Listado de la etiqueta: reforma_política

Mañá cando me maten

No artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar aos cinco fusilamento sod 27 de setembro de 1975 e a exixir a reparación que merecen as vítimas e as súas familias.

27septiembre1975Non pasaron desapercibidas para os lectores de “Faro de Vigo” as esquelas publicadas a pasada fin de semana e contratadas por subscrición popular con motivo do corenta cabodano do fusilamento en Hoyo de Manzanares dos mozos galegos Xosé Humberto Baena Alonso e Xosé Luis Sánchez-Bravo Solla, xunto ao catalán Ramón García Sanz, e aos vascos Jon Paredes Manot Txiki e Ángel Otaegui Etxeberria, membros do FRAP e ETA. Como tampouco pasaron desapercibidos os valados que reclaman “verdade, xustiza e reparación” como vítimas que foron da Ditadura, ao tempo que denuncian estas derradeiras execucións do franquismo, tras catro procesos militares sumarísimos, realizados sen garantías xurídicas, que concluíron coa petición de once penas de morte, apenas dous meses antes do pasamento de Franco, mesmo a pesar da mobilización da sociedade internacional, incluído o intento de mediación in extremis do papa Pablo VI. Esquelas, valados e un acto de homenaxe en Pereiró que neste corenta aniversario exixen a anulación daqueles xuízos e o remate da impunidade para os seus responsables.

A recente publicación do libro de Carlos Fonseca “Mañana cuando me maten” (La Esfera de los libros, 2015), presentado en Vigo hai unhas semanas, foi esencial para a reconstrución fidedigna dos acontecementos e do contexto político e social que levaron a aquel fatídico 27 de setembro de 1975. O autor das “Trece rosas rojas” (2004) utilizou os procedementos do xornalismo narrativo, alicerzado sobre unha rigorosa investigación documental, até onde o acceso aos arquivos militares lle foi permitido, xa que aínda non se pode dispór nin dos textos íntegros das causas nin das sentenzas, clasificadas como “secretas”. Mais tamén, recabou información en longas conversas cos procesados que salvaron a vida, cos familiares, amigos e letrados defensores das vítimas, e cos xornalistas asistentes aos xuízos e ás execucións. Materiais cos que construíu un relato co que intenta achegarse á verdade do sucedido naqueles derradeiros meses do tardofranquismo. Afonda así con delicadeza nunha dolorosa ferida que, como outras relacionadas coa Ditadura e coa Reforma Política, sabemos aínda non foi curada. Xaora, o libro de Fonseca amosa que cometeran ou non os delitos polos que foron condenados, non hai dúbida que os cinco fusilados foron vítimas dun simulacro de xustiza militar que os sentenzou antes de xulgalos. Como tamén o é que as probas que os incriminaron nuns casos se obtiveron por torturas noxentas e noutros foron manipuladas, privándoos, como se comproba nos relatos dos xuízos, das mínimas garantías de defensa.

É inevitable que na reconstrución daqueles feitos nos produza particular interese as historias dos galegos Baena e Sánchez-Bravo, dous rapaces que estudaran no Instituto Santa Irene e viviron o fulgor daquel Vigo revolcado de comezo dos anos setenta como membros do Partido Comunista Marxista Leninista e máis tarde en Madrid dos grupos do FRAP.

No de Xosé Humberto Baena foron decisivas as testemuñas da súa irmá Flor, que ao longo destas catro décadas defendeu a súa inocencia e nunca perdeu a esperanza de acadar a reparación para el, até chegar a acudir ao Tribunal de Dereitos Humanos da ONU. Mais tamén foron decisivos o diario do seu pai Fernando, que recolle con moito detalle aquelas xornadas terribles, e os textos escritos por Baena en Carabanchel días antes da súa execución, como lle suxerira a súa tía Carlota, nos que expresa a súa desesperanza. É estarrecedor o titulado “El reloj”, no que expresa a súa loita contra o tempo e a súa convicción de que o ían matar. Como conmovedoras son a narración das torturas ás que foi sometido, as referencias as lecturas dalgunhas novelas, as súas lembranzas dos días nos que traballou na fábrica de Fumensa e, sobre todo, a carta de despedida aos seus pais, escrita o día anterior a ser fusilado, na que lles achega azos e solicita que fagan todo o posible para levalo a Vigo. O que resultou moi difícil para a súa familia, á que unha vez chegado o féretro a Pereiró, se lle impediu sequera poder velalo.

O relato de Xosé Sánchez-Bravo, veciño de Vincios e estudante de Químicas no CUVI, queda vencellado ao de Silvia Carretero, a moza que coñeceu cando fuxiu a Madrid e coa que casou en maio daquel ano 75. É tristísima a narración que fai a súa irmá Victoria da noite anterior á execución, na que foi visitado por ela e pola súa nai e na que por fin puido ver durante unhas horas a súa dona embarazada, daquela presa en Yeserías.

Como sinala o propio Carlos Fonseca, tras catro décadas, non abonda só con evocar o ocorrido aqueles días de setembro de 1975. É imprescindible, tamén, abrir as cancelas xurídicas e revisar aqueles catro procesos. Juan Gelman ben o dicía: “o contrario do esquecemento non é a memoria, senón a verdade”.

Onte 1261: «Medo político e control social na retagarda franquista»

image1

XG00214401Presentouse onte na Casa do Libro de Vigo Medo político e control social na retagarda franquista a voluminosa investigación do historiador Lucio Martinez Pereda publicada na serie «Memoria» da colección Xerais Crónica. Correu a presentación da obra a cargo de Ramón Nicolás que comezou confesando que a lectura do libro o sorprendera e inquedara, »axudándome a a valorar outras lecturas da literatura galega sobre o medo, a represión, as delacións, sobre todo as que se fixeron no ámbito docente». Sinalou Nicolás como na obra se fai fincapé nos mecanismos da chamada «represión fría», denunciándose as dificultades que teñen hoxe os investigadores para realizar o seu traballo tras a destrución de documentación e depuración de aquivos realizada nos primeiros anos da Reforma Política. Rematou a súa intervención Ramón Nicolás realizando un exercicio de lectura de xéneros comparados sobre o asunto das delacións, mesturando con grande mestría anacos da obra de Martínez Pereda con textos da literatura galega como Agosto do 36 de Xosé Fernández Ferreiro, Alba de mulleres de Carme Blanco, Home sen nome de Suso de Toro, Arrraianos de X.L. Méndez Ferrín, Corredores de sombra de Agustín Fernández Paz, A loita continua de Claudio R. Fer, O sol na crista do galo de Manuel Lueiro Rei, Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro e Sentinela alerta de María Xosé Queizán.

Lucio Martínez Pereda leu a súa intervención que supuxo, como sinalou despois na súa quenda dende o público Méndez Ferrín «unha auténtica lección sobre os mecanismos da represión fría». Comezou Lucio sinalando que a súa intención fora «historiar aspectos até agora pouco coñecidos como a represión fría, esa caligrafía máis fina e branda, mais executada pola ditadura cun plano moi predeterminado, para ampliar o número de persoas represaliadas e para constituírse en ameaza constante». «A instauración dunha atmosfera de medo rendabilizaba os mecanismos de represión quente e cohesionaba á poboación indiferente.» Detívose despois o autor en abordar a cuestión da delación, das denuncias anónimas, que penetraron en todo o tecido social, reflexionando sobre a necesidade de estudar a fondo o colaboracionismo, coma se fixo en Francia e Alemaña.

Repasou despois outras formas desta represión fría como as incautacións e requisas e os expolios ás bibliotecas, para deterse no funcionamento dos xulgados de responsabilidades políticas, nas comisións de depuracións de funcionarios públicos e na persecución da masonería, á que se dedica a terceira parte da investigación. «A proxección da culpa sobre familiares e herdeiros, que herdaban os castigos económicos das vítimas, adiouse ate os anos sesenta», sinalou o autor para poñer en evidencia a brutalidade desta represión económica.

Xaora, dedicou o treito final da súa intervención a criticar o relato da equidistancia e da simetría das responsabilidades que Manuel Fraga e De la Cierva instauraron como único posible desde o Tardofranquismo, onde considera residiu a cerna da chamada Reforma Política que «non foi consensuada, foi imposta». Denunciou a destrución de fontes documentais decretada por Suárez en 1977 e a política de «cerrojazo documental» do actual goberno de Rajoy que deixou acabada por inanición a Lei de Memoria Histórica». Rematou sinalando Martínez Pereda que «non temos un problema de memoria histórica, temos un problema de Historia».