Listado de la etiqueta: violación

Onte 1526: «Paulina»

PaulinaPaulina (La patota), o thiller de Santiago Mitre, é unha desas raras películas que se rosman á saída do cine. A violación dunha xove profesora por parte dunha panda («la patota») de mozos, entre os que hai algún dos seus alumnos, abre unha complexa reflexión sobre a violencia contra as mulleres, nacida da ideoloxía machista da posesión, e sobre a violencia sobre os pobres exercida polo estado. A historia íntima desta rebelde acomodada, filla dun xuíz, permite a Mitre abrir o debate sobre as vítimas da violencia, os límites da vinganza, a procura da verdade e o papel da xustiza nas sociedades desiguais. A interpretación xenial de Dolores Fonzi mantén en vilo ao espectador, a pesar de que guión explora por momentos o territorio do inverosímil. Eis a razón deses dous longos planos secuencia cos que comeza e remata unha obra, onde os cambios de punto de vista dunha mesma escena, as constantes elipses e os longos planos en silencio sobre o rostro de Paulina salientan o seu carácter de película aberta a un debate antidogmático e desprexuizado.

Onte 1316: «Son noxento»

XG00240801Acompañei onte a María Xosé Queizán en Compostela na presentación na Feira do Libro de Son noxento, a súa décima novela. Coincidindo co 50 aniversario da publicación d’ A orella no burato na colección Illa Nova de Galaxia, Queizán presenta unha gran novela curta á marxe das temáticas da novela á moda. Unha narración intensísima sobre temas que até ágora foron considerados tabús por agocharse no ámbito do privado: a pedofilia, a violación, o incesto, a prostitución das menores e outras formas de violencia sobre as mulleres. Empregando moi sabiamente a técnica do monólogo interior, Suso, o noxento, confesa dende o cárcere a súa condición de auténtico depredador sexual masculino. Un personaxe que Queizán caracteriza apenas pola súa linguaxe violenta, un pederasta capaz de representar un catálogo de todos os machismos posibles. Un tipo abominabe, repugnante, un bocapodre perverso, que obriga ao lector ou lectora a enfrontarse coa crueldade e brutalidade da violencia machista. Unha novela impresionante e necesaria.