Artigos

Onte 741: A granel

Aproveitamos a viaxe a Pontevedra para descubrir algunhas novidades na Libraría Paz. Mercamos o último de Nesbo en inglés e Mi libro de horas, outra entrega dos gravados de Frans Masereel, prologada por Thomas Mann, publicado por Nórdica (tempo haberá aquí de reseñar esoutra marabilla). Porén, a sorpresa do serán, ademais da orballada, foi descubir «O Graneiro de Amelia», unha tenda de fariñas e sémolas, grans e legumes, pastas artesáns, especies, prebes, verduras deshidratadas, leite fresco, queixos e outros produtos a granel. Un novo concepto de tenda de autoservizo e de calidade, na que se eliminan case totalmente os envases, e na que se ofrece unha sorprendente diversidade de produtos naturais, sobre todo de variedades de fariñas e arroces. Alí lembrei decontado o arrecendo daqueles sacos de legumes da tenda de Gloria da miña infancia, onde se mercaban en cartuchos (como nesta tenda pontevedresa) as lentellas, os garavanzos ou a fariña. Desque abriu hai apenas vinte días, os cartuchos do graneiro de Amelia son outra razón máis para ruar por Pontevedra, sen sucumbir ás docerías e a súa larpeira torta rusa. Na foto aparece o resultado dos nosos cartuchos.