Listado de la etiqueta: paco_martín

Onte 868: «A illa de todas as illas» en Lugo

As presentacións d’ A illa de todas as illas, o libro de Xabier DoCampo ilustrado por Xosé Cobas, están sendo unha oportunidade para que os membros da Xeración Lamote compartan angueiras arredor da causa da lectura. Mentres na Coruña foi Agustín Fernández Paz quen glosou o texto de DoCampo, onte na librería Biblos de Lugo foi Paco Martín quen o fixo, quedando Xavier Senín de facelo o 13 de febreiro na libraría Couceiro de Santiago.

Paco Martín leu un texto moi divertido e fermoso arredor do libro, no que acreditou unha «escrita limpa e directa, na que se nota a pegada do cine un dos amores do autor». Tras glosar a peripecia dos personaxes do relato e os libros citados, rematou resumindo que «as illas esquecidas son todas as que están nesta illa Navalleira, na que os protagonistas experimentan asombros descoñecidos, novos medos, saberán da esperanza e do retorno dunha viaxe iniciática da man de John Silver».

Pola súa banda, Xabier DoCampo, despois de expresar a súa satisfacción por poder compartir esta presentación con Paco Martín, confesou que o tema do libro é a lectura, os libros e a paixón de ler. «Este é un libro de libros, un libro dendrítico (como foi definido nun artigo por Xavier Queipo), un libro porta (como sinalou na presentación da Coruña Agustín), un libro que nos comunica con outros libros». Sinalou que «ler é encontrar nos libros o que hai de ti, o que os libros din de ti, ler é buscarse nos libros para saber o máis posible dun mesmo». Recontou, despois, os libros presentes na novela, dende A illa misteriosa, «a máis fermosa da snovelas de Verne, na que o capitán Nemo está sempre presente, a pesar que só aparece ao remate», Robinson Crusoe, «a novela que representa o simbolismo das illas e o concepto de civilización», pasando por O señor das moscas e A illa dos arroaces azuis, até A illa do tesouro. «Quero reivindicar o valor destas obras clásicas da literatura infantil e xuvenil, quero reivindicar que se lean, quero alertar que estas obras existen, que se as lemos é posible vivir nunha illa deserta, quero proporcionar un camiño para ler os libros e as películas baseadas nelas». Rematou DoCampo falando da súa colaboración co ilustrador Xosé Cobas: «buscamos unha obra conxunta, un libro común».

Onte 668: A experiencia dos nacionais da Xeración Lamote

Máis dun cento de participantes no curso de formación continua de LIJMI moito celebraron cos seus aplausos cada unha das intervencións de Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Paco Martín e Xabier DoCampo na mesa redonda sobre a súa experiencia como «premios nacionais» galegos de literatura infantil e xuvenil. En cadanseu parladoiro, os membros da Xeración Lamote (Xavier Senín estaba entre o público) expresaron con moita ironía o chimpo de xigante que supuxo para a nosa incipiente LIX a concesión de tan importantes recoñecementos que a cada un deles, sen excepción, pillou por sorpresa (e traballando na escola). En tardes tan divertidas (e emocionantes) como as de onte, comprobamos a xenerosidade e grandeza destas catro persoas amigas capaces de forxar un éxito colectivo (para a nosa lingua e cultura literaria) e continuar sentíndose partícipes e corresponsables dunha tarefa inacabada nas súas angueiras vitais como educadores, escritores e militantes do idioma. Unha marabilla, a dos mestres da Xeración Lamote!

Beizón, á parte, merece a profesora Blanca Roig e o seu equipo de LIJMI capaces de consolidar (e mesmo ampliar agora ao ámbito iberoamericano) este espazo formativo e a publicación anual que recolle os seus contidos (xa son nove os volumes editados). É de xustiza salientar que grazas ao esforzo deste equipo de investigadoras, Galicia é, tamén, unha referencia no eido da investigación e mediación sobre as literaturas infantís e xuvenís.

Onte 619: Das Cousas de Xoán Balboa

O amigo Xoán Ramiro Cuba, responsable do Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, agasalloume un exemplar de Das Cousas de Xoán Balboa, un magnífico catálogo da mostra antolóxica sobre a obra do ilustrador, esmaltista, e fotógrafo lucense falecido en 2009. Vinculado profesionalmente como restaurador ao Museo Provincial de Lugo, Balboa ilustrou trinta libros, a maior parte de autores lucenses, como Paco Martín, Darío Xohán Cabana ou Lois Diéguez. No obstante, como ilustrador quedará para sempre na miña memoria como a man que lle puxo cara e ollos frontais (e tamén pombas) a Ramón Lamote, ese xenial profesor de chairego e debuxante de soños co que Paco Martín fundou a nosa actual literatura infantil e xuvenil. Pola súa banda, Balboa contribuíu a fundar a ilustración galega contemporánea, tanto por este traballo alboral (1985) coma polo que realizou entre 1974 e 1975, tamén ao carón de Paco Martín e Ulises Sarry, para aquel soño que foi Axóuxere. Semanario do neno galego, o suplemento infantil de La Región. Como tamén axudou, moi ao comezo dos anos setenta, á renovación do portadismo editorial galego con algunhas capas (de fasquía popeira) de Ediciones Celta de Lugo. Agardo que na nosa historia da edición galega do século XX, aínda por facer, figuras como Xoán Balboa sexan valoradas coa relevancia que merecen. Non hai dúbida que este ilustrador que «soñou pombas lixeiras, cálidas, co esperanza de aniñasen nos corazóns mozos» (palabras do seu amigo Paco Martín) debe ser incluído dentro da Xeración Lamote. Das Cousas de Xoán Balboa é un catálogo que moito merece a pena gardar na biblioteca.

Onte 508: #DoutorAgustin

Para todos os amigos de Agustín Fernández Paz foi unha fachenda tremenda acompañalo no seu acto de investidura como Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo. Sabiamos que non era outra homenaxe máis das recibidas nos últimos anos polo autor de Contos por palabras. Tratábase do seu recoñecemento institucional como educador, como mestre de mestres, probablemente tamén o recoñecemento implícito o labor da súa xeración –á que Henrique Costas na súa magnífica laudatio definíu como «Xeración de mestres narradores», á que tamén temos bautizado  aquí como «Xeración Lamote (da que forma parte xunto a Xabier DoCampo, Paco Martín, Fina Casalderrey e Xavier Senín»– na creación e pulo da literatura infantil e xuvenil en galego. Tratábase, ademais, como tamén salientou Costas, de recoñecer no #DoutorAgustin un «exemplo de ética coa Terra A Nosa e coa Terra enteira», ese compromiso que o novo doutor definiu no seu discurso como «o trazo máis característico da cultura galega, o de ser célula de universalidade, a vontade de sermos unha peza máis no mosaico mundial das culturas; a conciencia de que só se pode ser universal desde a asunción das propias raíces». Agustín artellou a súa maxistral intervención sobre o eixo de seis lembranzas e unha narración. Tempo haberá de lela e gozala devagariño como merece. Adianto tres parágrafos anotados na libreta que me pareceron marcantes.

Primeira: «A min, non só como cidadán, non só como o docente que fun durante tantos anos, non só como escritor en galego, esta realidade máncame no máis íntimo [referíase á política lingüística]. Que difícil é construír, canto traballo leva conseguir avances, e que doado e rápido resulta o labor de demolición!» .

Segunda: «Ás veces un sente a tentación de, como o protagonista d’A mirada de Ulises, o lúcido filme de Theo Angelopoulos, brindar «Polas esperanzas rotas. Polo mundo que non cambiou a pesar dos nosos soños». Mais, como a que movía a Penélope e finalmente se viu cumprida coa arribada de Ulises ás ribeiras de Ítaca, os azos e a esperanza no futuro camiñan sempre canda nós».

Terceira: «Escribir como un acto de rebeldía, como un acto de amor. Escribir co desexo intenso de crear algo que antes non existía. Escribir coa mesma entrega con que meu pai facía unha mesa ou un armario. E ser consciente de que «aramos sobre os mortos desta terra», de que a nosa escrita se alimenta da dos autores que nos precederon, primeiro dos que escribiron na miña lingua, mais tamén dos de toda a literatura universal. O saber que vén de lonxe pasa a través de min, de nós, e proxéctase no futuro».

Compromiso, esperanza, amor tres palabras das grandes para un discurso memorable.