Artigos

Máis quioscos, por favor

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a reivindicar o quiosco:

Non me pasou desapercibida unha nota que lin na edición dixital do “Faro de Vigo” da pasada fin de semana na que informaba da festa sorpresa que un cento de veciños organizaron para celebrar a xubilación de José Manuel Rodríguez Sequeiros, que se retiraba despois de trinta e cinco anos tras o mostrador do quiosco Sequeiros da rúa Camelias 103. Unha anotación escrita coa emoción e o agarimo necesarias para comunicar as noticias relevantes, que debería formar parte dun capítulo heroico da historia do xornalismo vigués, a protagonizada polos humildes quiosqueiros e repartidores que nos achegan cada mañán o faro con todo o seu arrecendo de esperanza da tinta fresca. Sequeiros foi un deses heroes anónimos, que se erguían de madrugada, capaz de abrir o mesmo día do seu casamento até media hora antes da voda e, o mesmo día, regresar ao serán para facer a caixa. Unha historia da que os nosos narradores poderían tirar do fío para tecer un relato moi suxestivo.

Por ventura, Vigo soubo homenaxear aos quiosqueiros e repartidores de prensa coa escultura que dende 2011 lembra a Manuel Castro, o quiosqueiro peripatético e malabarista, peza encargada unha década antes polo goberno do alcalde Lois Pérez Castrillo ao artista Jandro Rodríguez. Unha estatua de bronce de tamaño natural, chantada en Príncipe, onde Castro tiña a súa “sede”, nas escaleiras de Alfredo Romero ou nos corredores de La Norma, e dende onde iniciaba cada xornada o seu percorrido, que dende a madrugada deica ben entrada a noite o levaba até a Porta do Sol e as Avenidas voceando “Faro”, “La Noche”, “Pueblo” e outros xornais da prensa de Madrid. Xaora, lembraremos todos a Castro pola súa arte de precisión, recollida maxistralmente por Magar nunha instantánea tomada en 1971 na rúa Reconquista: a de erguer un faro sobre o dedo índice (en galego tamén podemos chamalo mostreiro ou furabolos) mentres no brazo esquerdo suxeitaba un fardo de exemplares e varios décimos de lotería. Toda unha icona do que foi a prensa no mundo ao longo do século pasado.

Xaora, o papel de quioscos como o de Sequeiros foise devaluando nas últimas décadas, ao fío das mudanzas no mundo da comunicación e do seu imparable proceso de hibridación dixital. Para o noso abraio foron pechando quioscos vigueses emblemáticos como os da Porta do Sol, Pizarro ou o “Perrete” (“Prensa Mundial”), o histórico establecemento de Velázquez Moreno, instalado durante case oito décadas no edificio do Cable Inglés e bautizado popularmente así polo mal carácter do seu fundador. Non é esaxeración ningunha afirmar que durante o século XX o Perrete foi auténtico templo da cultura máis cosmopolita da cidade, tanto polo feito de que alí se amoreaban as publicacións de procedencia máis diversa, como pola posibilidade que proporcionaba de acceder á festa das linguas, das curiosidades e das afeccións máis insólitas.

Como grande foi a pegada que a cadaquén deixou o quiosco do seu barrio, no meu caso o quiosquiño de Maruja, na entrada do Barrio do Cura (aínda felizmente aberto), onde o meu pai collía o “Faro”, a miña nai cambiaba as novelas e nós mercabamos algúns dos primeiros tebeos e as “estampillas” dos álbums de “Vida y color”. Como imprescindible foi na miña formación como lector literario o quiosco de Pepiño, instalado no bulevar do Paseo de Afonso, outro templo da cultura popular no celme do solpor vigués, onde fixemos a colección de libros de RTVE, e anos despois o quiosco de Amparo en Pi e Margall, onde fixemos a Enciclopedia Gallega e a biblioteca xuvenil de Salvat e Alfaguara, que tanto nos marcou. Para a nosa xeración o quiosco, ademais de canle de distribución da prensa, representou unha vía esencial de acceso á cultura impresa.

Mais este papel fulcral do quiosco na nosa cultura popular mudou nesta década coa irrupción disruptiva que supón internet no mundo da comunicación, que afecta tanto aos sectores da prensa impresa como ao da edición de fascículos e coleccionables que nestes días, coincidindo co inicio de curso, realiza os seus lanzamentos. Calcúlase que durante os anos máis crus da crise (2010 a 2015) reducíronse en toda España o número de quioscos nun 10,00 %, diminución á que, ademais da irrupción dixital e o impacto que no seu día provocaron as publicacións gratuítas, tampouco semella allea a crise alarmante do pequeno comercio de proximidade, unha grave doenza que en Vigo está arrastrando a todo tipo de establecementos, dende os de alimentación aos de vestiario.

Non deberiamos admitir sen rechistar a desaparición dos quioscos que, como as librarías e os cines, constitúen células esenciais do tecido urbano e espazos de encontro e socialización. Non esquezamos que a quiosqueiros como o felizmente retirado Sequeiros debemos unha parte do que somos como lectores.