Listado de la etiqueta: marisa_barreiro

Onte 2046: Antía Yáñez, Premio Agustín 2019

Viaxamos onte a Vilalba para participar, xunto a Rosa Aneiros e Xavier Senín, no xurado da terceira edición do Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, convocado polo IESCHA e o concello de Vilalba, coa colaboración de Xerais.

Entre as dez obras presentadas escollemos como gañadora por unanimidade a presentada como «Plan de rescate», que unha vez aberta a plica resultou ser da escritora mariñá Antía Yáñez Rodríguez. Unha novela infantil, narrada por unha rapaza de dez anos en cadeira de rodas e protagonizada por ela xunto aos seus  outros tres compañeiros e compañeiras da aula de PT, que asumen a responsabilidade de liberar ao alumnado e profesorado recluído no comedor do centro.

Chea de humor e ironía, así como construída con situacións de intriga logradas, esta aventura transformará unha escola primaria nun espazo para unha operación de rescate na que cada unha destas persoas con capacidades diversas contribuirá a un afán compartido. Cunha voz en primeira persoa crible e engaiolante, este texto moi orixinal e atrevido propón ao lectorado novo unha reflexión sobre a diferenza e a inclusión.

Magnífico, pois, este terceiro premio AFP, que se une aos que con anterioridade obtiveran as escritoras María Reimondez e Rosa Aneiros. Parabéns a Antía Yáñez, escritora formada como lectora cos libros do mestre Agustín, que sen dúbida, con Plan de rescate consolidará a súa excelente traxectoria.

Na fotografía, Tita Fernández Paz abre a plica da obra gañadora en presenza de Rosa Aneiros e Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.

 

Onte 2012: Rosa Aneiros recibiu o premio Agustín

Resultou onte memorable en Vilalba a cerimonia de entrega a Rosa Aneiros do IIª Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade. Emocionantes, moi emocionantes, foron as palabras de aceptación da autora de Tres bichicomas, dúas illas e unha serea, lembrando as viaxes que compartira co mestre Agustín en Brasil e na FIL de Guadalajara e reivindicando o espírito das Oito doas para San Simón, aquel discurso extraordinario que pronunciara hai unha década na cerimonia dos Premios Xerais. Como tamén foi emotiva a reivindicación da obra de Agustín que fixo alumnado do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba nunha peza audiovisual,  Todas somos Agustín,  que pola súa calidade e eficacia merece ser compartida pola rede de Bibliotecas Escolares de Galicia. Como potentes foron as intervencións de Fran Alonso, director de Xerais, Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA, e de Agustín Baamonde, alcalde de Vilalba, en representación das tres entidades promotoras dun premio nacido en man común para pór en valor o legado literario de AFP e activar anualmente o movemento agustinista.

Onte 1925: María Reimóndez, Premio Agustín Fernández Paz 2017

Tras varios meses de lectura, onte fixemos público en Villaba o ditame do Iº Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade que convocan o IESCHA e o concello de Vilalba coa colaboración de Xerais. E abofé que non foi doado escoller entre as vinte e tres obras participantes, entre as que había media ducia que suscitaron o interese das persoas que conformamos o xurado, Marica Campo, Xabier DoCampo e eu mesmo. Tras darlle algunhas voltas quedaron tres novelas, entre as que escollemos por unanimidade como gañadora á que tiña como lema «Superheroes» e por título Fóra do normal. Tras redactar a acta na que destacamos a calidade das outras dúas finalistas, as presentadas baixos os lemas «Po estelar» e «Guntur», convidamos a Tita Fernández Paz, a irmá de Agustín, a que abrise a plica e desvelase a autoría da obra gañadora, que resultou ser de María Reimóndez. Un momento emocionante, como o foi tamén a chamada telefónica que fixo Marisa Barreiro, a presidenta do IESCHA, á gañadora para comunicarlle a decisión do xurado, o que conmocionou a Reimóndez, que así ficará unida para sempre co nome de Agustín Fernández Paz, a quen dedica a súa máis recente novela, As cousas que nons queremos oír, chegada ese mesmo día do prelo, obra localizada en Vilalba. Eis esas coincidencias fortuítas que atribuímos á providencia laica.

Na acta destacamos algúns dos valores de Fóra do normal, unha excelente novela xuvenil de temática trans, localizada nuns Instituto de Teis e protagonizada por catro personaxes moi distintos que non encaixan até que se atopan. Estruturada en catro capítulos, cada un deles homenaxea a un superheroe da banda deseñada (Superman, Batman, A muller marabilla e Patrulla X), que contribúe tanto á comprensión do mundo dos protagonistas (André, Mucha, Martín e Xela) como á hora da superación dos conflitos que abordan. Fóra do normal pretende responder a unha pregunta de resposta complexa: “Que facer cando vives nunha sociedade na que es diferente e na que non queren aceptarte?” Na heroicidade de resistir e na creación dunha rede de afectos entre persoas que non teñan medo de ser o que son contra vento e marea, están algunhas das respostas que o lectorado atopará. Un gran inicio para un Premio de NIX que pretende manter aceso o lume da igualdade que prendeu o mestre Agustín nos seus libros. Parabéns, María!