha política de proxección do libro galego no exterior, a mellora da información sobre as actividades do sector, a celebración dos Simposios do libro e a da lectura e da Noite da edición son algúns dos éxitos da xestión de Fernán Vello, moi valorada por todo o sector da edición.
O novo equipo de dirección da AGE, que, con respecto ao actual, será moi renovado, deberá facer fronte a importantes retos, singularmente a atopar unha alternativa viable á modalidade de préstamo do libro escolar e a poñer en marcha o Salón do Libro e da Industria Cultural, unha ambiciosa plataforma de promoción da nosa produción cultural que se pretende celebrar cada ano en Pontevedra no mes de decembro. Para os que sexan elixidos o 19 de xuño, os mellores éxitos, que serán os de todos os editores galegos.

Etiquetas:,

Mesa de Traballo de Editores e Libreiros

Información sobre a reunión que mantivemos editores e libreiros o luns pasado.
É inexplicable que o presidente da Xunta non nos recibira despois de dous meses de telo solicitado e que a Mesa Técnica, constituída o 15 de setembro, para analizar as consecuencias da implantación da modalidade de préstamo para o libro escolar, dende entón non volvera a reunirse.
A gratuidade do libro escolar por medio da modalidade de tarxeta electrónica de pagamento (o sistema normando) será a alternativa que ambos os dous sectores presentaremos nas vindeiras semanas.
Hoxe, ademais, recibimos noticias esperanzadoras do compromiso de mediación adquirido coa Federación de Libreiros para acelerar a solución do conflito antes do inicio da primavera.

Directiva de editores

Onte tivemos reunión da Xunta Directiva da AGE. Dedicamos a maior parte do tempo ao debate sobre os contidos do convenio que pretendemos asinar coa CRTVG para a promoción do libro galego na televisión (faremos á compañía unha proposta a vindeira semana).
Quedamos moi apesarados coa baixa de Positivas, da que carecemos de explicacións e pretendemos sexa reconsiderada. Foi criterio unánime da directiva abrir unha reflexión profunda sobre o funcionamento da asociación de xeito que sexamos capaces de promover unha maior participación dos asociados nas diferentes comisións de traballo. Na vindeira asemblea do 3 de xuño abordarase esta cuestión como tema central.
Os membros da actual directiva cremos que neste noso primeiro ano mellorouse a presenza dos editores galegos nas Feiras Internacionais, intensificouse a información sobre temas gremiais, foron abríndose novos portelos para a promoción do libro galego (a semana do libro galego en Barcelona, con motivo do San Jordi foi un éxito) e a comisión do libro de texto elaborou unha alternativa viable sobre a modalidade de préstamo na gratuidade do libro escolar. Sen embargo, queda moito, moito camiño por percorrer e hai temas pendentes dabondo.
Agardamos que a renovación completa do sitio web, presentarase no vindeiro mes, e a edición do proxecto Palabra de autor (libro e DVD, en colaboración coa CRTVG) con motivo do 17 de maio, constitúan dous fitos na nova etapa de proxeción profesional do gremio de editores galegos que preside con temperanza e bo criterio Miguel Anxo Fernán Vello.

Reunión de editores

Hoxe directiva e asemblea de editores. Oito horas, con xantar na raxaría incluído, deron para moito. Para saber do rumor (máis que fundado) de que Planeta pretende comezar a editar proximamente en galego, iniciándose no xénero infantil e xuvenil; para confirmar o inicio da emisión da segunda canle da TVG (como a chamarán TVG2?) antes das vindeiras eleccións e con contidos sobre todo infantís e culturais; para coñecer o programa do vindeiro Galeusca (Donostia, 8-11 de xuño, seguro que non poderei participar). E, por riba, vimos unha nevaradiña en San Marcos, aínda que as folerpas non coallaron.