Artigos

Prioridade para a cultura

No artigo da semana en Faro de Vigo reivindico a prioridade da cultura en tempos de crise.

A cultura é un dos sectores que sofre con maior intensidade os efectos da crise económica e dos recortes impostos polas “políticas de consolidación fiscal” esixidas polos socios e prestamistas europeos. A obriga de reducir o gasto e o déficit público levou a baixar os orzamentos de todas as administracións, dende o goberno do estado a cada un dos concellos, alí onde semellaba que menos doería, o que para case todas elas quere dicir na cultura. Un comportamento político ao que non é allea a prexuizosa consideración do sector cultural como ornamental ou accesorio, apenas un mero capricho, iso si, sen menoscabo das gabanzas protocolarias da importancia do seu carácter identitario ou patrimonial.

Todos os sectores da cultura, dende as iniciativas dos poderes públicos (museos, centros de arte e bibliotecas, especialmente) até as industriais culturais privadas, sexa da edición de libros, do cine, das artes escénicas, da música culta e popular, das artes plásticas ou dos novos medios viven hoxe unha situación de emerxencia que ameaza a súa supervivencia. Sectores culturais que non debemos esquecer chegaron a ofrecer en España no seu conxunto 600.000 empregos directos ou indirectos e supoñían un nada desprezable 4% do PIB. Dende o inicio da crise económica, hai xa máis de catro anos, multiplicáronse a redución de fondos, persoal e horarios de numerosos museos e centros de arte por toda a xeografía española; como diminuí a actividade teatral e musical até límites descoñecidos, así como o número de películas producidas, xa que o das estreadas aínda é moito menor, debido ás dificultades das produtoras para atoparlles un oco no mercado da distribución entre as producións estadounidenses.

Unha situación de precariedade que en Galicia adquire tintes absolutamente dramáticos debido á febleza do tecido profesional das nosas industrias culturais como ao dano (xa irreparable) que para a cultura galega supuxo a ruptura irresponsable do goberno de Feijoo co consenso arredor do estatus da lingua na nosa sociedade forxado ao longo de case tres décadas de Autonomía. Precariedade á que tampouco é allea o lastre (a millonada de euros) que supón a finalización do proxecto da Cidade da Cultura do Gaiás e o desenvolvemento nas súas instalacións dunha programación digna que axude a mitigar o enorme fiasco da escultura xigante do arquitecto Eisenman concibida naqueles temos de fartura e disparate megalómano de Manuel Fraga. Hoxe todas as industrias culturais en Galicia (edición, audiovisual, artes plásticas e artes escénicas), que ocupan a 17.000 persoas e supoñen case o 2% do PIB galego, viven o momento máis crítico da súa historia, tanto pola precariedade das políticas públicas, como pola necesidade específica de cada unha delas de acometer profundas mudanzas estratéxicas nas súas cadeas de valor, motivadas tanto polo tránsito cara a novos modelos de creación e distribución dixital como polos novos requirimentos dos públicos actuais e da necesidade da presenza dos seus produtos nos mercados internacionais.

A suba do IVE até o 21%, que afecta a todos os sectores culturais, coa única excepción dos libros impresos, e a paralización da tantas veces prometida lei de mecenado son senllos golpes durísimos do Goberno de Rajoy que poñen ao sector cultural de novo sobre as cordas. Especialmente alporizante resulta o veto do ministro de Facenda a poñer en marcha unha lei chamada a substituír as políticas de subvención polas de desgravacións, incentivación e racionalización dos recursos destinados ás iniciativas culturais, tanto públicas como privadas. Unha lei de mecenado que incrementaría as deducións fiscais, tanto de persoas físicas como de sociedades, das doazóns destinadas á cultura, o que permitiría un maior peso da sociedade civil sobre o futuro destes proxectos, ao tempo que unha maior independencia con respecto ás administracións públicas e aos caprichos e querenzas dos seus responsables.

Coas subvencións baixo cero, co mercado cultural eivado tanto pola brutal subida do IVE como polos efectos do desemprego e recortes aos funcionarios, mais sen posibilidade tampouco de acudir ao mecenado do capital privado, a ninguén pode estrañar que os diversos sectores e empresas culturais se precipiten cara o abismo. Razón pola que non está de máis apelar ás conciencias lembrando que tanto as iniciativas públicas como as industrias culturais privadas deben ser consideradas como sectores produtivos estratéxicos, capaces de crear valor e emprego, ademais de contribuír a proporcionar un maior benestar e cohesión social. A cultura non pode quedar ao pairo dos avatares da crise. Cada euro que se deixa de investir en cultura empobrécenos un pouco máis. Non se pode esquecer esa prioridade para a cultura.