Artigos

Onte 1842: María Reimóndez, premio Xohana Torres de ensaio

Na gran mobilización feminista de onte en Vigo, (a maior dun 8 de marzo que recordo), tiven oportunidade de parabenizar a María Reimóndez polo premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual que viña de recoller en Compostela. Un recoñecemento da concellaría de Igualdade para o seu ensaio “Corpos exorbitantes, Rosalía de Castro, tradutora feminista, en diálogo con Erin Moure”, inserido na súa liña de investigación sobre feminismo, tradución e postcolonialismo, temas abordados na súa tese de doutoramento pola que recibiu o pasado mes de xaneiro o premio extraordinario de doutoramento da Universidade de Vigo. Incansable escritora, investigadora e activista, Reimóndez vai conformando dende diversos ámbitos unha das obras culturais e políticas máis estruturantes e decisivas da Galicia do noso tempo. Ás portas da publicación de dúas novas novelas, Corredora en Fóra de Xogo e a cuarta da serie “O ciclo dos elementos”, continúa incesante tecendo novos proxectos comprometidos co proxecto feminista e coa superación da discriminación de xénero como base de desenvolvemento perdurable.