Artigos

Onte 1645: «O volframio en Varilongo», memorable presentación en Santa Comba

XG00255701Non podemos definir máis que como emocionante e memorable o sucedido onte no Salón Multiusos de Santa Comba durante a presentación do libro de Carmen Banco Ramos O volframio en Varilongo. Contei até 246 as persoas que seguiron as intervencións da autora e do profesor Alonso Montero sobre unha obra que reconstrúe de forma detallada e minuciosa, empregando as ferramentas da investigación social, a memoria de dúas décadas da máis importante mina de volframio da Terra de Xallas. Un acto no que o presidente da Academia Galega salientou a importancia estratéxica deste ouro negro que convertiu durante uns poucos anos a algunhas comarcas galegas en novas Californias. Un libro que a autora arraizou na súa memoria familiar e no que agradeceu as testemuñas orais de vinte e tres informantes, a partir das que se reconstruíu un relato, onde se utilizaron tamén as fontes documentais dispoñibles. O momento máis emocionante do serán produciuse durante a intervención de tres mulleres que interpretaron as trece «Cantareas de Varilongo» recuperadas no libro. Inesquecible e valioso.