Artigos

Onte 1192: O ano sen pantalóns

el_año_sin_pantalonesAdoito ler cada ano un par de libros de non ficción estadounidenses, dese xénero híbrido tan dificilmente clasificable, entre os manuais de business e as biografías (haxiografías nalgúns casos) de novos triunfadores, que se ofrecen a esgalla nas librarías dos aeroportos. Despois da biografía de Jeff Bezos, na que souben que en Amazon non se utilizan nunca as presentacións en power point, subtituídas por composicións de 1000 palabras e notas de prensa de presentación de produto, metinme con certo escepticismo con El año sin pantalones, no que o xornalista e informático Scott Berkun relata a súa experiencia laboral dun ano como xefe dun dos equipos de Automattic, a empresa que xestiona WordPress.com, onde están aloxados millóns de blogs en todo o mundo. Confeso que o libro superou as miñas expectativas.

O máis interesante do libro de Berkun é a testemuña en primeira persoa de quen experimentou un modelo de traballo colaborativo, distribuído e en remoto e despois reflexiona de forma crítica e distanciada sobre as consecuencias que ten para a autonomía, empoderamento e confianza dos traballadores. En Automattic os empregados dos diversos equipos poden traballar onde e como eles queiran (de aí o título do libro) sen apenas utilizar o correo electrónico. A comunicación entre os membros de cada equipo faise por medio de vídeoconferencias en Skype, de textos compartidos en P2 (o sistema de blogueo rápido de WP) e en IRC, a veterana canle de conversa, ademais das catro ou cinco quedadas duns cantos días en diversos lugares do mundo para traballar xuntos de forma presencial. Todos os traballadores sen excepción inician a súa andaina na empresa pasando polo equipo de soporte, atendendo reclamacións e solucionando problemas aos clientes. En definitiva, unha nova cultura do traballo para unha nova relación cos clientes.

A intencionalidade da obra, escrita con inusual vigor narrativo, utilizando os recursos da autoficción, é subliñar que «as empresas progresistas», así as cualifica o autor, deben estar abertas á idea de que a tecnoloxía pode devolver parte do significado do concepto de «traballo» que perdimos: o seu carácter artesán, o de ser unha actividade da que se sintan orgullosas as persoas que a realizan, ou o de considerar as empresas como institucións que contan con valores profundos que perduran no tempo. O que non sería pouco, tal como se van conformando as empresas no entorno actual da devaluación e da perda de dereitos laborais. Un libro de negocios interesante.