Artigos

Onte 1360: «A neve interminable»

a_neve_interminable_18-06-2015

Nun serán moi caloroso nas Rías Baixas presentamos onte na Casa do Libro de Vigo A neve interminable, a máis recente novela de misterio de Agustín Fernández Paz. Ao comezo da conversa que mantivo con Ledicia Costas, Agustín salientou a importancia decisiva da estrutura da narración, «a andamiaxe que a sostén»: «Neste libro quería que a historia que nuclease todo tivese forza, aínda que son consciente de que ten menos da que podería ter. Quedei con ganas de contar a historia de Abraham, ese cazador de estriboi, os vampiros da mitoloxía búlgara. Mais non o fixen a mantenta, xa que quixen que non se me escapase a estrutura.

XG00234401A conversa centrouse arredor daquela noite do 19 de xuño de 1816, aquel ano sen verán en Europa, hai 199 anos e un día, na que se reuniron ao pé dun lago suízo cinco persoas, Mary Wollstonecraft, Claire Clairmont, os poetas Shelley e Lord Byron, e o médico Polidori, asumindo o reto de escribir un relato de medo. «Nesa noite naceu o xénero de terror. A resultas diso naceu o Frankenstein de Mary Shelley, o Vampiro de Polidori, xénese do Drácula de Stoker e o poema «Escuridade» de Lord Byron. Rememoro aquela noite no libro, reunindo a cinco guionistas de televisión que asumen cada unha a responsabilidade de escribir cadansúa historia para a serie As fronteiras do medo.» Agustín confesou que tamén bebera de Lovecraft e da fascinación que sempre lle produciu a lectura de Drácula. «Son contadísimos os relatos de terror nos que non se utilizan a primeira persoa, xa que permite falar dende a sua experiencia e mesturar a realidade coas súas sensacións, ao tempo que crear esas vinculacións que provoquen o estourido final.»

Onte 1291: «A neve interminable» de Agustín Fernández Paz

CCPyWVSWIAI2_bV

XG00234401Chegaron onte os primeiros exemplares d’A neve interminable de Agustín Fernández Paz. Unha novela que supón o regreso de Agustín ao catálogo da colección Fóra de Xogo, na que non publicaba dende Corredores de sombra (2006). Un novo libro de misterio que vinte anos despois dialoga con Cartas de inverno (1995), un título senlleiro que permitiu a máis de cen mil lectores e lectoras galegas (e bastantes máis noutras linguas peninsulares) vivir durante unhas poucas horas ao límite do extraordinario. N’ A neve interminable Agustín explora os medos esenciais do ser humano e aqueloutros orixinados pola desorde mundial deste século. Nas páxinas desta novela de noveliñas daquel ano sen verán o noso recente candidato ao Nobel homenaxea a Howard Phillips Lovecraft, referencia imprescindible na literatura de terror, a Mary Shelley e a Lord Byron de quen anosa o seu poema profético e apocalíptico Darkness. Sei que volveremos sobre unha obra que aventuro será referente para moitos dos nosos lectores e lectoras.