Vigo, cidade euroatlántica

No artigo da semana en Faro de Vigo lembro a experiencia do primeiro goberno tripartito (1991-1995) no concello de Vigo.

Na historia recente de Vigo hai algúns capítulos políticos que deben ser aclarados. Entre eles o do gravísimo conflito pola instalación da empacadora nos peiraos do Guixar, que facilitou a única maioría absoluta coa que contou o Partido Popular en Vigo, a que na primavera de 1995 levou á alcaldía a Manuel Pérez Álvarez. Documentando o libro que publicaremos de Cameselle, o grande fotógrafo de “Faro de Vigo” falecido hai un ano, reparei naqueles sucesos iniciados hai agora vinte anos, que fixeron naufragar aquel ilusionante tripartito vigués presidido polo alcalde socialista Carlos G. Príncipe, coaligado cos nacionalistas do PSG-Esquerda Galega de Suso Costas e do Bloque Nacionalista Galego de Lois Pérez Castrillo. Nas fotos recuperadas do arquivo Cameselle vese unha das grandes manifestacións veciñais baixo o lema “Teis contra a empacadora”, a celebrada o 29 de novembro de 1994, mais tamén o espectacular incendio dun vitrasa, que se produciu o día seguinte. Dúas testemuñas gráficas dun conflito da serie negra, incomprensible dende a nosa ollada hoxe, tanto polos argumentos coma polos métodos contundentes utilizados polos seus protagonistas, no que os medos veciñais sobre o impacto da compactadora foron utilizados nunha estratexia de manipulación e intoxicación política sen precedentes (e nunca aclarada) que pretendía expulsar a socialistas e nacionalistas do goberno da casa do Campo de Granada.

Se non lembro mal, a orixe do conflito de Teis, estivera na valente decisión do tripartito de Carlos Príncipe de pechar e selar o vertedoiro do Zondal no barrio do Freixo, onde durante vinte anos se queimaban cada día as case 300 toneladas de lixo que producía a cidade. Como contrapartida Vigo incorporábase ao sistema de eliminación de residuos da empresa pública galega Sogama, promovido por Xosé Cuíña, entón conselleiro de Política Territorial e Obras Públicas. Unha solución medioambiental que requería a construción dunha planta de compactación dos residuos en Vigo para facilitar o seu transporte á planta incineradora de Cerceda na Coruña. Decisión que dúas décadas despois sabemos foi acertada, tanto pola recuperación do Zondal, non exenta de dificultades pola evacuación de gases e lixiviados, mais transformado hoxe nun miradoiro privilexiado sobre as Cíes, como polo mínimo impacto do funcionamento da compactadora sobre a veciñanza de Teis.

O labor daquel goberno de Príncipe nuns anos de gran entusiasmo (e crise económica) deixou unha profunda pegada no Vigo de entre séculos. Con moita coraxe acometeu proxectos infraestruturais básicos, até entón adiados, como a finalización das obras dos saneamento integral de todas as parroquias viguesas (un fito histórico nunca suficientemente valorado para unha cidade en bisbarra), a posta en marcha da primeira depuradora do Lagares ou a abordaxe de proxectos urbanos estancados durante décadas, como o da apertura da rúa Rosalía de Castro, unindo a Metalúrxica coa Caixa de Aforros. Aquel inédito goberno (de mozos de trinta e tantos), apoiado por unha ampla maioría social, coa que nunca contara o alcalde Manuel Soto durante os seus tres mandatos, puxo ademais os alicerces de moitos dos proxectos municipais inaugurados durante estas dúas últimas décadas. Daquel impulso político naceron as primeiras humanizacións do centro, coa da rúa María Berdiales como prototipo. Nese período xerouse o proxecto de Abrir Vigo o mar, coa reforma integral das Avenidas e o túnel de Beiramar, financiado pola Zona Franca, que sería desenvolvido despois polos gobernos de Manuel Pérez e Lois Pérez Castrillo. No eido do patrimonio e da cultura o goberno Príncipe foi decisivo para a recuperación integral do Casco Vello, co inicio do primeiro plan Urban; para a ampliación da Casa Galega da Cultura, onde se instalarían a Biblioteca Penzol e o legado de don Francisco Fernández del Riego; para a modernización do Museo de Castrelos, a construción do Museo do Mar e da Casa das Palabras de Samil. Outrosí sucedeu coa rede de centros cívicos veciñais que foi impulsada, así como a de instalacións deportivas.

Con todo, entendo que a achega máis importante daquel tripartito dos noventa foi o de introducir o planeamento estratéxico como ferramenta de participación cidadá e veciñal no deseño da cidade futura. Dos documentos do denominado primeiro Plan Estratéxico de Vigo naceu o posicionamento de Vigo como cidade portuaria euroatlántica de carácter metropolitano, cunha posición central no denominado Eixo Atlántico Peninsular que artella unha poboación de máis de seis millóns de persoas. Un proxecto que non perdeu unha miga de actualidade e merece ser posto en valor. Como aquel valioso labor do tripartito de Príncipe, Costas e Castrillo.

As fotos son de Guillermo Cameselle. Forman parte do libro Cameselle. Crónica fotográfica de Vigo (1995-2005), que será publicada en novembro por Xerais.

3 comentarios
  1. Antonio Montero Carro
    Antonio Montero Carro Dice:

    Estimado Sr Bragado
    Cando vostede queira lle explico persoalmente a trama urdida polo Sr Principe e pola ExPresidenta do Parlamento Galego, DªDolores Villarino, ex moza do Sr Casares e Concelleira de Economia de Vigo, dos que o Pobo de Teis foi obxeto de sometemento da sin razón. Eu son un dos que vai coa pancarta xunto con outros dous compañeiros do meu grupo Proxecta un Novo Teis. Ao seu dispor Telf 609486944

    Responder
  2. xos
    xos Dice:

    Tamén foi daquela época a planificación do PAU de Navia, que con moitos defectos que ten, non deixa de ser unha enorme urbanización de vivenda pública que hai que valorar como moi dinamizadora da demografía e economía viguesa.
    Ademáis, pregúntome en que cidade española se fixo unha gran promoción pública de vivendas ao lado da praia sen que fora para especulación.

    Responder
  3. xos
    xos Dice:

    No lado escuro das cousas, daquela xurdiron cousas raras como a aprobación das torres de García Barbón, e diversos chanchullos que foron declarados ilegais por non axusterse á legalidade

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa una resposta a xos Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *