Listado de la etiqueta: josé_casal_cerqueira

Ksal, o pintor da curva de San Gregorio

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao programa Vigo, cidade de cor e á exposición dedicada aopintor Ksal instalada no Instituto Camoens de Vigo.

Dende hai menos dun mes, chama moito a atención na rúa Tomás Alonso o mural que Lula Goce pintou sobre unha das fachadas do número 20, no edificio situado ao inicio da curva de San Gregorio. Un díptico dunha forza multicromática hipnótica, enmarcado na tendencia do debuxo hiperrealista fotográfico, protagonizado polas figuras dunha nena e dun neno de olladas soñadoras con cadanseu ramo de elementos naturais no colo, o dela de gallas e o del de flores que lembran un corazón, sobre un pé floral no que as liñas dialogan sobre fondos brancos, verdes e vermellos. Unha instalación artística moi fermosa que, como esoutras recentes, tamén extraordinarias de Liqen na rúa Hispanidade, de Ramón Trigo nas escaleiras de Marqués de Valterra ou de Antón Pulido na praza de Peniche, forma parte do programa municipal “Vigo, cidade de cor” de recuperación artística de fachadas e espazos públicos degradados en distintos barrios de Vigo, encargado a artistas de diversas xeracións e estéticas, sen dúbida, merecedor dos máis intensos parabéns.

Intervención que no caso da pintora, ilustradora e deseñadora de Baiona humaniza unha fachada ao pé dun espazo onde a Asociación Veciñal Curva de San Gregorio reclama a instalación dun parque público e un miradoiro nun lugar tan característico do vello Coia de abaixo e da propia cidade. Un outeiro sobre a ribeira que en Vigo coñecemos pola fotografía emblemática de Pacheco de 1920, na que o tranvía número sete que baixa de Peniche supera o relanzo e avanza destino a Bouzas. Unha postal utilizada en numerosas ocasións para expresar visualmente a que bautizamos aquí como “síndrome Siboney”, unha doenza da saudade viguesa provocada pola perda prematura do tranvía, o noso primeiro transporte metropolitano, como para presentar a ribeira primixenia, antes de que se acometesen os recheos portuarios de Beiramar, que enguliron a praia de San Francisco e as da parroquia de san Martiño de Coia, onde se foron instalando os primeiros estaleiros industriais da ría.

1920Tranvia-en-la-curva-de-San-Gregorio

Unha postal de Pacheco onde aparece no seu ángulo inferior esquerdo a figura dun cativiño nacido no barrio, José Casal Cerqueira, que anos despois se convertiría en mecánico naval maior e no pintor do traballo no mar, que asinaba cada un dos seus cadros como Ksal. Unha historia moi emocionante deste xefe de máquinas vigués, recuperada polo escritor e músico Xurxo Souto no relato “O neno da curva de San Gregorio”, incluído no libro “Contos do mar de Irlanda” (Xerais, 2014). Pepe Casal, despois de estudar na Escola de Artes e Oficios e traballar como carpinteiro no estaleiro Santo Domingo, foi ao mar aos dezasete anos. As súas fillas Maricarme e Mariluz contan que dende entón sempre lle gustara simultanear o traballo cos estudos. Pintaba e preparaba maquetas e xoguetes para elas, tanto en terra, no seu estudio camarote da casa de Esturáns, como a bordo dos bacalloeiros que mareaban en Terranova durante oito meses de xeo, chegando a expoñer os seus cadros na illa francesa de Saint-Pierre et Miquelon, onde recibiu premios e recoñecementos, mais en vida (morreu en 2001) nunca puido facelo na súa propia terra.

Ksal_autorretratoNos seus cadros Ksal recollía paisaxes terrícolas e escenas do traballo do mar, como unha copada en alta mar, un barco arrastrando a súa parella, mais tamén paisaxes de bateas, escenas das mariscadoras na ría ou das edificacións do seu propio barrio natal. Ksal foi o pintor da galerna, dunha ollada que avanzaba en diagonal entre as ondas, capaz de presentar as parellas que navegaban atravesadas entre lombos de auga e mariñeiros traballando en perspectivas oblicuas, mais tamén de ofrecer escenas íntimas do cotián, como a do cociñeiro pelando patacas ou os mariñeiros no comedor. Xurxo Souto, o descubridor desta tan singular obra pictórica, dispersa en moitas casas de Vigo, do Morrazo e de Terranova, xa que Ksal agasallaba os seus cadros aos seus compañeiros, considera que mentres “Lugrís creou un océano sen tempo, un palimpsesto de auga, Ksal é pintor do momento do mar, do instante, da onda, do pantocazo, dunha realidade convulsa, da que arrinca pingas de eternidade”, para concluír que “Ksal é un océano para os ollos, Van Gogh en azul-Terranova”.

Por ventura, o señor Pepe Casal, o pintor do mar que andou ao mar, ese picariño que identificamos na postal de Pacheco da curva de San Gregorio, xa conta dende o pasado venres coa exposición dunha parte da súa obra pictórica na súa cidade, na sala de exposicións do Instituto Camoens na Casa Arines. Unha iniciativa magnífica da Asociación Cultural e Veciñal do Casco Vello que, ademais, será acompañada por un programa de concertos, proxeccións e intervencións nos que cada venres se homenaxeará a figura do noso pintor mariñeiro. Recomendo moi vivamente esta sorprendente exposición de Ksal.

Onte 1120: Ksal, o pintor do traballo no mar

Ksal

A presentación do serán de onte na libraría Cartabón de Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto, enmarcada na iniciativa dos «Venres nas librarías», constituíu un acto de homenaxe a José Casal Cerqueira «Ksal», o pintor do traballo do mar, a quen Souto dedica o capítulo do libro titulado «O neno da curva de San Gregorio». Coa presenza da súa filla Mariluz e do seu neto David, que participaron nunha animada conversa con Xurxo, lembrouse ao maquinista de Coia, falecido en 2001, que chegou a expoñer os seus cadros en  Terranova máis nunca o fixo na súa terra. O seu neto David lembrou as súas mans grandes, capaces de ir máis alá da mecánica, «meu avó pintaba, preparaba maquetas e outra pezas,cando regresaba da marea viña cargado de roupa e dos cadros que creara nos bancos do bacallau». Durante o acto proxectouse unha escolma dos cadros de Pepe Casal, nos que recollía paisaxes terrícolas e escenas do traballo do mar, como unha copada en alta mar, un barco arrastrando a súa parella ou os mariñeiros no comedor con cadansúa bota. Diante dos cadros, Souto comentou «a dificultade de presentar homes traballando en perspectivas oblicuas ou parellas que navegaban atravesadas entre lombos de auga, mais tamén ao cociñeiro pelando patacas. Ksal non é pintor de barcos, é o pintor do traballo do mar». Para Xurxo «mentres Lugrís creou un mar sen tempo, Ksal é pintor do momento do mar, do instante, da onda, do pantocazo, dunha realidade convulsa, da que arrinca pingas de eternidade». Diante do autorretrato de «Ksal«, así asinaba Cerqueira os cadros, Xurxo identificou no primeiro plano «a mirada intelixente do maquinista, do fogueiro», mentres ca no segundo o «dunha figura feminina e un neno (probablemente os eu neto David), ademais duns barcos varados na area». Para Souto «Ksal é Van Gogh en azul-Terranova», «o pintor do mar que andou ao mar, ese neno asombrado da curva de San Gregorio da foto de Pacheco que merece a grande exposición en Bouzas que non tivo en vida». Quedamos comprometidos coa causa da exposición Ksal que moito merece a pena.