Listado de la etiqueta: pellegrino

Campo do Fragoso CCXVII

PACIENCIA

Paciencia é a palabra que mellor representa o vivido polo Celta na actual tempada. Paciencia como a «calidade de quen sabe soportar as incomodidades sen se queixar» (primeira das acepcións do «Dicionario Xerais da Lingua»); mais tamén como a «calma para facer as cousas que requiren moita atención» (segunda das acepcións do mesmo dicionario). Paciencia para sufrir os meses de formación no fútbol europeo recibidos en Vigo por Antonio Mohamed, que coa excepción daquel partidazo co Atlético de Madrid, deixou ao Celta sen compás, unhas veces á deriva dos ventos regañóns e outras a mercede das xenialidades da súa dianteira premium. Xaora na rúa do Príncipe, e xa non foi sen tempo, recuperouse a mesura e dende hai menos dun mes a paciencia na circulación do balón é o que mellor identifica o xogo do Celta de Miguel Cardoso. Tras tres meses estragados, o cadro dos xogadores celestes volve ser un equipo que intepreta de forma solidaria unha pauta recoñecible, o que paseniño, paseniño, devolve ao celtismo aos territorios da confianza e da esperanza.

E abofé que no partido fronte ao difícil Leganés de Mauricio Pellegrino o Celta fixo un encomiable exercicio de disciplina e orde táctica, baseado nunha querenza obsesiva por atacar e defender cunha bóla que saía circulada sempre («sempre é sempre») dende as biqueiras de Rubén. Un Celta que recuperaba de forma teimosa a confianza nas posibilidades do seu xogo de toque, o «xogo de salón» que tanto gusta en Balaídos dende hai dúas décadas, mesmo a pesar das dificultades que supoñía tentar derrubar así os dous valados construídos polo adestrador arxentino para protexer o seu gardarredes. Mágoa que semellante empeño celeste, onde non faltaron nin as oportunidades claras de gol nin escintilacións de xogo de moitos estralos, se concretase apenas nun empate. Un resultado que soubo a pouco para os moitos méritos dun equipo liderado pola afouteza e calidade dos cinco canteiráns (Rubén, Mallo, Costas, Brais, Iago), indiscutibles no esquema do novo adestrador.

Tras máis dunha década de formación como técnico, asumindo distintas responsabilidades, Miguel Cardoso, de quen se di que posúe grande intelixencia emocional para empatizar co seu vestiario, sabe que o banco do Celta é unha oportunidade de ouro na súa traxectoria profesional. E polo que levamos visto en apenas catro partidos o de Trofa está disposto a non perdela e apostar con todas as consecuencias polas súas conviccións: un obsesivo perfeccionismo defensivo e o control da pelota como o mellor xeito de procurar as situacións de superioridade.

E abofé que no serán do venres o Celta abraiou aos visitantes cunha posesión do oitenta por cento, o que lle permitiu xerar media ducia de ocasións de gol desas de pé de banco, que só unha excelente actuación de Cuéllar e un chisco de mala fortuna impediron que chegasen a modificar a táboa de marcas. Como tamén foi sobresaliente o traballo defensivo de todo o cadro, a pesar dos dous remates envelenados de Em Nesyri, por fortuna moi ben chapados por Rubén. Un labor defensivo, que por segunda vez consecutiva consegue en Balaídos manter a porta a cero (un dos primeiros obxectivos de Cardoso), onde comezan a destacar a solvencia de Araújo e Okay, o venres incrustado entre os dous centrais, dous xogadores claves nesta nova etapa.

Con todo, sería inxusto rematar este comentario sen lembrar dous momentos inesquecibles do partido, dúas desas xogadas que definen ao fútbol como unha das Belas Artes emerxentes. Refírome á caneada de Boufal, transcorrido apenas un cuarto de hora, na que deitou na área a tres rivais e foi finalmente derrubado por Cuéllar cando xutaba. Un penalti que o VAR non quixo ver. Como na segunda parte foi inesquecible a cabezada de Maxi á cruceta, tras un centro excelente de Juncá, un remate de execución perfecta e dunha beleza superior. Dúas pezas que quedan para a lembranza dun partido no que de novo brillou Brais, liderando o xogo de ataque celeste, e no que Iago Aspas demostrou outra vez máis ser o xogador total, capaz de ofrecerse en calquera espazo da lameira. Con este cadro actual e coas conviccións e disciplina contaxiadas polo profesor Cardoso, penso que abonda cun chisco de paciencia para que o noso Celta prenda no corno da lúa.

Campo do Fragoso CXCII

preview_mPACIENCIA

Nun exercicio exemplar de paciencia o Celta de Eduardo Berizzo gañou pola mínima a un excelente Deportivo Alavés de Mauricio Pellegrino. Un gran gol no minuto 89, o primeiro de Nemanja Radoja coa camisola celeste, desbloqueou in extremis un partido moi igualado no que a disciplina dos vascos soubo incomodar moito aos célticos incapaces de superar tan complexo valado defensivo. Un partido onde Iago Aspas cedeu o seu brillo habitual a Wass, Mallo e Radoja, tamén os tres participantes no gol celeste, nacido dunha parede do internacional dinamarqués sobre o lateral de Marín, que dende a dereita centrou raso e potente, como a el máis lle presta, para que o serbio entrase coa pelota no medio da área, amagase, canease, superase a dous defensas e xutase dende o punto de penalti sobre as redes cunha tranquilidade e confianza asombrosas. Un gol soberbio, a guinda que lle faltaba a unha das estrelas máis emerxentes e luminosas do Celta actual.

Gañar o partido requeriu moito traballo. A primeira parte foi bastante sosa, xogada a maior parte arredor do círculo central, un campo de batalla do que o Celta saíu con superioridade en contadas ocasións. Fíxoo grazas á velocidade de Bongonda, capaz de provocar dúas amarelas aos seus defensores, e á afouteza de Aspas que nunha tarde, onde se lle notou un chisco cansado e recibiu unha severísima marcaxe dos seus defensores, dispuxo só de dúas oportunidades de gol, tras senllas asistencias de Daniel Wass, o enganche polo que onte pasou todo o perigo do Celta. Na primeira, apenas comezado o partido, o Mago de Moaña rematou sobre Pacheco. Na segunda, no trinta e oito, nacida tras un espectacular servizo de sesenta metros de Rubén, que Wass lle reenviou de tacón, só puido centrar procurando a presenza dun Guidetti que non chegou.

Tras a pausa, o partido mudou radicalmente cando foi expulsado Fedall, despois dunha dura entrada do central alavés sobre Iago. O Deportivo quedaba en inferioridade numérica, o que obrigou a Pellegrino a montar un grande valado defensivo, mais sen renunciar a accións esporádicas de contraataque. Con este novo escenario, os celestes monologaron coa súa posesión, pero en moi contadas ocasións foron capaces de superar aquel muro. A única oportunidade que lembramos foi unha estragada por Roncaglia, só diante do porteiro, tras un bo servizo de Guidetti, exhausto na súa pelexa a cara de can cos centrais visitantes. Porén, Berizzo non perdeu a paciencia. Fixo entrar na lameira a Jonny e a Rossi procurando intensificar o xogo asociativo polas bandas, procurando atopar dende alí os camiños do gol.

Unha presión celeste ben soportada polos de Pellegrino que se estiraron con moitísimo perigo nun par de oportunidades, sobre todo a protagonizada no 80 polo lateral francés Théo que correu dunha a outra área de forma sensacional, superando aos celestes que se lle puxeron por diante, e cuxo xute despexou de forma providencial Rubén por riba do longueiro. Xaora, foi Hugo Mallo quen mellor viu como furar o valado deportivista dende a dereita. Insistir e insistir era a receita de Berizzo dende a banda. Fíxoo o de Marín no 86 cun xute dende o recanto da área que bateu no poste longo. Recuncando, apenas dous minutos despois, cun centro raso co que Radoja fabricaría o gol da vitoria. No entanto, os visitantes estragaron nos minutos do desconto un saque de falta na media lúa viguesa, o que engadiu ao partido, se non as houbese, doses de emoción até o derradeiro asubío.

Outra vitoria celeste importante, a cuarta no que vai deste xaneiro, que sitúa aos de Berizzo, case no remate da primeira rolda, a carón das posicións europeas. Non cansaremos de expresar a nosa admiración polo devir desta campaña na que o Celta mantén as súas aspiracións nas tres competicións nas que participa.