Listado de la etiqueta: rodari

Agustín, o noso mestre

A pesar dos meus escasos azos para escribir, conseguín enviar a Faro de Vigo este artigo de urxencia sobre Agustín Fernández Paz:

Fernández-Paz-Agustín-Vilabarros-2008-61-656x403

Non é doado superar a desolación provocada polo pasamento de Agustín Fernández Paz o pasado 12 de xullo. A ondada de solidariedade recibida na súa despedida no Tanatorio de Pereiró e nas redes sociais será tan inesquecible como sempre emocionante. Unha resposta unánime de recoñecemento de milleiros de persoas de idades diferentes e posicións diversas que choramos a perda non só dun escritor fulcral da literatura galega actual, senón, e sobre todo, dunha figura humana excepcional, dun auténtico diamante moral no que espellarnos, dun militante infatigable dese inexistente partido galeguista pola unión, xa que cando e onde estivo Agustín procurou espazo para os acordos que permitisen enxergar horizontes de esperanza para o proxecto de construción da nación.

Vilalbés de orixe, chantou as súas raíces nas bidueiras do barrio das Fontiñas. Despois de traballar en Barcelona, A Coruña, Gernika, Mugardos e Pontedeume decidiu asumir a cidadanía viguesa no barrio do Areal, onde vivía dende comezos da década dos noventa. Doutor honoris causa pola Universidade de Vigo, era moi querido na nosa abella da ribeira, onde teceu unha ampla rede de amizades, exerceu como profesor de Lingua e literatura no Instituto Rosais, escribiu a maior parte da súa obra literaria e dedicou moitas horas a desenvolver un completo proxecto de edición educativa como colaborador principal de Edicións Xerais de Galicia. Unha pegada viguesa, que impregnou a ambientación dalgunhas das súas narracións con inequívoca fragrancia de marusía, mais que se transformaba en afervoado celtismo cando se trataba de valorar o xogo de salón de Nolito e do seus compañeiros da canteira da Madroa.

Porén, non se pode entender a figura deste auténtico coloso das letras galegas de entre séculos, o autor máis lido na nosa lingua e con máis títulos traducidos, sen reparar nos seus sete cursos de formación na Laboral de Xixón, onde acadou a titulación de Peritaxe Industrial, mais sobre todo onde forxou o seu carácter de traballador ordenado, rigoroso, paciente e entregado que mantivo, a pesar da súa longa doenza, até os seus días derradeiros. Dende aqueles anos, prolongados en Barcelona, onde acentuou a súa ansia literaria, coincidindo co entusiasmo do 68, cando a súa xeración quixo pór o mundo do revés, alumeando o facho da liberdade e da democracia, Agustín foi un enxeñeiro das letras, un humanista tecnolóxico, fascinado pola lectura e polo cinema, as súas dúas grandes afeccións ao longo da vida.

Como tampouco se pode comprender a súa obra literaria sen atender a súa decisión transcendental de regresar de Cataluña e comezar os estudos de Maxisterio na Normal da Coruña, o que lle permitiría acceder de forma directa ao Corpo de Profesores de EXB. Dende entón, dende o primeiro curso na Escola Fogar de Santa Margarita, onde amigará con Xabier DoCampo e Xavier Senín, máis tarde escritores e cómplices do que será a “Xeración Lamote”, Agustín formou parte desa xeración de mestres, que se incorporou á escola nos anos do tardofranquismo e da implantación da lei Villar Palasí, que bebeu nas fontes da pedagoxía de aires renovadores chegados de fóra e levou ás nosas aulas o modelo de traballo individualizado do Plan Dalton ou as técnicas da imprenta na escola de Celestin Freinet.

No seu discurso de agradecemento do Nobel, Camus utilizou unha frase que hoxe ven ao caso: “Cada xeración, sen dúbida, síntese condenada a reformar o mundo”. A xeración de Agustín foi fiel a esta condena. Como os seus compañeiros e compañeiras teimou en reformar o ensino por dentro e por fóra, iniciando o camiño da escola en galego e conseguindo a proeza de recuperar as luces da escola das bolboretas da República, reinventadas, co período autonómico, como os valores da escola pública galega e os da incorporación da nosa lingua como vehicular no ensino obrigatorio. E de aí agromou, xaora, a pulsión literaria do autor de “Contos por palabras”.

Sendo mestre no Colexio Público Unión Mugardesa escribiu os seus primeiros contos en galego para o seu alumnado, utilizando procedementos semellantes aos empregados por Rodari, Dahl ou Ende. Por ventura, algúns daqueles textos de aula, logo incluídos sen asinatura nos primeiros libros de texto de Xerais das series “O Noso Galego” e “Canles”, deron o salto e foron publicados, cando Agustín tiña 42 anos, no libro “A cidade dos desexos” (1989), un dos títulos da recén nacida colección Merlín de literatura infantil de Xerais, que coordinaba xunto con Lastra e Vázquez Freire. Nacía así o xenial narrador, que publicou máis de medio cento de títulos para todos os públicos, sempre escritos en galego, traducidos a todas as linguas da península, o premio nacional e premio iberoamericano de literatura infantil e xuvenil, e sobre todo, o escritor ao que dende unha estrela distante choramos milleiros de lectores e lectoras. Beizón, Agustín, o noso mestre.