Vigo, a nosa California
Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo ao bando que leu Víctor Freixanes con motivo do Día de Galicia en Vigo 2017:
Encantoume o Bando que co gallo do Día de Galicia en Vigo 2017 leu en Castrelos o escritor e editor Víctor F. Freixanes, actual presidente da Real Academia Galega. Unha peza literaria fermosa na que reivindicou o liderado de Vigo no proxecto modernizador de Galicia, ao tempo que evocou de forma saudosa os seus corenta anos vencellado á cidade, desque comezou a traballar naquela Radio Popular de Vigo da época de José Andrés Hernández e Gerardo González Martín. Un discurso inzado de chamadas a mobilizar azos, ideas e vontades para que Vigo non perda nin a súa identidade nin o seu liderado. Freixanes citou a Méndez Ferrín para advertir que Galicia só se salvará se o fai Vigo, apelando así ao carácter acolledor, dinámico e cívico (“revolcado”, adxectivaba Xela Arias) dunha “cidade de encontros”, “cidade para construír e sementar, sen complexos, sempre a sumar, sempre a abrir os brazos aos que se achegan, porque todos somos de aquí, todos somos Vigo, e en sendo Vigo somos Galicia”. Xaora, foi o treito final do discurso o máis emocionante, cando Víctor relatou a historia dun seu veciño da praza da Constitución, un veterano alfaiate catalán que nos anos corenta, camiño de coller o barco para América, decidiu quedar en terra e facer de Vigo a súa California, o país de oportunidades para el e para a súa familia.
O memorable discurso de Freixanes, que pola súa forma e calado xa forma parte da historia viguesa, constitúe un chamamento dende as células primixenias da sociedade civil viguesa, as formadas polo mundo do traballo, do asociacionismo e dos movementos sociais, a recuperar o entusiasmo pola idea de construír colectivamente o Gran Vigo como primeiro motor de Galicia. Freixanes convocou a recuperar o soño de Castelao para Vigo, como aquela Barcelona atlántica deseñada polo arquitecto Antonio Palacios; a facer aquel Vigo cosmopolita, que entusiasmaba a Julio Camba; a desenvolver aquel Vigo en bisbarra, co que Ramón Otero Pedrayo salientaba o seu carácter policéntrico e a importancia das súas vinte e tres parroquias; mais tamén a non esquecer o Vigo das xeometrías fabrís, o “abismo e paraíso” do poeta Manuel Forcadela, “a cidade Feroz” de Iolanda Zúñiga, “a cidade teorema” de Celso Emilio Ferreiro, “a cidade das grúas asombradas” de Antón Reixa… En definitiva, a facer esa cidade nova, activa e agarimosa que sempre se ofreceu orgullosa a liderar en todos os eidos o proxecto dun país chamado Galicia.
Porén, xusto é recoñecelo, este proxecto de Vigo ao servizo de Galicia foi perdendo pulo nas últimas décadas, tanto pola ferocidade da crise económica sobre a área metropolitana viguesa, singularmente sobre os sectores da automoción e o naval, onde reside o seu ADN industrial, como pola perda do músculo financeiro que supuxo ao longo do século XX a Caixa de Aforros para a economía viguesa. A continuidade do índice de desemprego arredor do 20 % amosa as dificultades de recuperación da economía metropolitana. Mais Vigo neste mesmo período tamén perdeu peso político, como amosa o insoportable bloqueo institucional, especialmente da Xunta de Galicia e do Goberno de España, que paraliza e ralentiza boa parte dos seus proxectos estratéxicos como a posta en marcha da área metropolitana, a chegada directa do AVE da meseta ou a declaración pola Unesco das Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade…
Os datos do “Informe económico e de competitivade Ardán 2017”, presentados hai apenas uns días pola Zona Franca, confirman que o Vigo metropolitano diminuíu o seu peso na economía galega, en boa medida polo crecemento da área urbana da Coruña. Unha perda do liderado, que o profesor Santiago Lago explica polo éxito da estratexia de “globalización intelixente de Inditex”, empresa para a que semella non existir a crise, da que depende o 70 % do saldo comercial de Galicia e que funciona como arrastre para a súa rexión urbana. Como non hai dúbida, pola contra, que a crise continúa batendo sobre os sectores industriais tradicionais viguesas da automoción e do naval, o que supón un factor de incerteza, mitigado, pola resistencia do tecido empresarial vigués que sigue sendo líder en Galicia, tanto en vendas brutas como en valor engadido, entre as compañías que facturan até 10 millóns de euros.
Vigo non pode deitarse nin nos brazos do conformismo nin nos do vitimismo cantonalista. Todos os datos amosan que pode volver a recuperar as posicións do liderado galego, sempre que asuma unha estratexia de rexeneración e diversificación profunda dos seus sectores, que podería ser moi facilitada pola creación dun entorno de cooperación institucional leal entre as diversas administracións públicas. Vigo debe continuar sendo terra vizosa de oportunidades e de acollida, como esa California da que lle falaba a Freixanes o alfaiate catalán.