Onte 2133: «Xela Arias. Os territorios da liberdade», a biografía de María Xesús Nogueira
A profesora da USC e crítica literaria María Xesús Nogueira, editora da Poesía reunida (1982-2003) de Xela Arias (Xerais 2018), é autora de dúas da semblanzas literarias máis completas da autora homenaxeada este 17 de maio: a incluída nesa decisiva recompilación poética e as (auto)rreferencias e contornas que introducen e pechan os textos da antoloxía Xela Arias. De certo, a vida ía en serio (Chan da Pólvora 2021) que ela tamén escolleu. Dous textos moi influíntes na documentación didáctica e informativa da homenaxe a Xela Arias aos que habería que engadir as numerosas entrevistas e conversas nas que participou nos últimos meses, singularmente as publicadas nos monográficos das revistas Luzes e Tempos novos e as da serie documental A palabra esgazada, nas que con rigor documental, afán didáctico e compromiso feminista Nogueira perfila o retrato dunha escritora activista, implicada nos movementos sociais e artísticos do seu tempo que escolleu a independencia como primeira regra vital e procurou os territorios da liberdade.
Retrato que agora desenvolve con maior amplitude no libro Xela Arias. Os territorios da liberdade (Xerais 2021), a biografía literaria referencial e divulgativa da autora das Letras Galegas 2021. E faino reconstruíndo a voz de Xela Arias a partir das entrevistas, autopoéticas, conferencias e outros textos escritos por ela en primeira persoa, ao tempo que a vai enfiando con versos e outras prosas, especialmente as dos días de infancia, recollidas en Non te amola! (Galaxia 2021). Un arriscado exercicio de prosa autoficcional, resolto por Nogueira con mestría e contención, que traza un retrato humano e literario veraz de Xela Arias, fuxindo tanto dos perigos haxiográficos das vidas de galeguistas exemplares, un clásico no xénero, como do reconto de feitos cronolóxicos e anécdotas das amizades. Como particular interese ten a lectura integral da obra poética de Arias no seu contexto persoal, xeracional e político, que axuda a entender o carácter transgresor e pioneiro da poeta, editora, tradutora e profesora viguesa.
Parabéns a Chus Nogueira por texto tan traballado e logrado como polas súas incansables e xenerosas achegas que contribúen de forma decisiva á recuperación da figura da escritora Xela Arias. Recomendo moi vivamente.