Artigos

Onte 568: «Noite e brétema» de Alain Resnais

Esta película documental (32 minutos) do bretón Alain Resnais sobre a deportación e exterminio nos campos nazi é proxectada decote nas clases de Troisième (curso equivalente a 4º de ESO) dos collèges franceses para ilustrar o tema da Segunda Guerra Mundial e o nazismo.

Realizada en 1955, en plena guerra fría, a partir de material de arquivo, esta alfaia do primeiro Resnais (filmada catro anos antes da súa primeira longametraxe, Hiroshima mon amour), constituíu dende entón un muro contra o esquecemento e un alerta dos riscos da banalización do racismo e de calquera forma de totalitarismo. O monólogo poético de Jean Cayrol, supervivente de Mauthausen, locutado por Michel Bouquet, achégalle ao filme grande dramatismo, desvelando (dende o propio título) o veo de silencio que sobre estas atrocidades foron tecendo as autoridades alemás.

As imaxes son brutais, inesquecibles, mostra da faciana máis nefasta da condición humana. As secuencias finais, nas que se citan os famosos «nove millóns de mortos» (unha cifra estimada hoxe entre os cinco e os seis millóns de vítimas do exterminio), apelan á responsabilidade colectiva, non só da sociedade alemá, tamén do conxunto da humanidade con respecto ás atrocidades nazis. «Quen é responsable?» é a pregunta que fai Resnais nesta peza memorable. «A guerra adormece cun ollo sempre aberto. Quen de nós vixía desde ese estraño outeiro para advertir da chegada de novos verdugos?» é outra pregunta fulcral coa que remata este chamamento á cidadanía a construír a memoria e a manterse á espreita fronte calquera forma de totalitarismo. Noite e brétema non perdeu interese. Constitúe un excelente recurso didáctico e de formación cidadá.