Onte 1480: Astérix e Wikileaks
Puxemos onte nas librarías O papiro do César, o máis recente álbum de Astérix, o segundo dos escritos por Jean-Yves Ferri e debuxados por Didier Conrad. Os novos autores, que recibiron o encargo de Uderzo e da filla de Gosciny de continuar a serie, nesta entrega dan unha importante volta de torca procurando atopar no tempo actual a cerna desta aventura. O mundo da comunicación é o tema central do álbum, no que se parodia o caso Wikileaks mediante o personaxe de Dobrepolémix, inspirado en Julian Assenge. O malvado editor Bonus Promocionus, que censurará un capítulo da Guerra das Galias, o papel das pombas mensaxeiras, a presenza dun esquío que chía e chia, homenaxeando a Twitter ou o nome de Antivirus para un centurión son outras referencias á comunicación. Haberá que agardar polo ditame da crítica. mais todo indica que nesta súa segunda vida a serie ten un futuro moi prometedor.