U-la biblioteca de Vigo?
No artigo da semana en Faro de Vigo reclamo que se retome o proxecto da construción en Vigo dunha biblioteca pública do estado e propoño que se estude a posibilidade de ubicala no edificio da Metalúrxica.
Dende hai dúas décadas, diversos sectores cidadáns levamos reclamando a construción dunha biblioteca pública do estado en Vigo. Consideramos imprescindible contar con esta infraestrutura cultural e informativa básica, existente xa en todas as capitais de provincia e noutras grandes cidades, como Santiago de Compostela, que paliase de vez as carencias bibliotecarias viguesas, ao tempo que servise de nodo referencial para a creación dunha auténtica rede bibliotecaria que facilitase á poboación metropolitana o acceso en igualdade a todo tipo de información (textual, sonora ou audiovisual) e a toda clase de soporte documental (impreso, dixitalizado ou en liña).
Un proxecto que despois de tirapuxas políticas quedou recollido en diversos orzamentos xerais do estado, tanto dos gobernos de Zapatero coma de Rajoy, mais que decaeu pola imposibilidade dos responsables do concello de Vigo de ofrecer un espazo municipal para ubicala. Despois de terse barallado diversas posibilidades, dende algunha das plantas baleiras do Auditorio Mar de Vigo até a propia Escola de Artes e Oficios, o alcalde Abel Caballero expresou de cando en vez a súa convicción de que a Panificadora sería o espazo ideal para construír a que debera ser a primeira biblioteca viguesa. Porén, non é segredo ningún que a recuperación para o espazo público da nosa catedral industrial e laica é un proxecto moi difícil nas circunstancias políticas e económicas actuais, polo que moito tememos que de seguir así as cousas a biblioteca pública do estado na Panificadora quedará en auga de castañas.
Xaora, esta imposibilidade (arrastrada dende hai unha década) de ofrecer unha ubicación para unha gran biblioteca pública, que sería construída con fondos estatais e xestionada despois pola Xunta de Galicia no marco da súa rede de bibliotecas nodais, expresa o dramático fracaso da política cultural dos poderes públicos en Vigo, tanto do concello coma da Xunta e do Goberno do Estado, incapaces de artellar acordos mínimos sobre as infraestruturas culturais esenciais da área metropolitana, sexa a rede de bibliotecas e arquivos como a rede de museos (eis o caso do Marco), cuxas portas permanecen abertas cada día de auténtica milagre, sometidas a unha precariedade orzamentaria asfixiante. Ningunha das administracións públicas que operan en Vigo, nin o Concello nin a Deputación nin a Xunta nin o Goberno, como ningún dos seus líderes, consideran que as políticas culturais formen parte das súas prioridades estratéxicas e, polo tanto, teñan peso nos seus orzamentos. Semella que para os responsables destas administracións as políticas culturais e de promoción da lingua galega carecen de importancia na axenda electoral, xa que probablemente son consideradas como propias de culturetas e xente aborrecida, especies doutro tempo en inevitable devalo.
Porén, noutras moitas cidades do mundo, estas políticas culturais públicas, sobre todo as relacionadas coa lectura, son consideradas como esenciais na proposta municipalista. É un feito que as modernas bibliotecas públicas estanse convertindo nos espazos públicos máis intensamente utilizados en cada comunidade local, consideradas como portos seguros para a convivencia interxeracional e a educación permanente. Máis aínda cando no marco do actual proceso de hibridación da lectura, o futuro das bibliotecas aparece máis vinculado ao seu carácter de centro comunitario interxeracional facilitador do acceso e alfabetización dixital que coa conservación e préstamo de libros impresos, até agora parte esencial do ADN das bibliotecas. Concibida así, a biblioteca é un espazo hibridado, no que conviven soportes analóxicos e accesos dixitais, central en cada comunidade local como lugar de encontro, sendo o bibliotecario un promotor comunitario especializado en facilitar á cidadanía o acceso á información.
Neste novo contexto, onde a biblioteca pública asume centralidade como espazo comunitario, moito pagaría a pena que antes das eleccións municipais se recuperase o proxecto da biblioteca pública do estado para Vigo. Sobre todo cando semella posible atopar unha ubicación axeitada no espazo da Metalúrxica, na rúa García Barbón, onde a Tesourería da Seguridade Social anunciou o seu proxecto de construír as súas novas oficinas. Non sería posible que a Tesourería ocupase as plantas do Hospital Xeral da súa propiedade, que nuns meses quedarán baleiras, cedendo a Metalúrxica para construír a biblioteca que a área metropolitana de Vigo precisa? Unha posibilidade que de ser viable dende o punto de vista técnico e urbanístico requiriría apenas dun acordo político interinstitucional entre o goberno municipal de Vigo e o do Estado. Queremos ou non unha gran biblioteca para Vigo?
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir