Onte 2072: Paul McCartney en galego
Unha sorpresa das novidades de Xerais da reentrada da pandemia é Ei, superavó!, un álbum ilustrado por Kathryn Durst e escrito por Paul McCartney. O feito de que de este gran lanzamento infantil internacional do pasado outono de Puffin Books, editora do grupo Penguin Random House, apareza en galego recupera un espírito normalizador que convén non perder. Sen dúbida, o aparente interese do álbum, de edición coidada e formato XL, reside na autoría do beatle, avó de seis netos e probablemente o superavó do pop contemporáneo. Con todo, a pesar do convencional dunha aventura do avó que viaxa cos netiños por diversas paisaxes do planeta, chama a atención a utilización do compás máxico como procedemento narrativo de inequívoco sabor rodariano.
Destaca no álbum como Anaír Rodríguez anosou o texto de McCartney para o galego, utilizando unha fraseoloxía xenuína e unha escolla fonolóxica e léxica moi xeitosa. Benvido este álbum para prender no sono en galego, para contar en familia. Mágoa que non poidamos contar coa versión en audiolibro coa BSO do autor!