Vigo e Porto viradas de costas
No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o conflito institucional entre as alcaldías de Vigo e Porto.
O enfrontamento institucional entre o concello de Vigo e a cámara municipal de Porto constitúe unha anomalía que debería ser superada decontado. A defensa lexítima que os alcaldes Abel Caballero e Rui Moreira fan de cadanseu aeroporto, entendible no marco dunha competencia aeroportuaria onde cada vez mandan máis os mercados ca as axudas públicas, non abonda para xustificar a ruptura de relacións entre as dúas cidades amigas que dende hai máis de dúas décadas lideran o proxecto de modernización urbana en cadansúa área metropolitana. Dúas cidades irmandadas pola historia, pola cultura e lingua comúns, pola mobilidade da súa cidadanía, pola fluidez das súas actividades comerciais, sociais e deportivas. Dúas cidades unidas por intereses comúns compartidos no Eixo Atlántico do noroeste peninsular, institución transfronteriza, formada hoxe por trinta e catro concellos e cámaras de aquén e alén do Miño, creada pola Declaración de Porto de 1 de abril 1992, asinada polos alcaldes Carlos G. Príncipe e Fernando Gomes.
Xaora, non somos inxenuos á hora de determinar a orixe e responsabilidade deste lamentable conflito. Sabemos que a cerna reside, sen dúbida ningunha, na moi desafortunada intervención do edil portuense, tras o anuncio da futura ligazón Lisboa-Vigo da TAP, desprezando sen argumentos as posibilidades do aeroporto galego de Peinador, ao tempo que cualificaba este enlace coa capital portuguesa como “un insulto a Porto” e un intento de destruír ao seu aeroporto. Críticas teatralizadas outra volta tras a presentación do seu libro recente sobre a TAP e a venda do 61 % do que foi a compañía área pública portuguesa ao consorcio Atlantic Gateway, liderado polos empresarios Humberto Pedrosa e David Neelman, dono este de Azul, liña área brasileira low cost. Intervencións, en todo caso, inseridas na estratexia política de Rui Moreira (político independente, apoiado polos grupos de dereita CDS-PP) de denunciar o centralismo lisboeta e reclamar ao actual goberno de coalición de esquerda, presidido polo socialista Antonio Costa, que efectivice o seu compromiso electoral de recomprar parte do capital da TAP até ficar co 50 % para estado portugués.
Estratexia oportunista do alcalde portuense que utiliza o sempre rendible reclamo localista para meter no mesmo saco a competencia que supón o agora máis dinámico aeroporto vigués e as dificultades obxectivas de competitividade da rexión urbana do Porto para abordar con garantías tanto o esgotamento das posibilidades do tráfico marítimo do porto de Leixões (onde os portos de Vigo e Marín son ósos duros de roer) como para contar cunha saída directa cara Europa en tren de alta velocidade. O que probablemente máis lle doe a Rui Moreiras non é o feito de que Peinador conseguise un voo diario da TAP que lle permitirá enlaces transoceánicos, sobre todo con Brasil, (o que non será nunca determinante para as cifras de embarques en Sã Carneiro), se non o feito de que a nova ponte área Porto-Lisboa, montada por TAP e TAP Express de hora en hora, que comezou a funcionar o 27 de marzo, consolida un modelo de mobilidade centrado en Lisboa, tanto no que atinxe ao transporte aéreo como na prioridade para a construción do enlace por AVE con Madrid. En definitiva, non son hoxe Vigo nin o aeroporto de Peinador os rivais directos de Porto e do aeroporto Sã Carneiro, razón pola que, máis alá dos réditos que a curto prazo supón para os seus protagonistas participar nestas batallas, semella razoable procurar unha vía diplomática para restaurar canto antes o respecto e o diálogo entre as dúas alcaldías.
Vigo e Porto son dúas cidades que compiten non só polos tráficos internacionais dos seus portos e aeroportos, senón tamén polas clientelas das súas áreas comerciais metropolitanas e polos investimentos estranxeiros que lles permitan continuar como entornos industriais. Mais tamén son dúas rexións urbanas chamadas a non permanecer nunca máis viradas de costas, dispostas a compartir unha estratexia de desenvolvemento transfronterizo capaz de artellar na fachada atlántica un eixo competitivo con outros da península, como o mediterráneo.
Hoxe o reto primeiro das relacións Vigo-Porto é como competir e cooperar a un tempo neste proxecto de construción dunha nova centralidade na periferia atlántica europea. Un proxecto no que continúa sendo prioridade a finalización do corredor ferroviario de velocidade alta, hoxe atrancado no territorio portugués, que facilite unha mobilidade intermodal (e polo tanto conectada cos dous aeroportos) de persoas e mercadorías. Como continúan sendo esenciais os proxectos compartidos no eido formativo, tanto os relacionados co Campus do Mar da Universida de Vigo como aqueloutros relacionados coas industrias culturais e creativas.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir