Digo Moraima
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a conversa de Moraima con Siri:
Esta fin de semana correu pola rede como auga da fonte a conversa entre Moraima, unha picariña galegofalante de tres anos, e Siri, unha intelixencia artificial (IA) con funcións de asistente persoal para o sistema iOS. Pouco menos de minuto e medio que sintetizan a situación dramática da lingua galega hoxe representada na imposibilidade de que Moraima atope resposta algunha de Siri en galego, a súa lingua materna. Con 300.000 chíos en Twitter, cen mil visionados en Facebook e milleiros de copias distribuídas nos grupos de Whatsapp, apenas nos dous primeiros días de que o vídeo fose compartido pola súa nai, a conversa asombra e emociona ao mesmo tempo pola paciencia coa que Moraima repite en castelán cada unha das respostas de Siri como pola consciencia sociolingüística prematura da pequena que xa sabe que non é entendida polo feito de que ela fala galego. Unha experiencia semellante á que vive cada día na súa escola infantil ou no parque onde brinca polas tardes no que as picariñas galegofalantes dende o berce coma ela son consideradas como rara avis ou seres extraterrestres –iso si, moi riquiñas, moi curriñas, moi listas e moi bonitas– polo feito de utilizaren unha lingua en perigo inevitable de extinción.
A conversa de Moraima con esta IA (un robot, como Alexa ou como a recente MUM de Google) amosa que polo momento o galego carece de presenza nestas interfaces de intelixencia artificial que achegan información inmediata e foron concibidos para ser utilizados de forma habitual pola maioría das persoas usuarias da rede. Unha carencia que reforza os prexuízos existentes sobre o seu carácter como lingua subalterna e, a fin de contas, inútil para as novas tecnoloxías. Unha situación de clara inferioridade que sofren tamén o catalán e o éuscaro, linguas cooficiais coma a nosa, que carecen tamén de voces propias para estes sistemas de IA, mesmo a pesar dos anuncios de acordos dos responsables das súas políticas lingüísticas coas empresas tecnolóxicas para poñelos en funcionamento decontado. Unha estratexia normalizadora á que se suma agora a Xunta de Galicia co anuncio do proxecto «Nós de Intelixencia Artificial» que en colaboración coa USC e diversas empresas privadas tecnolóxicas pretende desenvolver nos próximos cinco anos recursos dixitais como sintetizadores de voz, recoñecedores de fala e xeradores de lingua natural que permitirían como pretende Moraima que Siri, Alexa, MUM ou outras novas IA falasen galego.
Xaora, a gravación da conversa de Moraima con Siri é ademais un documento testemuño excepcional que amosa a excelente competencia oral da rapaza en galego xusto días antes do inicio da súa incorporación á escola ordinaria onde é probable que deixe de utilizalo como a súa lingua de instalación. E no se trata esta dunha predición do mago Merlín como da teimosa experiencia de milleiros de familias que vivimos como as nosas crianzas entraban na escola infantil falando galego e pouco despois abandonaban a súa lingua familiar. Proceso de substitución do galego familiar pola castelán escolar que os datos da enquisa de uso e coñecemento do galego do IGE (2019) amosan foi acelerado tras a posta en vigor do Decreto Feijoo (o Decreto 79/2010), que contribuíu a erradicar de forma extraordinariamente eficaz o emprego do galego na 2º etapa da Educación Infantil. En ausencia de publicación por parte da Consellaría de Educación da avaliación anual dos resultados da aplicación deste tan mal chamado «Decreto de Plurilingüismo», prevista na adicional quinta, o que transcorrida xa unha década constitúe unha irregularidade inadmisible, abonda con botar man do quinto informe diagnóstico do Comité de expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias para comprobar que en Galicia «a transmisión da lingua de pais a fillos xa non está garantida».
Nesa probable ruptura futura da cadea de transmisión da lingua familiar, reside a extraordinaria forza emotiva da conversa viral da bonita Moraima con Siri. Como na previsible falta de amparo dos dereitos lingüísticos da pequena e da ausencia de políticas eficaces de fomento do galego na escola que eviten o abandono do galego por parte desta xeración das que serán as avoas da fin do século XXI reside o maydad emitido por Moraima coa caligrafía clara do entusiasmo e da ledicia na frecuencia infantil da verdade. Inevitablemente, celebrando o sorriso de Moraima lembramos os versos que Celso Emilio Ferreiro dedicou a súa amada: «Cando quero sorrir / digo Moraima. / Digo Moraima / cando a mañá é clara. / Digo Moraima / e a tarde ponse mansa». Como na xeitosa fala galega da pequena Moraima identificamos aqueloutros de Celso Emilio: «Digo Moraima / cando semento a esperanza. / Digo Moraima / e ponse azul a alba». Digo Moraima.