Listado de la etiqueta: maría_xesús_nogueira

Onte 2133: «Xela Arias. Os territorios da liberdade», a biografía de María Xesús Nogueira

A profesora da USC e crítica literaria María Xesús Nogueira, editora da Poesía reunida (1982-2003) de Xela Arias (Xerais 2018), é autora de dúas da semblanzas literarias máis completas da autora homenaxeada este 17 de maio: a incluída nesa decisiva recompilación poética e as (auto)rreferencias e contornas que introducen e pechan os textos da antoloxía Xela Arias. De certo, a vida ía en serio (Chan da Pólvora 2021) que ela tamén escolleu. Dous textos moi influíntes na documentación didáctica e informativa da homenaxe a Xela Arias aos que habería que engadir as numerosas entrevistas e conversas nas que participou nos últimos meses, singularmente as publicadas nos monográficos das revistas Luzes e Tempos novos e as da serie documental A palabra esgazada, nas que con rigor documental, afán didáctico e compromiso feminista Nogueira perfila o retrato dunha escritora activista, implicada nos movementos sociais e artísticos do seu tempo que escolleu a independencia como primeira regra vital e procurou os territorios da liberdade.

Retrato que agora desenvolve con maior amplitude no libro Xela Arias. Os territorios da liberdade (Xerais 2021), a biografía literaria referencial e divulgativa da autora das Letras Galegas 2021. E faino reconstruíndo a voz de Xela Arias a partir das entrevistas, autopoéticas, conferencias e outros textos escritos por ela en primeira persoa, ao tempo que a vai enfiando con versos e outras prosas, especialmente as dos días de infancia, recollidas en Non te amola! (Galaxia 2021). Un arriscado exercicio de prosa autoficcional, resolto por Nogueira con mestría e contención, que traza un retrato humano e literario veraz de Xela Arias, fuxindo tanto dos perigos haxiográficos das vidas de galeguistas exemplares, un clásico no xénero, como do reconto de feitos cronolóxicos e anécdotas das amizades.  Como particular interese ten a lectura integral da obra poética de Arias no seu contexto persoal, xeracional e político, que axuda a entender o carácter transgresor e pioneiro da poeta, editora, tradutora e profesora viguesa.

Parabéns a Chus Nogueira por texto tan traballado e logrado como polas súas incansables e xenerosas achegas que contribúen de forma decisiva á recuperación da figura da escritora Xela Arias. Recomendo moi vivamente.

Onte 2116: #XelaArias2021

Desde o día de aninovo veño publicando diariamente no perfil de Twitter chíos e fíos arredor da figura e da obra de Xela Arias coa intención de contribuír a dinamizar a celebración do vindeiro 17 de maio. Utilizando o cancelo #XelaArias2021 e o espírito colaborativo da rede pretendo ir perfilando durante uns meses unha sinxela biografía virtual con apoio fotográfico, videográfico e musical da escritora viguesa, así como unha escolma da súa obra poética, sobre todo da que permaneceu dispersa en xornais e revistas, reunida pola profesora María Xesús Nogueira na súa magnífica edición Xela Arias. Poesía reunida (1982-2004).

Ademais, considero útil que baixo este cancelo #XelaArias2021 se poidan ir etiquetando os recursos didácticos (impresos, dixitais, audiovisuais) que vaian aparecendo nos vindeiros meses, así como visibilizando as actividades e iniciativas xelísticas. Insisto no espírito colaborativo dunha proposta concibida como tarefa compartida. Roubándolle un verso esencial a Xela, propoño que fagamos «a espiral continua, sinuosa, delicada e interminable…»

Onte 2108: Comeza o ano #Xela Arias2021

Dediquei a tarde do día dos Manueles a ler Ulcis, o libro de relatos póstumo de Xosé Fernández Ferreiro, e a reunir a obra de Xela Arias da biblioteca, un fondo moi apreciable (16 títulos, sen contar a súa participación en obras colectivas. Tempo haberá de ir debullando ao longo do ano cada un destes libros, tanto os catro de poemas, como da súa extensa biblioteca de obra traducida, como da narrativa e ensaística aínda por descubrir.

Por ventura, contamos xa no inicio deste ano #XelaArias2021 (propoño utilizar este cancelo) de dous piares para unha celebración literaria de altura: a edición da Poesía reunida (1982-2004) (Xerais 2018), preparada pola profesora María Xesús Nogueira Pereira, e o libro homenaxe Xela Arias. Quedas en nós (Xerais 2004), publicado no pouso dos afectos un ano despois do seu pasamento, onde ademais dos 50 textos elexíacos das amizades se recolle unha achega biobliográfica, «Un día tiven desexos e cumprinos», preparada polo seu pai Valentín Arias, sen dúbida, o fío máis rigoroso e documentado da peripecia vital e literaria da autora.

Ao longo das vindeiras semanas iremos debullando estas páxinas para contribuír a unha celebración que intuímos pode contribuír a reinventar a efeméride do dezasete e a recuperar o interese pola ampla obra literaria dunha figura extraordinaria.