Listado de la etiqueta: venda_celta

O Celta cara oriente

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á venda do Celta e as súas relaciós co concello de Vigo:

Non podo agochar o meu desagrado pola chamada que recibín como socio de Río Alto dándome 48 horas para pasar polas oficinas de Balaídos e mudar os tres asentos do noso abono familiar. Despois de dúas décadas nas mesmas localidades, o Celta obríganos a un cento de abonados a procurar outras localidades para instalar nas que até agora nos foran asignadas uns palcos novos de prensa. E o noso desgusto non é tanto pola perda dun lugar no que nos sentiamos cómodos como pola falta de sensibilidade do club, que diante das nosas lexítimas queixas ofrece como alternativa devolvernos os cartos dos nosos abonos, renovados en xullo, cando xa se coñecían o plan de obras e os requirimentos da Liga e da UEFA, que obriga ao traslado forzoso nos partidos da Europa League de 500 abonados das gradas de Río.

Unha desconsideración absoluta do Celta cos seus abonados aos que, se non aceptamos este traslado, se nos sinala a porta de saída do clube. Nada que poida estrañarnos despois de como os responsables do Celta resolveron a tempada pasada de forma vergonzosa o conflito cun abonado ao que se lle retirou a súa tarxeta de acceso e a súa vella bufanda ou como nesta se incrementaron os prezos de abonos e entradas dos días do club, o que afecta sobre todo ás economías humildes dos abonados máis mozos.

Torpezas do Real Club Celta S.A.D, que non son alleas á crise institucional aberta polo seu propietario cando anunciou este mes a posibilidade da venda do club a unha sociedade oriental de capital risco por unha cantidade estimada por algúns medios nos cen millóns de euros, cifra inasumible para calquera capital galego. Ás portas do seu centenario, o empeño acuñado por Handicap, Baliño e Bar, baixo o nome tan significativo para a comunidade nosa de “Celta”, pode quedar reducido a un apunte contable dunha sociedade foránea, tal como xa lles sucedeu ao Valencia, Granada, Español ou Málaga, propiedade hoxe de sociedades invisíbeis ou de magnates chegados de Oriente. Nada que sexa ilexítimo mais que nos enfronta coa realidade do fútbol actual, un formidable tinglado económico da industria internacional audiovisual e do negocio das apostas deportivas, que nada xa ten que ver con aqueles valores do “fair play” dos fundadores cosmopolitas do primeiro equipo galego.

Unha venda, quizais inminente, que evidencia que lonxe de calquera afán altruísta o seu propietario concibe o Celta como un magnífico negocio capaz de achegarlle un lucro moi suculento, tanto agora (15 millóns de euros foron os beneficios da S.A.D. no último exercicio aprobado) como no momento da súa venda. Cifras elevadas, froito da boa xestión deportiva e económica dos responsables do club, considerado como o oitavo con mellor saúde financeira de Europa, mais tamén (non o esquezamos) do esforzo dos vinte mil celtistas (entre accionistas, socios, peñistas e membros da Fundación Celta) que acudimos decote a Balaídos e, sobre todo, dos milleiros de persoas con corazón celeste espalladas polo mundo enteiro que converteron ao noso equipo nunha das insignias máis prezadas e recoñecibles coas que conta Galicia.

Nesta mudanza copernicana e acelerada do fútbol globalizado, que afecta as principais ligas europeas, os espectadores que acudimos aos estadios, neste caso os celtistas a Balaídos, fomos convertidos en figurantes imprescindibles dun espectáculo audiovisual planetario que lle reportará esta tempada europea ao Celta case 50 millóns de euros ou en consumidores que adquiren produtos (camisolas, partidos de televisión…) dunha sociedade que no caso de ser vendida procuraría aínda con maior empeño a recuperación da millonada pagada por ela.

balaidos

Cifras elevadas, moi pouco frecuentes en calquera outro sector de actividade, que no caso do Celta contan, a maiores, coas achegas do concello de Vigo que adquire cada tempada 1.600 cadeiras de Fondo (valoradas en 150.000 euros), para repartir entre centros educativos e colectivos sociais, cede de forma gratuíta as instalacións dos campos de Balaídos e de Barreiro e soporta os gastos de iluminación e electricidade. Achega máis decisiva cando o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra asumen no convenio que asinaron co clube boa parte dos case trinta millóns de euros nos que está orzamentada a reconstrución do vello Balaídos, que permitirá ao Celta utilizalo nas próximas décadas.

No marco actual deste fútbol mercantilizado de propietarios invisibles o concello de Vigo debería abandonar o paternalismo e reconsiderar os termos da súa relación de colaboración co Celta, unha sociedade privada con ánimo de lucro, que por importante que sexa para a proxección da cidade non pode continuar recibindo un trato de semellante privilexio. Parece xusto que se as regras que rexen o mundo do fútbol mudaron de orientación, por un principio de equidade o faga tamén o concello de Vigo na súa relación co R.C.Celta S.A.D..