Chamamento por Samil
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Chamamento por Samil realizado por un grupo de 40 persoas en outubro de 1970:
Dentro da ampla literatura viguesa das abaixo asinantes, xénero de opinión do que forman parte os manifestos e as cartas ao director, continúa sendo modélico aquel chamamento en defensa de Samil no que un grupo de corenta vigueses expresaba a súa desconformidade pola construción dun muro de formigón sobre a duna. Datado o 14 de outubro de 1970 e difundido íntegro na prensa do sábado 17, El Pueblo Gallego salientaba en primeira que os asinantes, «intelectuais, artistas e profesionais destacados», alertaban que o muro en construción en Samil «producirá consecuencias irreversibles» e que «o espazo de pública utilización quedará mutilado» para sempre. Un texto moi valente, tan explícito e razoado na súa crítica como fermoso na súa escrita, divulgado ao inicio da alcaldía do empresario Antonio Ramilo, que sucedera ao falanxista Rafael J. Portanet no mes de marzo, cando a ditadura deixaba moi poucas fendas para a expresión da protesta e os responsables dos xornais andaban con pés de la, axeitándose á supresión do procedemento de censura previa amparado pola chamada «Lei Fraga» (1966), redactada por Pío Cabanillas.
Asinado por empresarios como Valentín Paz Andrade, o seu fillo Alfonso e Enrique Massó; médicos como Julio Babé e Ramón de Castro; editores como Xosé María Álvarez Blázquez e Francisco Fernández del Riego ou escritores como Eduardo Blanco Amor, entre outros, o chamamento convidaba «a todos os devotos da praia de Samil e en especial aos nosos conveciños» a denunciar a destrución da «estética oval do marabilloso escenario» da primeira das praias viguesas. Xustificado pola «lexítima defensa do interese colectivo» e coa intención de evitar que «o silencio puidera interpretarse como complicidade, unha forma de culpa cívica na que non desexamos incorrer», os asinantes chaman á paralización da obra, tanto por modificar «a configuración natural do conxunto, que adopta a forma dunha cuncha dobremente alongada dende os arrecifes de Alcabre até a desembocadura do Lagares», «unha liña orixinal de insuperable beleza e graza, substituída por unha absurda “liña Maginot” contra os embates do mar, trazada con entrantes e saíntes inexplicables», como polo feito de que «o paseo marítimo non respecta os límites propios da espazo da praia», alertando que «a amputación aínda será maior se reconstrúe unha batería de casetas…».
Transcorridos cincuenta anos da inauguración do muro de Samil polo alcalde Ramilo a noitiña do día da Reconquista de 1972, que como mellor concesión aos críticos aceptou retranquear o paseo nun metro, o chamamento en plena ditadura do grupo liderado por Paz Andrade non perdeu actualidade nin pola afouteza cívica de evitar un silencio cómplice nos asuntos de interese colectivo nin pola defensa necesaria do que queda dun areal, que foi a nosa primeira dama, dende entón absolutamente degradado por actuacións posteriores, sobre todo as de 1981, que deseñaron as dotacións actuais. Construción dun muro sobre a duna, amparado entón polo «Plan Especial de Ordenación da Praia de Samil» (1968), outra peza desafortunada daquel «desarrollismo» franquista exercido con man de ferro e aparente luva paternalista polo alcalde Portanet, que autorizou tamén o derrubo de xoias do patrimonio vigués como o edificio Rubira (1967), primeira obra de Jenaro de la Fuente Domínguez, e o mercado da Laxe (1967), obra de Benito Gómez Román, retirou teimosamente o tranvía como rede de transporte metropolitano (1968) ou ordenou en 1966 agochar o monumento de Curros Enríquez nun xardín do Castro e retirar a escultura aos heroes da Reconquista da praza de España para substituíla por unha anódina fonte luminosa nocturna doada polo empresario cinematográfico Cesáreo González… Erros históricos irreparables, unha desfeita portanetista que medio século despois todos lamentamos.
Hoxe, diante dos anuncios do concello da súa intención de retirar o paseo apenas sete metros entre a praia do Tombo da gato e a pista de patinaxe, e das evidencias científicas máis recentes do impacto da emerxencia climática sobre a nosa beiramar, pagaría a pena actualizar aquela chamada cívica de socorro de 1970 e reclamar un plan de recuperación integral do que resta do ecosistema dunar de Samil. Retirar todas as infraestruturas permanentes, dende aparcamentos, piscinas e cafetarías e levalas uns 50 metros ao interior, como dende hai quince anos veñen solicitando os traballos de ecoloxía e urbanismo, sería a condición, como sucede no Vao dende 1990, para iniciar a difícil e paciente recuperación dos areais de Samil, proxecto que así concibido podería contar con financiamento dos fondos europeos para renaturalización. Será posible rescatar a beleza oval de Samil que hai cincuenta anos lle roubou un muro?