Artigos

Campo do Fragoso CLII

coraje-celtaPUNTAZO DE DIGNIDADE

A intensa arrincada da Real Sociedade agoiraba un partido moi difícil para o Celta, ao que nunca lle sentou moi ben o horario do café vespertino. Os galegos tardaron vinte minutos en chegar a pisar a área pequena rival, cando xa os txuri urdin aseñoraban o xogo, coa táboa de marcas por diante, dende o minuto oito, grazas a un pexegazo de Canales dende fóra da área grande, que o noso Yoel papou coma un bendito. Durante ese período os de Jagoba Arrasate imprimiron un ritmo trepidante ao seu xogo, realizaron un aluvión de chegadas combinadas entre os seus catro temibles dianteiros, lanzaron varios saques de recanto con cadansúas perigosas cabezadas de Íñigo Martínez, ocasións nas que semellaba chegaría inevitablemente un segundo tanto fronte a un Celta que estaba fóra do partido.

Porén, a intensa tempestade donostiarra amainou e os de Luis Enrique moi amodiño foron entrando no encontro dirixidos polas batutas de Rafinha e Krohn-Dehli. Nolito avisou no minuto 21 que o Celta xa espertara cun xute moi orientado chapado polo porteiro. Serían despois Rafinha, Augusto e Krohn-Dehli os que finalizaron con escasa fortuna xogadas combinadas cada vez máis longas e perigosas. Cando frisaba a media hora, o capitán Mario Bermejo xutou mal, tras un fermosa combinación entre Nolito e Krohn. Porén, apenas cinco minutos despois, como sucedera hai quince días co Sevilla, o veterano dianteiro pelexou un penalti con Iñigo Martínez, que o árbitro dubidou uns segundos en sinalar, quizais polo feito de contar o central xa cun cartón amarelo. Nolito volveu marcar, a pesar de que Claudio Bravo se estricou na dirección correcta. Dez grandes minutos celestes que conseguiron a igualada, unha proeza tal como comezara o xogo. Mais como pouco dura a ledicia na casa do probe, cando apenas faltaban dous minutiños para o descanso, un erro no despexe da defensa nosa facilitou que o francés Griezmann volvese adiantar aos donostiarras. Para botarse a chorar ou xurar en arameo, pensaron moitos celtistas.

Non comezou mellor a segunda sesión. Apenas reanudado o xogo, Jon Aurtenetxe foi expulsado por cartón vermello directo, tras marcarlle os seus tacos a Vela na coxa, o dianteiro mexicano que chegara de rapaz ao Celta cedido polo Arsenal. Con dez o Celta reordenou a súa defensa, recolocando alí a Fontás, para tratar de resistir á nova avalancha que se lle viña enriba. Durante uns minutos o partido entrou nesa fase escura e aborrecible de continuas interrupcións. A Real atacaba con catro efectivos para liquidar o partido. Griezmann tivo nas súa biqueira o terceiro en dúas oportunidades claras, tras dura pelexa co noso Jonny. Mais coma sucedera na primeira, os txuri urdin non souberon definir cando tiñan toda a superioridade. Entón, Luis Enrique deu entrada a Orellana, Mina e Íñigo López, que lle deron a volta ao partido coma un carpín. Contaxiado polo entusiasmo da afección, o Celta con dez tirou das súas reservas de dignidade e arrepúxose á temible Real. Santi Mina, a pérola da nosa canteira, apenas incorporado á lameira, avisou da súa presenza cun remate ben dirixido. Xaora, cando faltaban oito minutos, o rapaz aproveitou un balón abandonado na frontal, tras unha xogada excelente de Orellana, para xutar de forma tremenda e conseguir un dos goles máis importantes da súa carreira. Dous minutos despois, no caneo de Orellana na área pequena tivo o Celta case o terceiro. Semellaba incrible que un partido no que o Celta comezara con once en clara inferioridade de xogo, rematase con dez en xusta igualdade fronte un rival con aspiracións europeas. O de onte foi un puntazo de dignidade que deixa ao Celta apenas a tres puntiños do seu obxectivo da permanencia.

Onte 913: Gabanza dun Celta grande con Nolito

2014031608101877107No emocionante partido de onte o meu admirado Nolito tivo unha participación memorable. A pesar de que no que levamos de tempada non colleu o seu mellor punto de forma, sempre acreditei na necesidade da súa participación, aínda que fose por poucos minutos, xa que é un futbolista de alta escola, deses escollidos capaces de explorar os territorios da fantasía e do imprevisaible. Así sucedeu onte no Ciutat de Valencia onde Nolito conduciu á vitoria a un equipo afouto, até a temeridade, perseguindo un segundo tanto cando máis apretaban os rivais para conseguir a igualada. O gol do Celta foi unha peza de ourivería, un modelo de xogo compartido onde a engrenaxe da súa reloxaría funcionou con auténtica perfección galega. O canteirán Jonny realizou un pase vertical marabilloso de máis de trinta metros, Orellana creou un espazo enorme que confundiu ao lateral levantino, Augusto correu veloz coa bóla e centrou moi medido para que noutra banda chegase Nolito e rematase coa súa luva de biqueira. Ser celtista é un exercicio arriscado de fé nas posibilidades do equipo noso, non exento de decepcións e angustias tremendas, nas que o corazón late a velocidade de vertixe. Onte gozamos e sufrimos cun Celta grande, extraordinario, afouto até o delirio, conducido por un artista que queremos por Nolito.

Campo do Fragoso CL

BESTA NEGRA

Non tivo fortuna o Celta fronte ao equipo do Cholo Simeone, o adestrador arxentino que gañou todos os catro partidos xogados polo seu Atlético de Madrid contra o primeiro equipo galego. A pesar dun excelente primeiro acto, no que conservou a intensidade e o aroma de xogo de calidade, que o levaron a ser un dos mellores equipos da liga dos meses de xaneiro e febreiro, o Celta derrubouse coma un castelo de naipes no segundo, noqueado en apenas tres minutos por dúas pegadas brutais de David Villa, un dianteiro nato que na lameira do Fragoso reapareceu coma ave fénix reivindicándose coma o goleiro pícaro, arteiro e práctico que sempre foi. Un castigo tan contundente coma previsible que devolve aos de Luis Enrique ás penalidades e emocións de liga tan difícil coma a que disputan os dez equipos que pretenden evitar o descenso.

Comezou o Celta máis centrado ca en partidos anteriores en Balaídos. Foi capaz de controlar a posesión da pelota diante dun equipo moi rudo e incómodo coma o Atlético, capaz de desesperar ao rival con interrupcións de xogo e faltas continuas. Baixo a batuta dun incansable Krohn-Dehli, o Celta abriu xogo polas bandas procurando unhas veces as superioridades pola dereita de Orellana, que non tivo o seu mellor día, ou pola esquerda de Nolito, que a pesar dos meses transcorridos non conseguiu aínda o seu punto ideal de forma. Oubiña, que regresaba ao equipo, foi o primeiro que aos sete minutos atopou porta enganchando un saque de recanto, unha excelente xogada táctica a balón parado. Sería despois Álex López quen cun pexegazo a ras da lameira culminase unha xogada na que procurou a diagonal de Curtois, o extraordinario gardarredes belga. O Celta quería, aínda que notaba a ausencia da fantasía de Rafinha na creación de superioridades. Con este panorama, o Atlético non se sentía cómodo e tardou vinte e cinco minutos en avisar do seu perigo cun globo enviado por Raúl García dende trinta metros, que pillou un chisco adiantado a Yoel, que pouco despois chapou un perigoso remate do internacional Koke. Igualouse así decontado o partido, con alternativas en ambas as dúas áreas, as de dous equipos ben traballados tacticamente nos que mandaban as defensas sobre os ataques. Mágoa que a piques de rematar a primeira parte, cando quedou só na área pequena Charles non fose capaz de superar a Curtois ou Jonny non fose capaz de marcar, tras outra excelente xogada táctica xerada cun saque de recanto.

Co incio do segundo acto, o Atleti saíu moito máis decidido, consciente que non podía perder a oportunidade de recuperar o liderado. Abondoulle con subir aos seus laterais para que abrisen xogo sobre David Villa, que apenas participara no xogo até entón. O Celta deu un paso atrás. O partido mudou coma un carpín á hora de xogo, cando o dianteiro asturiano aproveitou un erro nun pase de Jonny sobre Fontás. Erro tremendo que se repetiría dous minutos despois e que tamén aproveitaría Villa, un goleiro a quen non se lle poden dar tantas facilidades. Faltando vinte e cinco minutos o partido quedaba pechado cun Celta incapaz de arrepoñerse xa que aos seus motores Krohn-Dehli e Álex López acabaron coa súa gasolina. No entanto, cómpre recoñecer que os de Luis Enrique non tiraron nunca a toalla, a pesar de que desta volta foron claramente inferiores. Unha derrota previsible, pois, que non debería crear alarma. Quedan xornadas suficientes para obter eses dez puntos, apenas tres vitorias e un par de empates, que aseguren a continuidade na categoría. Temos confianza.