Listado de la etiqueta: millán_picouto

Onte 818: Un libro con invención e encanto

Coma sucedera o venres no Carballiño, a presentación do libro de Bautista Álvarez, Retallos daquela infancia, na Libraría Torga de Ourense resultou moi interesante. Desta volta foi o escritor Millán Picouto o chufador dunha obra que de comezo cualificou de «lectura deliciosa». «Retallos daquela infancia é un libro de ambición totalmente lograda, froito dun narrador natural, un mestre da digresión, capaz de volver sempre ao rego, que lle quere ao que escribe». «Estamos diante dun artista -continuou– que usa a lingua galega con estilo, con intensidade no dicir. O seu realismo moi vigoroso emparéntao con narradores coma Álvaro Cunqueiro e Xosé Neira Vilas.» Referiuse despois Picouto ao humor presente nunhas páxinas «onde a burla é sempre compasiva», «onde todos os personaxes, moi numerosos, son tratados con compaixón». «O xeito de contar de Bautista semella sinxelo, mais non o é. Toda a prosa está moi traballada. Satiriza con trazos de enxeño, nun exercicio de ironíá continua para conseguir interese e amenidade». Rematou Picouto a súa delicia de forma rotunda: «Bautista Álvarez conquista con este libro a súa terra natal, devólvea ben contada, con encanto e capacidade para atraernos. Un libro que ten invención e encanto». Pola súa banda, Bautista Álvarez comezou confesando a súa admiración por Camilo Castelo Branco, «de quen lin todas as súas novelas», e aconsellando «ler máis en portugués». Salientou despois a súa intención de situar este seu libro de relatos «fóra da Nova Narrativa Galega que utilizaron os membros da miña xeración, a Brais Pinto». Demorouse logo Bautista nun emocionante e irónico relato arredor das mudanzas que nas aldeas galegas se produciron nos sesenta últimos anos: «No meu libro falo dun mundo practicamente desaparecido», concluíu, entre os aplausos das persoas que encheron Torga.