Artigos

Onte 2001: «A chave das noces» de Xabier P. DoCampo

Despois de trinta anos onte relín A chave das noces, a novela negra de Xabier P. DoCampo, felizmente recuperada hai unhas semanas por Xerais para a  colección Fóra de Xogo. E abofé que a novela negra do mestre Xabier non perdeu nin unha miga da súa frescura nin sequera a actualidade dunha trama oitenteira localizada nunha cidade portuaria (non é difícil imaxinar que se trata da Coruña), na que os contrabandistas de medio pelo comezaban a mudar o tabaco de batea pola heroína e a trata de mulleres estranxeiras  nos clubes de alterne dos arrabaldes constituía unha forma de escravitude. Actualizado apenas á normativa ortográfica vixente (en decembro de 1987 fora editado por Vía Láctea na de «mínimos»), o trepidante relato protagonizado por Mauro, o mociño motorista que traballa para a axencia de detectives «Nacho», mesmo a pesar da súa esaxerada facilidade para resolver as diferenzas a labazadas, flúe nas mans do lector coma a auga para beber, anunciando na súa traballada facilidade o que sería unha das marcas do narrador chairego.

Sei da querenza que Xabier conservaba por esta novela valente, que acordaramos recuperar hai varios anos, na que afondaba nas convencións do xénero negro, desde a aparición dun cádaver no porto, que interrompe as investigacións rotineiras dun detective privado canalla, pasando pola súa disposición a repartir e recibir, se fose inevitable, uns cantos lapotes de máis, até a súa intención de denunciar a dor das vítimas de tantos abusos machistas e violencias varias. Unha novela pioneira na narrativa galega dos oitenta, cando esta intentaba ampliar os seus públicos frecuentando os xéneros da literatura popular e de intriga. Un proxecto de novela negra en galego iniciado por Xosé Fernández Ferreiro con Corrupción e morte de Brigitte Bardot (Xerais, 1981) e por  Carlos G. Reigosa con Crime en Compostela (1983), que DoCampo moderniza de forma moi consciente con A chave das noces, tentando abrir unha xanela no interese do público mozo, como pouco máis tarde farían tamén Ramiro Fonte, Manuel Forcadela, Román Raña, Bieito Iglesias ou Aníbal Malvar, autores destacados da novela negra galega de fin de século. Recomendo moi vivamente A chave das noces, novela que sei moito vai sorprender ás novas xeracións de lectores e lectoras do noso xénero policial pola súa axilidade e pola contundencia da súa denuncia social. Parabéns a Xerais por esta edición, que abre unha nova etapa na veteran colección Fóra de Xogo, que renova de forma mi atractiva deseño de cuberta e interiores.

Onte 628: Con Antonio García Teijeiro e Paco Ibáñez

A presentación da antoloxía da poesía infantil de Antonio Garcia Teijeiro pagou a pena. Máis de duascentas persoas ateigaron o salón da Casa do Libro de Vigo para acompañar ao autor de Na fogueira dos versos e ao seu amigo Paco Ibáñez. Tras as intervencións magníficas do antólogo Fran Alonso, do crítico Román Raña (crítico) e do ilustrador Xosé Cobas, chegaron os minutos máis agardados nos que Teijeiro e Ibáñez falaron, cantaron e recitaron. Foron momentos emocionantes dun intenso silencio e dunha vibración compartida de dous amigos unidos polos afectos xerados pola poesía. Unha emotividade que se incrementou cando o público os acompañou cantando o retrouso do tema final da pomba. Como ben salientou Antonio é incomprensible que Paco Ibáñez non teña apenas presenza nos medios españois, cando continúa sendo unha figura internacional, cunha axenda chea de concertos. Aos seus setenta e oito anos o cabezaleiro da xeración «A galopar» mantén intactos o seu pulo vital e a súa xenerosidade desbordada, a da cultura da acollida. Xesús Alonso Montero, presidente da Academia Galega, expresoulle a Ibáñez a súa admiración e gratitude polo seu compromiso co repertorio galego que leva polo mundo, no que ademais das pezas de García Teijeiro inclúe outras de Celso Emilio Ferreiro. Outro momento do serán difícil de esquecer produciuse xusto ao remate da presentación. Un señor maior, dirixíndose a Ibáñez, espetoulle: «Paco, eres una acumulación de juventud». Un serán literario e musical emotivo para presentar un libro importante.