Publicouse onte en The Guardian un importante artigo, escrito en forma de carta aberta a Andrea Schleicher, coordinador do programa PISA, na que oitenta e seis profesores de facultades de Educación de universidades dos Estados Unidos, Canadá, Reino Unido, Australia, Nova Zelandia e países nórdicos, denuncian as consecuencias negativas provocadas polos rankings de PISA nos sistemas educativos de máis de sesenta países da OCDE, crítican os contidos e a xestión das probas e exixen a súa paralización para o próximo trienio. Un texto moi crítico e contundente que moito chama a atención no entorno do noso sistema educativo onde as probas PISA se valoran case como infalibles, síntomas dos déficits do sistema e xustificación das principais mudanzas da LOMCE e dos recortes na educación pública do goberno Rajoy, a introdución de reválidas e probas externas e a centralización do currículum das administracións educativas.
Os expertos denuncian que PISA se convertiu no árbitro global da educación no mundo, «un modelo que pode matar o pracer de aprender», capaz de moldear as políticas educativas do mundo, imposto sen debate ningún sobre as necesidades ou as limitacións das metas educativas sinaladas pola OCDE. «Medir unha gran diversidade de tradicións educativas e culturais utilizando unha medida única, limitada, prexuizada, podería causar un dano irreparable ás nosas escolas e estudantes». A seguir, denuncian como principais consecuencias negativas provocadas por PISA unha perigosa homoxeinización e empobrecemento dos currículums; un curtopracismo das accións educativas, que abandoan os aspectos non medibles como o desenvolvemento físico, moral, cívico e artístico do estudantado; ademais dun «estreitamento da imaxinación colectiva respecto ao que é a educación e ao que debe ser».
Estes expertos en Educación críticos con PISA propoñen reconsiderar o modelo actual, contando coa participación das comunidades educativas e das organizacións educativas internacionais. Exixen que se coñezan os custes directos e indirectos da xestión das probas, de xeito que os contribuíntes dos países membros poidan procurar usos alternativos aos cartos gastados nelas e decidir se queren continuar participando nelas. Así mesmo, expresan a necesidade de coñecer se existen conflitos de intereses entre as empresas privadas que preparan, executan as probas e xestionan os seus resultados. Por último propoñen que se adíe o próximo ciclo de PISA coa intención que contar con tempo abondo para fixar un novo modelo mellorado das probas.
PISA centra o debate e as preocupacións educativa de moitos países. É inevitable abrilo tamén no noso.