Artigos

Onte 796: Volve Dolores Redondo con «Legado nos ósos»

Chegaron a Xerais os primeiros exemplares de Legado nos ósos, a segunda entrega da triloxía do Baztán de Dolores Redondo, a narradora vasca de pais galegos. Esta edición en galego chegará hoxe ás librarías, xunto as edicións en castelán, catalá e éuscaro, un modelo de edición plurilingüe a emular. A tradución de Ramón Nicolás flúe coma o río, de marabilla, a pesar de contar cun tempo moi escaso para trasladar para o galego unha novela de 570 páxinas, o que supuxo un reto tanto para el como para todo o equipo que se ocupou do proceso de edición. Como xa me sucedera con O gardián invisible quedei atrapado. Dolores Redondo consolídase coma unha mestra da narración trepidante e do manexo de tramas policiais complexas, onde conflúe a investigación forense máis avanzada coa memoria mítica agochada nos vieiros do Baztán. No entanto, nesta segunda entrega salienta a introspección emocional á que somete a inspectora Amaia Salazar, que comparte a investigación de crimes arrepiantes, tanto co proceso de aleitamento do seu Ibai como coa situación límite que vive a súa propia nai. Moita emoción, tamén moita dor. Dolores Redondo estará en Vigo o 27 de novembro para ditar unha conferencia no Club Faro de Vigo. Alí estaremos para darlle os merecidos parabéns.