Artigos

Onte 1771: “Todo ser humano é un río” de Manuel Veiga

Todo_ser_humano_e_un_rio_27-10-2016

Presentamos no serán de onte na libraría Librouro de Vigo Todo ser humano é un río, a nova novela de Manuel Veiga. Presentou a obra o poeta Antonio García Teijeiro que a culificou de “novela río, da memoria, que mestura xéneros e rexistros sintácticos diferentes cunha brillantez enorme, unha verdadeira obra de arte”. Comezou Teijeiro o seu discurso referíndose á novela “como un xénero que ampliou horizontes, un xénero en movemento capaz de rachar muros e procurar intertextualidades, o que leva a resultados fascinantes como a novela que presentamos de Manuel Veiga, un autor que sempre creu na novela literaria”. Debullou a seguir o presentador as tres partes dunha novela “que funciona como un conxunto arredor da memoria, do paso do tempo e do seu devalar”. “Na primeira a protagonista é a montaña, os seus segredos e as súas xentes, mesturados con referencias históricas, literarias e artísticas coa intención de afondar na Galicia interior”. Na segunda, “refírese á familia do escritor, con especial relevancia para a nai, nun relato cálido, non exento de humor, ameno, anécdotas que dan sentido ao texto, case unha literatura oral que fascina, onde Monforte conforma un espazo físico e emocional”. “Nesta segunda parte atopamos poesía e xogo filosófico, toda a maxia e a solidez da escritura de Veiga.” “Na terceira, o autor ofrece a biografía do Pazo de Muíños de Antero e dos seus habitantes de varias xeracións”.

XG00249101Comezou Manuel Veiga expresando a súa gratitude a Xerais por acompañalo dende hai anos “nun proxeco literario que sei é un pouco raro”. Referiuse despois á importancia da ficción, “que non é simplemente unha representación da vida, non é un retrato é un engadido, froito da observación do artista dende un punto de vista propio”. Relatou Veiga como naceu a primeira parte do libro, os dous primeiros capítulos, “cando me arrastraton a un monte mítico, o Penagache, onde acabei descubrindo todo un mundo”. “A literatura nace das dúbidas, cóidome de non saber todo de nada, vou escribindo a medida que vou aprendendo, o mesmo proceso que propoño ao lector”.”En certa medida este é un libro de viaxes. Se ampliamos o concepto, toda a literatura é unha viaxe capaz de mudar a nosa percepción da vida, razón pola que é unha editorial sería tamén unha axencia de viaxes”. “No Penagache descubrimos moitas historias interesantes como a dos contrabandistas”.

A seguir falou Veiga da segunda parte referida a Monforte, “onde me restrinxín a rúa onde naceu miña nai e abordei algunhas das miñas obsesións de infancia como o medo aos cans rabiosos”. “O último capítulo, o titulado ‘Casa viaxiada’, referido ao pazo pode considerarse un texto autónomo. É descoñecido en Monforte, a pesar  que pertence ao casco urbano. é algo estraño”.Veiga salientou que a escrita da novela levouno a indagar sobre tres figuras: a dos desterrados (como os fillos de Largo Caballero en Monforte), a dos apartados (“aqueles que non eran afectos ao réxime, boa parte deles mestres republicanos que crearon academias privadas”) e os contrabandistas e estraperlistas con historias incribles. Rematou Veiga falando da relación entre os conceptos de campo e do moderno, “o que ten unha tradución na ficción e nas artes”.