Artigos

Onte 1457: Veranciño do marmelo

Foi unha ledicia escoitar a Xabier Picallo falar no Galicia por diante da Radio Galega con Kiko Novoa e Amalia García sobre o verán de san Miguel do que estamos gozando estes primeiros días de outono. Camiño dunha xuntanza da directiva de Culturgal en Compostela o termómetro do coche subiu ao mediodía por riba dos vinte e cinco graos demostrando a sabedoría do refraneiro en cuestións meteorolóxicas: «No san Miguel coller a vara e o caravel». É unha marabilla gozar destes derradeiros días de calores e vendimas, bautizados como Indian summer polos norteamericanos, e que nalgúns lugares de Galicia chaman con moi bo criterio «veranciño do marmelo», xa que son moitas as casas coma a nosa na que se preparan as delicias dos marmeleiros. O arrecendo da potada, lixeiramente áceda, anuncia o remate do verán e o comezo do tempo das primeiras castañas e magostos. Xaora, unha lasquiña de queixo san Simón da Costa e outra do noso marmelo do Viso sonche estes días un petisco para unha cea de luxo de xente moi larpeira.