Listado de la etiqueta: ourense

Onte 709: Arde Ourense

Tras a fin de semana na que os lumes asediaron Vilamarín, onte atacaron as parroquias de Velle e a Lonia, ao pé mesmo da cidade de Ourense. Horas dramáticas para unha veciñanza que impotente ve en perigo as súas casas e eidos, exhausta de combater un inimigo tan rabudo e perigoso coma o lume. Por máis voltas que lle deamos, a solución á desfeita dos incendios forestais no está só en culpabilizar e perseguir aos insensatos incendiarios da «industria do lume». A sociedade galega no seu conxunto, Galicia como entidade política, ten que enfrontarse de vez con esta lacra, a que non poden ser alleas nin a actual xestión dos recursos forestais nin o abandono que sofre o medio rural. Cómpre un grande pacto (social e político) contra o lume, inserido nunha política territorial e agroforestal estratéxica revitalizadora do medio rural. Temo que se non se acomete con urxencia e determinación, continuaremos estremecéndonos cada verán cos lumes dun territorio cada vez máis devastado e desértico. Neste combate contra o lume, vainos, tamén, o futuro coma país.

Onte 553: Reigosa en Ourense

Acompañamos a Carlos Reigosa en Ourense na súa participación no Foro La Región onde conversou co profesor Chema Paz Gago sobre A vitoria do perdedor. Comezou o profesor da Universidade da Coruña preguntándolle a Reigosa sobre se na súa escrita dominaba máis o xornalismo ou a literatura. «O xornalismo foi unha beizón para min porque tiven a oportunidade de contar cousas e de entrevistar a persoas que me interesaban», contestou, para proseguir citando unha frase de Hemingway, «o xornalismo é a mellor profesión do mundo, sempre que se abandone a tempo». «En trinta e sete anos de profesión intentei aproveitar o tempo, defendendo como puiden a pulsión literaria».

Preguntado sobre a súa relación cos personaxes de Nivardo Castro e Carlos Conde, protagonistas da súa serie do xénero negro, Reigosa confesou que con eles se sentía cómodo «xa que me permiten ser “abrelatas” para abordar un tema, sexa o narcotráfico ou a corrupción». «Non acredito, sen embargo, na definición do xénero, son novelas de intrigas, pero non negras». Porén, asegurou que nos seus libros de investigación sobre os maquis pretendeu «facer unhas minibiografías de cada un dos personaxes, o máis fidedignas e documentais posibles». «Nesta novela [A vitoria do perdedor] o personaxe principal é de ficción, mais todo o contexto histórico é completamente real». Abordou despois a cuestión sobre a clase de historia desta novela: «Quixen contar como os procesos de violencia non son controlables. Non a escribiría nunca se non tivese unha gran preocupación pola violencia. Busquei un personaxe que tivese apenas dúas opcións: marcharse ou converterse nun vingador. Esa é a grande dúbida que paira sobre toda a obra. Non hai dúbida que a violencia para o meu personaxe é unha espiral dramática que afectou a toda a súa vida».

Rematou a conversa, na que se abordou tamén a cuestión do ingrediente amoroso e erótico da novela («o erotismo é unha cuestión marxinal sobre o que quería contar»), anunciando Reigosa a súa intención de publicar o seu primeiro libro de poemas antes de fin deste ano, para o que baralla tres posibles títulos Kid salvaxe, Nunca deixarei de ser o que non son e A vida non é lugar para estar morto.

Onte 511: Co Capitán Aspanitas en Ourense

Volvemos a Ourense para desta volta participar na presentación d’ O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, a máis recente novela infantil de Ramón Caride ilustrada por Jaime Asensi. A obra naceu do personaxe do Capitán Aspanitas creado pola asociación Aspanas e a empresa de economía social Aspanas Termal S.L., na que traballan máis dun centenar de persoas con discapacidade. A coincidencia desta presentación (á que asistiron case dúascentas persoas) co Día Escolar da Non Violencia e pola Paz foi moi afortunada, xa que este superheroe ourensán encarna os valores da paz, a tolerancia, a solidariedade que se celebran nesta xornada que tanto animou o noso lembrado Suso Jares. Aspanitas (quizais mellor sería Aspaniñas, como propón o Carrabouxo) combate a inxustiza e as agresións ao medio ambiente alí onde se produzan. Un personaxe afouto personaxe infantil moi necesario en tempos de catástrofe moral coma os que hoxe vivimos. “Todos somos capitáns, compañeiros de lugar, coma nós…”, eis o retrouso do himno emocionante de Magín Blanco, que cantou na presentación acompañado por Tonhito de Poi. Unha presentación excelente para un libro e un proxecto de empresa de economía social que merece apoio e recoñecemento.

Onte 468: Os alicientes de Rivas

Acompañamos a Rivas en Ourense. Primeiro asinou exemplares na renovada Libraría Torga, hoxe tamén café e tenda de comercio xusto, despois realizou unha lectura d’ As voces baixas no salón noble do Liceo. Como é adoito, Rivas miniou coa paciencia e a habilidade do artesán os seus alicientes (así chaman en México ás asinaturas de libros), onde singulariza cada un dos exemplares. Unha marabilla!

Nas palabras limiares da súa lectura no Liceo, Rivas confesou a importancia que tivo a súa nai no nacemento d’ As voces baixas. Referíuse a ese xogo no que todos participamos algunha vez no que pretendemos identificar cal foi a nosa primeira lembranza: “Que é o primeiro que lembramos? Que hai nesa cámara escura, estenopeica capaz de captar a luz da primeira lembranza, desa faísca, desa epifanía, o primeiro recordo?” “No meu caso ese recordo é o primeiro medo. Mais nesa lembranza hai un detalle definitivo, imprescindible para que nacese este libro. Unha lembranza daquela frase que pronunciou a miña nai: ‘Eran os dous xigantes cabezudos. Isabel e Fernando. Os Reis Católicos’. Aí foi onde vin por vez primeira a boca da literatura. Unha construción moi sutil, nacida do imprevisible, do máis insospeitado. unha frase que na súa sinxeleza une o terror e o exconxuro por medio da ironía e do humor. Nesta herdanza de agasallo que fixo a miña nai, coido que está a cerna deste libro, a cerna da literatura, ese urdido de humor e dor, esa alquimia fundamental da linguaxe literaria”.

Hoxe Rivas estará en Pontevedra, primeiro, ás 18:00 horas, nunha asinatura na Libraría Cronopios e ás 20:00 horas na lectura que  no Salón de Actos do Sexto Edificio do Museo organizou o Ateneo de Pontevedra.

Onte 380: Un Rolex

É abondo estraño que despois de case tres días coñezamos tan poucos pormenores do caso Pokemon, sobre todo do contido das imputacións que a xuíza Pilar de Lara realizou a Francisco Rodríguez, o alcalde socialista de Ourense. Semella que a cerna pode estar nun Rolex de ouro que os directivos de Vendex afirman terlle agasallado. Esta imputación é un prexuízo político moi serio para o PSdeG-PSOE, ás portas do inicio da campaña electoral, sendo moi probable a inminente demisión de Rodríguez. Non obstante, o calendario da operación, a espectacularidade das detencións, mesmo o contido (coñecido) das imputacións, a un mes da celebración dunhas eleccións de probable resultado axustado, abren a porta a toda clase de hipóteses. Ourense, sitio distinto.