Listado de la etiqueta: radio_galega

Onte 982: Ana Miranda, unha extraterrestre

ana_mirandaÉ desoladora a decisión adoptada pola Junta Electoral de eliminar ao BNG do espazo que os medios públicos galegos dedican á cobertura da campaña, a pesar de que a candidatura nacionalista obtivo en Galicia nas últimas eleccións europeas 103.724 votos. A efectos prácticos supón para o BNG perder os 27 segundos que tiña asignados dentro dos cinco minutos que en cada informativo de TVG e da Radio Galega dedican ás europeas. Adoptada a instancias dun recurso presentado por UPyD, formación que en Galicia apenas contou con 14.418 apoios, esta decisión pretende negar simbolicamente a existencia da candidatura nacionalista nos medios públicos que conforman o espazo informativo galego. No que queda de campaña electoral Ana Miranda será apenas unha extraterrestre deambulando polo país, que deberá afastarse dos micrófonos e cámaras dos medios públicos galegos? Sería un xesto de fair play que o resto das candidaturas galegas rexeitasen tan inxusta e desproporcionada decisión.

Onte 905: A gran coalición

Saíu en varias ocasións na tertulia da «Crónica» da Radio Galega na que participei na noitiña de onte. A gran coalición de conservadores e socialdemócratas podería ser un modelo político que se xeralizara como fórmula de goberno en Europa. É moi probable que, tras as Europeas, o presidente da Comisión Europea (elixido por vez primeira nestes comicios) será un socialdemócrata, o libreiro alemán Martin Schulz, mentres o do Consello será un conservador, o luxemburgués Juncker, actual presidente do Eurogrupo, consolidando así un cogoberno dos partidos sistémicos. Un modelo de gobernabilidade acuñado por Angela Merkel para consolidar o seu indiscutible liderado: un partido de dereita hexemónico, que impón os criterios ortodoxos de política económica e social, acompañado no goberno por un partido socialdemócrata feble e dividido que avala estas políticas.

Abonda con analizar o que está sucedendo co PSOE en Catalunya, Navarra ou Galicia, onde a dirección federal de Alfredo Pérez Rubalcaba decidiu o harakiri das súas organizacións territoriais, para intuír a estratexia de gobernabilidade a medio prazo do partido socialdemócrata español. Un modelo de gran coalición que anima a políticos atrevidos como Abel Caballero a ensaiar o seu propio modelo de gran coalición (orzamentaria), neste caso coa intención de forzar nas vindeiras municipais un «sorpasso» co Partido Popular, único xeito de conservar a alcaldía viguesa un novo mandato. Neste contexto de grandes coalicións e de políticas homoxeneizadoras e conformistas dos partidos sistémicos é imprescindible a refundación da esquerda, do seu programa e do seu modelo de participación politica.

Onte 799: Faladoiro

Despois de dous meses, chamáronme para participar no faladoiro da Crónica, o programa informativo da noite da Radio Galega, A verdade é que xa tiña case esquecido o exercicio de «tertuliano», polo que me daba un pouco de medo non estar ao día dos asuntos a abordar nin acertar co rexistro axeitado para comentalos. Porén, axiña comprobei que os temas da axenda de debate apenas variaron dende o comezo do verán. Onte falamos dos prometidos floteis de Pemex para Navantia e Barreras, que continúan no aire, e da reforma educativa de Wert, que pasou o seu derradeiro trámite no Senado. A principal novidade foi que ao comezo do segundo treito da lexislatura, Rajoy intente contentar aos sectores aznaristas cunha lei encuberta de folga e outra de seguridade cidadá, dúas iniciativas desa dereita de toda a vida, de lei e orde, que ameazan reducir os dereitos e liberdades e poñer en perigo a convivencia e a mesma democracia. Con todo, o que me deixou máis preocupado do día, foi o apesarado que notei a Xosé Manuel Beiras, cando o saudei no xantar no que lle entregaron a Galaxia o Premio Fernández Latorre, envelenado polo aire que se respira no Parlamento Galego. Unha lexislatura pouco alentadora.

Onte 685: Lamentable espectáculo de Tele 5 e La Sexta

Tal como agoirabamos, as cadeas privadas estatais transformaron onte a desgraza de Angrois, que esqueceran o mércores, en lamentable espectáculo televisivo de fin de semana. Todo pola audiencia! Nin sequera as intervencións tan atinadas de Antón Losada e Xaime López no «Gran debate» evitaron o desacougo que me produciu o enfoque grandilocuente do programa de Tele 5, cadea á que desta volta La Sexta superou en oportunismo co seu «La Noche de La Sexta». Abafado, optei por apagar e coller o ipad para botarme a ler.

Non é pequena a lección aprendida nesta traxedia de Angrois sobre a importancia para a sociedade galega de contar cuns medios de comunicación públicos profesionais propios. Medios capaces de ofrecer unha información rigorosa e veraz, así como unha opinión independente e plural. Medios, ademais do papel que cumpren na promoción e fomento da lingua e cultura galegas, necesarios para manter a cohesión cívica e a dignidade que merecemos como país. Grazas de corazón aos profesionais da TVG e da Radio Galega por realizar unha cobertura informativa tan digna e intensa como a que manteñen desde o momento no que anunciaron o terrible accidente. A TVG, a Radio Galega e a súa canle de internet amosaron estes días que son medios de comunicación imprescindibles para Galicia. Convirá non esquecelo.

Onte 585: Tertulia

Cando na tertulia da Radio Galega comentabamos as andanzas perigosas de Manolo Pescanova, soubemos por twitter dos estouridos da maratón de Boston. Cando valorabamos o anuncio de Feijoo da posible entrada de Pemex no capital dos estaleiros vigueses (Barreras), a pantalla do teléfono doíase comunicando a derrota en tempo de desconto dun Celta xa pechacancelas. Case non houbo tempo para comentar a vitoria axustadísima de Maduro nin a ofensiva de Rouco para que Rajoy modifique as leis do aborto e dos matrimonios de persoas do mesmo sexo e mellore o estatuto dos centros educativos católicos. Vaia axenda informativa dun 15/04 que semella lembraremos!

Onte 47: O problema vasco

As tertulias da noite dos luns na Radio Galega permítenme ir seguindo o fío dos argumentos e das actitudes dos sectores conservadores sobre a axenda política que Luís Ojea nos propón a debate. A pasada semana centráronse en minusvalorar a Conferencia Internacional de Paz, o seu comunicado e os seus participantes; esta foi a súa desconfianza sobre a fiabilidade do comunicado de ETA sobre o cese definitivo das súas actividades armadas.  Máis alá da validez destes argumentarios, influídos pola proximidade da convocatoria do 20-N, as posicións diversas dos que participamos neste debate radiofónico amosan que non vai ser doado chegar a un convecemento compartido sobre a idea de que a paz é posible en Euskadi e Navarra; requisito, primeiro e indispensable, do longo proceso de reconciliación civil, onde a vontade dos vascos e dos navararros, expresada en liberdade, xa sen coacción ningunha, será a principal protagonista. Teño o convecemento profundo que sen tender pontes e sen mediacións entre partes,  este proceso dificilmente pode acadar o seu obxectivo. Como tampouco será posible o seu éxito total sen contar cunha solución política para o tradicional “problema vasco”. Non vai ser doado, non.

Carlos Príncipe fala sen cancelas sobre as caixas

Aconsello escoitar estes quince minutos da tertulia da Radio Galega do pasado venres á noite. Carlos Príncipe fala sen cancelas sobre como funciona Caixanova. Algúns treitos das súas palabras son impresionantes, non tanto porque non coñecésemos os datos e os nomes que achega, senón polo que denotan da forza de determinados poderes económicos. Magnífico complemento para unha reflexión menos emotiva é a lectura destoutro artigo de Fernando González Macías no que agoira o fracaso da fusión das caixas, o que para el danará moi seriamente as posibilidades de autogoberno futuro de Galicia.

Vaia panorama co que nos imos quedar!

Grazas a Imeneo por subir a gravación.