Onte 2044: «Lúa en Ningures» de Beatriz Maceda
Estes días de vergonzosa peregrinaxe do Open Arms pola costa de Lampedusa, volvín ler Lúa en Ningures, a estremecedora novela infantil de Beatriz Maceda, ilustrada por Laura Veleiro. Na tradición de narrativa antibelicista galega de obras como Valados (Xerais 2009) de Agustín Fernández Paz ou O valo de Carlos Labraña (Xerais 2017), como do libro libro antolóxico Educación e paz III. Literatura galega pola paz (Xerais 2008), coordinado polo inesquecible Suso Jares, Beatriz Maceda ofrece unha narración plena de matices sobre a problemática das persoas refuxiadas en tempo de guerra e, en xeral, das migracións no tempo actual. Sen acudir a localización xeográfica ningunha nin a referenciar conflitos bélicos concretos, Maceda afonda no estrañamento e na tráxica precariedade na que son obrigadas a vivir oito mil persoas refuxiadas, boa parte delas menores, en Ningures, un campo internacional xestionado por unha ONG.
Vidas esnaquizadas, como as da familia de Lúa, a rapaciña narradora, obrigada a abandonar o fogar con apenas tres cousas, a súa caixa de pintura, unha edición d’ O principiño e o paquete que lle metera o seu avó no peto. Vidas para as que non semella existir a esperanza, que non contan con nada ao que poder regresar, vítimas doadas para as infeccións e para as penalidades de veráns e invernos severos, mais que sen embargo serán capaces de reconstruírse mercede os vimbios solidarios das palabras como «solidariedade» e «dignidade» que vividas alí poden adquirir un significado grande, que era imposible abarcar coa vista. Vidas que poden volver enxergar as estrelas grazas á lectura, as artes da ilustración ou da propia edición de libros cartoneiros.
Fronte á desolación de vidas rotas, na máis xenuína tradición exuperyana, Maceda conta a ledicia e a esperanza posibles, para o que se vale dun monllo de fragmentos aprendidos por Lúa de memoria d’ O principiño, libro co que dialoga de forma tan natural como deliciosa: «O que embelece o deserto é que esconde un pozo en calquera parte». Lúa en Ningures é unha novela pioneira na literatura infantil galega, tanto pola súa temática política como pola súa proposta artística, presente tanto no texto de Maceda como nas magníficas ilustracións de Laura Veleiro.
A centralidade do valor da narrativa debuxada como xeito universal de contar ou da expresión do graffiti presentes no texto insírese na atmosfera visual creada por unhas ilustracións cuxos fondos xeométricos proporcionan á obra un contexto alternativo, homenaxeando á cultura mediterránea e ás novas expresións das artes urbanas. Obra moi a ter en conta en calquera catálogo de lecturas inclusivas e de educación para a paz, non pode faltar en ningunha das nosas bibliotecas escolares. Parabéns a Beatriz Maceda e Laura Veleiro por libro tan valioso.